Santa Cristina abandonada polo goberno local
Xaneiro 7, 2010 2:14 pm Sen clasificarA localidade de Santa Cristina, na parroquia de Perillo, é unha das grandes esquecidas polos investimentos do Concello de Oleiros ao longo dos anos. A localidade de Santa Cristina concentra un grande número de locais de hostalaría que precisan, especialmente en momentos de crise, dun impulso orzamentario na zona para fomentar e promover de novo esta localidade como un referente hostaleiro e turístico de cualidade tanto na comarca como no conxunto de Galiza.
As rúas e beirarrúas atópanse nun lamentábel estado, a iluminación é moi deficiente, dando unha imaxe de penumbra a partir das primeiras horas da tarde. O paseo marítimo precisa dunha urxente remodelación e non somente de parches ou remendos. Os negocios da zona precisan de campañas de promoción que atraian o maior número de visitantes. Ademais precísase dun plan de intervención global na zona que transmita profesionalidade e cualidade.
Logo de varios anos de constatar o fracaso do plan de aparcamentos públicos promovidos polo goberno e que teñen un baixo nível de uso. Por outra banda, é necesaria a redacción dun proxecto integral de promoción da zona realizado por profesionais que converta Santa Cristina no grande bulevar da comarca coruñesa coa promoción de actividades náuticas vinculadas á praia e á ría, ademais dalgún paso peonil que comunique a zona coa outra beira da ría no concello da Coruña.



