24 Febreiro, 2010
Sen clasificar
Non hai comentarios
O BNG de Oleiros alégrase de que o goberno local logo de 8 anos da proposta realizada polo BNG feita a través dunha iniciativa para a inclusión no Orzamento Municipal, como tamén en proposta fóra do referido orzamento, para a peonalización do centro histórico de Perillo, finalmente o goberno teña acometido esta peonalización do centro histórico de Perillo, como demandabamos desde hai xa 8 anos.
O BNG de Oleiros congratúlase tamén de que o goberno local teña acometido propostas do BNG como a pista de skate, a oficina estábel de Turismo en Santa Cristina ou que tivese continuado con iniciativas levadas a cabo polo BNG: música na rúa, ordenanza das terrazas, xestión dos pavillóns deportivos, ou as campañas de normalización lingüística.
Agardamos que outras propostas razoábeis e que benefician o conxunto do concello como a rede wi-fi, o servizo de aluguer de bicicletas ou o tanatorio público sexan tamén tidas en conta para a súa execución, mais esperamos que os veciños e veciñas non teñan que agardar 8 anos só para que o alcalde poida presumir da idea e autoría destas iniciativas.
A zona do centro histórico de Perillo, así como outras zonas como o centro histórico de Santa Cruz ou mesmo Xoez en Mera ou outros centros históricos deberían tamén ter unha zona de peonalización e de protección.
24 Febreiro, 2010
Sen clasificar
Non hai comentarios
Diante da polémica suscitada polo oferecemento do alcalde de Oleiros á Consellaría de Educación duns terreos que non son propriedade do Concello o BNG quer aclarar o seguinte:
1) Os terreos de que fala o alcalde e que foron oferecidos á Consellaría seguen a ser a día de hoxe propriedade da Fundación Tenreiro.
2) A Consellaría non pode executar a construción de nengún edificio público sen contar coa cesión de terreos municipais por parte do Pleno do Concello tal e como aconteceu por exemplo cos terreos para a construción do Centro de Día nas Galeras, cesión efectuada hai tamén dous anos e cuxa construción se encontra praticamente finalizada. Outros terreos tamén cedidos polo Pleno foron os do Centro de Saúde de Oleiros á Consellaría de Sanidade.
3) O feito de se ofertaren terreos que non son aínda municipais constitúe unha irresponsabilidade do alcalde alén dunha falta de respeito á entidade proprietaria e aos veciños e veciñas de Oleiros, por estar a falar o alcalde de algo que non é certo para eludir a propria irresponsabilidade e incompetencia do goberno local.
4) A Fundación Tenreiro non pode autorizar unha permuta tal e como lle ofereceu o alcalde no seu momento nen unha cesión gratuita sen a preceptiva autorización da Xunta de Galiza ao padroado desta Fundación, polo que en calquer dos supostos quer a Xunta de Galiza, quer o goberno local, máis unha vez volven pecar dun reiterado defeito: a falta de diálogo e de capacidade de negociación polo ben do interese común, neste caso un novo colexio no concello de Oleiros. O goberno local, mentindo e culpabilizando terceiros, e a Xunta de Galiza ao obstruír asuntos tan importantes para o concello como o proprio Plan Xeral.
19 Febreiro, 2010
Sen clasificar
Non hai comentarios

Martes 23 de febreiro ás 20:00 horas terá lugar un Acto Público do BNG na Casa Charry de Oleiros que versará sobre a Lei de Caixas, a fusión galega e o futuro da economía de Galiza. Neste acto, que será apresentado por Fina Quintáns, portavoz do BNG no Concello de Oleiros, contaremos coa intervención de Carlos Aymerich, portavoz do BNG no Parlamento de Galiza.
Lei de caixas e fusión galega, defendendo os intereses do país
O BNG tense destacado sempre na defensa da economía galega, mais é agora máis do que nunca cando o BNG reclama de maneira enérxica que Galiza ten dereito a estar dotada dunha autonomía financeira que entre todos e todas debemos demandar.
Por ese motivo, na defensa da autonomía financeira de Galiza, o BNG impulsou no Parlamento de Galiza a Lei de Caixas. Nese sentido, o BNG tamén destacou por ter impulsado desde o seu seo o manifesto “Galiza ten dereito”, asinado en primeiro lugar polo BNG como impulsor da iniciativa e tamén polo Partido Popular, a patronal e os sindicatos de Galiza, e subscrito logo por multitude de entidades do país, que se continúan a sumar a unha iniciativa que reclama que Galiza ten dereito a ter a súa propria autonomía financeira, e a non depender de entidades financeiras doutros territorios ou a decisións político-económicas que lle veñan de fóra.
Polas razóns aducidas o BNG de Oleiros convida toda a militancia do BNG, así como simpatizantes, veciños e veciñas, entidades de todo tipo, asociacións, empresas, así como o resto dos partidos políticos ao acto público sobre a Lei de Caixas, a fusión galega e o futuro da economía de Galiza deste martes 23 ás 20:00 horas na Casa Charry de Oleiros.
17 Febreiro, 2010
Sen clasificar
Non hai comentarios
O Partido Popular de Oleiros tenta tirar rédito electoral impedindo a aprobación definitiva do Plan Xeral
Resulta significativo ver como no último Pleno Municipal a maioría dos grupos políticos (Alternativa dos Veciños, PSOE e BNG) apoiaron as rectificacións do goberno para a aprobación definitiva despois de varios anos de Plan Xeral e o PP segue a se posicionar en contra nunha actitude cómplice coa Xunta de Galiza que prexudica gravemente os intereses dos e das oleirenses tanto no presente polo atraso acumulado como para o planeamento futuro do concello.
Oleiros, que vai xa pola terceira revisión do Plan Xeral e que a pesar da actitude belixerante e pouco negociadora do alcalde conseguiu finalizar o documento co apoio de tres dos catro grupos despois dos anos de atraso acumulados, ten que padecer agora a actitude irresponsábel do Partido Popular que pon por diante dos intereses xerais os intereses partidarios por causa dunhas eleccións municipais que non será quen de gañar e que, lonxe de lle reportar un beneficio electoral, contribuirá a ser castigado politicamente polo boicot ao concello.
A Consellaría de Ordenación do Territorio, lonxe tamén de ter unha actitude dialogante co Concello, utiliza a chantaxe e a coacción política nun asunto de vital importancia para a vida dun concello como é o Plan Xeral de Ordenación Municipal. O BNG levará de novo ao Parlamento Galego unha iniciativa instanto a Xunta de Galiza a solucionar dunha vez por todas a aprobación definitiva do PXOM cando o concello accedeu a incluír as modificacións exixidas e o Pleno Municipal aprobou cos votos de todos os partidos políticos, excepto o PP, esas modificacións.