O BNG apresentou hoxe polo Rexistro Municipal 21 medidas para a súa inclusión no Orzamento de 2010

2:19 pm Sen clasificar

21propostas_BNG

O BNG, continuando co desenvolvemento da súa política responsábel expón ao goberno local unha serie de propostas en 21 puntos para a súa inclusión no Orzamento de 2010 e para o seu correspondente debate.

O goberno local debe facer un esforzo para que no Orzamento deste ano 2010 os investimentos que se realicen teñan relación coa xeración de emprego e o impulso de medidas encamiñadas á mellora da economía no noso concello, e para que se leve a cabo o cumprimento das promesas incumpridas en anteriores anos.

O BNG quere contribuír deste xeito á mellora do Orzamento Municipal de 2010 cunha relación de propostas para seren incluídas no referido documento. Moitas delas non son propostas estrictamente económicas, senón que responden máis á vontade política de levar adiante unha serie de melloras para as cidadás e cidadáns do concello. Por iso, pensamos que deben ser contempladas no Orzamento Municipal de 2010, aínda que sexa con partidas simbólicas como o compromiso escrito e aprobado en pleno de levar adiante este ano unha chea de actuacións que de seguro mellorarán os servizos, os investimentos e outras administracións no concello, e, polo tanto, tamén han mellorar, sen dúbida, a calidade de vida das cidadás e dos cidadáns de Oleiros.

Estes 21 puntos que o BNG apresentou hoxe polo Rexistro Municipal son de maneira resumida os que a seguir enumeramos:

OBRAS

1. Restauración e ampliación do Museo dos Oleiros.

2. Reparación da polideportiva do CEIP “A Rabadeira”, pois esta é a polideportiva máis antiga do concello e precisa dunha grande reforma.

3. Mellora da iluminación nos núcleos úrbanos substituíndo aqueles pontos que xeran contaminación lumínica.

4. Correcta sinalización do aparcadoiro de Canide e eliminación de barreiras arquitectónicas para persoas con discapacidade, nomeadamente nos pasos a peóns.

5. Construción de beirarrúas na Corredoira das Viñas, que une a Avenida Che Guevara á altura de Santa Cristina coa rúa Xosé Neira Vilas na Canteira de Perillo, ao estar esta sen beirarrúa e con escasa iluminación, cunha calzada estreita que fai perigar a integridade das persoas nun tramo altamente denso en tránsito.

6. Reparación inmediata da rúa dos Pozos en Montrove dado o estado de deterioro desta.

7. Construción dun valado de protección nas pozas do antigo acceso á ría do Burgo na urbanización do Seixo como o colocado nas furnas do monumento natural da costa de Dexo, e colocacións duns letreiros de advertencia na citada zona para previr posíbeis accidentes.

8. Ampliación do aparcadoiro da piscina de Oleiros e protección para que os coches non caian.

9. Creación dun tanatorio municipal por non contar o concello cun tanatorio nin público nin privado.

10. Melloras para a parroquia de Nós incluíndo demandas que van desde a realización de melloras na vía pública, a mellora dos rexistros de pluviais na baixada da Urbanización Xardín de Nós á estrada AC221 (Salvador Allende), e conexión da rúa León Felipe coa rúa dos Cabaleiros.

RADIO OLEIROS

11. Compra de emisora móbil en Radio Oleiros para facer posíbel a retransmisión de actividades e actos en directo.

FINANCIAMENTO

12. Financiamento para a xestión do Centro de Día nas Galeras de carácter público, prevendo na partida orzamentaria o 30% do gasto correspondente ao Concello.

DEPORTES

13. Redacción por parte do Departamento de Deportes do Plano Director de Infraestruturas Deportivas.

TURISMO

14. Dispor terreo para a creación dun aparcamento de autocaravanas e dispor tamén terreo para a instalación dun albergue público municipal.

EDUCACIÓN

15. Dispor terreos para a construción dunha galescola en Nós.

16. Terreo ou inmóbel para se situar unha futura Escola Oficial de Idiomas.

CULTURA

17. Creación de locais de ensaio para grupos de música. Estes locais deberán estar adaptados canto á insonorización e que contén con ligazóns para o material técnico.

MANTEMENTO

18. Malia se ter iniciado xa o proceso de expropriación dos terreos na zona de Naval, este feito non exime o goberno local de adecentar e limpar o contorno da zona, cumprindo coas ordenanzas de limpeza, designando unha partida orzamentaria para tal fin.

OUTRAS INICIATIVAS

19. Sistema de aluguer de bicicletas con puntos de intercambio nas principais localidades do concello de Oleiros.

20. Acceso público á internet vía wi-fi.

21. Conxelación salarial dos cargos políticos (goberno e oposición) e das súas correspondentes asistencias cando as tiveren.