O BNG iniciará neste mes unha campaña para exixir a xestión pública do novo Centro de Día
Xaneiro 4, 2010 11:19 am Sen clasificarO BNG de Oleiros inciará a vindeira semana unha campaña para exixir a xestion pública do novo Centro de Día das Galeras contruído polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que conta cunha capacidade para 80 usuarios/as, capacidade que é unha das máis altas de Galiza.
Diante da pretensión do goberno do Partido Popular de privatizar a xestión de 14 novos centros de día que deberan entrar en funcionamento este ano e entre os cales se atopa o de Oleiros, o BNG realizará en Oleiros unha campaña de recollida de sinaturas e a realización de charlas informativas para que se manteña o carácter público dos servizos sociais, e para que non se utilicen estes como unha mera beneficiencia ou servizos con ánimo de lucro para empresas privadas ou fundacións, como o caso da Fundación San Rosendo liderada polo condenado crego Moure, que foi sentenciado por ter estafado propriedades de vellos que recibían asistencia nos seus centros.
O Centro de Día de Oleiros foi construído en terrreos públicos municipais e financiado con cartos do Concello e da Xunta de Galiza, e no seu convenio figura o compromiso de xestión pública do mesmo e non a externalización de servizos por conta de empresas privadas. Por iso, no BNG de Oleiros defenderemos que a xestión do futuro centro das Galeras sexa realizada conforme ao convenio asinado entre o alcalde de Oleiros e o ex vicepresidente da Xunta, ademais de defendermos que os servizos sociais no seu conxunto teñan ao igual que a sanidade carácter público universal.
O proxecto do Centro de Día de Oleiros foi realizado polo arquitecto Plácido Lizancos Mora, e o custe de execución deste aproxímase ao 1.500.000 €. A xestión prevista no convenio asinado entre o alcalde e a Vicepresidencia do anterior goberno obriga a confinanciación da xestión entre o Concello, o Consorcio e os usuarios/as cuns prezos públicos en función de porcentaxes da pensión líquida dos mesmos e nunca explotando os usuarios/as nin as súas familias.




