Coa saúde da xente non se debe xogar
Xaneiro 11, 2010 1:31 pm Sen clasificarOs cidadáns e cidadás soportan a incompetencia dos responsábeis políticos
Mentres o goberno local e o Partido Popular pelexan a respeito da cesión e asunción de gastos dos centros de saúde, quen sae prexudicada é a cidadanía de Oleiros, que non é responsábel en ningún caso da incompetencia dos responsábeis políticos. Mais os cidadáns e cidadás teñen que padecer día a día as liortas entre Alternativa dos Veciños e Partido Popular mentres que os problemas seguen sen resolverse.
A día de hoxe a situación nos centros de saúde de Oleiros é lamentábel. O goberno local di que desde o pasado 31 de decembro non asume os gastos de mantemento destes centros e o Sergas di que non lle entregaron a documentación necesaria para asumir dito mantemento.
Isto tradúcese, entre outras cousas, por exemplo, en que no Centro de Saúde de Santa Cruz a empresa dos elevadores ten intención de desconectalos porque ninguén se fai cargo do pagamento deste servizo, e desde esta empresa xa comunicaron que non se farán responsábeis por calquera accidente que poida ocorrer. Tal situación reflecte a precariedade e a inseguridade coa que se enfrontan neste centro de saúde, e que afecta as persoas usuarias do centro e o cadro de persoal deste, por non indicar outros asuntos e gastos de mantemento dos que nin o goberno local nin o Sergas se fan responsábeis. A irresponsabilidade é por tanto manifesta en ambos os casos e inmerecida por parte da cidadanía, que paga os seus impostos por uns servizos dos cales tanto o PP na Xunta de Galiza como a Alternativa á fronte do goberno local non se responsabilizan. Neste momento calquera accidente ou problema derivado da falta de responsabilidade para afrontar os gastos de mantemento do Centro de Saúde de Santa Cruz está a ser remitida a Santiago de Compostela, desde onde en teoría se deben ocupar do tema, aínda que non fagan nada ao respecto, xogando coa saúde da cidadanía e obviando as súas obrigas para con esta.
No centro de saúde de Perillo están aínda nunha peor situación pois acaban de quedar sen calefacción ao se lles esgotar o gasoil en pleno inverno e non ter quen corra cos gastos de mantemento porque nin o goberno local nin a Xunta se fan responsábeis. Neste caso, a xerencia só procederá a enviar 14 radiadores, o cal máis que unha verdadeira solución ao problema é un parche, ademais de que non se sabe cando se levará a cabo este medida, mantendo unha situación lamentábel especialmente nun inverno tan frío como este.
Respeito da cesión do Centro de Saúde de Santa Cruz a segregación da parte da pista polideportiva para acceder aos terreos é un trámite sinxelo que o goberno local non foi quen de facer en tempo e que non pode servir de escusa para a cesión dese centro de saúde, xa que esa segregación apesar da incompetencia do goberno local podería ser feita a posteriori, polo que as escusas duns e doutros semellan máis unha liorta política interesada que non a vontade de resolver os problemas dos cidadáns e cidadás de Oleiros.
O BNG de Oleiros quere facer un chamamento á responsabilidade de ambas as partes, do goberno local e do goberno da Xunta, lembrando que ambos deben velar pola saúde dos cidadáns e cidadás, así como pola súa seguridade nestes centros, e que a saúde e a seguridade da cidadanía non pode ser elemento de xogo político, senón un dereito. Así que, por favor, póñanse de acordo e garantan os gastos de mantemento dos Centros de Saúde en Oleiros e resolvan todo aquilo que teñen que resolver. Póñanse de acordo porque coa saúde da xente non se debe xogar.



