O BNG de Oleiros pide ao alcalde que exixa á empresa concesionaria das piscinas unha indemnización polo tempo en que estas permaneceron pechadas
Xaneiro 20, 2010 2:44 pm Sen clasificarOs usuarios e usuarias das piscinas municipais de Oleiros non son responsábeis das causas polas que as referidas piscinas se atoparon pechadas a consecuencia da folga, ou, no caso da Canteira, por causa tamén do temporal. Debido a estes peches é polo que o goberno local, en aplicación do convenio, debe exixir á empresa concesionaria (Sidecu) unha indemnización polo tempo que as piscinas teñen realizado os seus peches, e debe realizarse a conseguinte devolución dos cartos aos usuarios e usuarias das piscinas municipais polos días en que se atoparon pechadas ben pola folga ou, como no caso da piscina da Canteira, polas consecuencias do temporal.
Non serve de xustificación alegar para as persoas usuarias da piscina da Canteira que existen máis piscinas desta empresa ás que estas persoas poden acudir, pois estas persoas escolleron esa piscina e non outra por causa da proximidade e da facilidade de combinaren os horarios en función das súas actividades laborais e familiares. Por ese motivo as solucións expostas polo goberno local e a empresa concesionaria non son as máis satisfactorias. O acontecido respeito da Escola de Música e respeito das piscinas municipais coas empresas concesionarias obriga a revisar para o futuro os pregos de condicións para todas aquelas xestións de servizos públicos que se saquen nun concurso, pois na práctica o goberno local e os usuarios e usuarias están sempre condicionados polas empresas privadas, que priorizan os seus intereses privados e económicos por diante do servizo público que deben oferecer á cidadanía. E o goberno local, por vacíos legais e por conivencia con estas empresas, non exerce activamente o seu papel de exixir o servizo nas mellores condicións e as conseguintes reparacións para co usuariado no caso de non cumprir a empresa correspondente debidamente con esta obriga.
A día de hoxe ningún usuario ou usuaria das piscinas recibiu devolución de cartos polos servizos non prestados nin o goberno indemnización polo incumprimento do contrato, o que deixa claro a precariedade na prestación dos servizos públicos por parte das empresas que xestionan estes servizos en Oleiros.



