O BNG de Oleiros inaugura o ‘Lar Espazo Aberto’, o local social aberto e participativo do BNG de Oleiros

Sen clasificar Non hai comentarios

lar_espazo_aberto_2010_03_23_inauguracion_468x500

O BNG de Oleiros inaugurou onte martes o novo local social aberto e participativo denominado “Lar Espazo Aberto”, situado no número 6 da rúa Dolores Ibarruri de Santa Cruz de Liáns

Lar Espazo Aberto é o novo local que o BNG inaugurou onte para uso proprio e común con toda a cidadanía, asociacións culturais e deportivas, institucións, militantes do BNG e simpatizantes. Este “espazo aberto” do BNG de Oleiros está situado no número 6 da rúa Dolores Ibarruri, na localidade de Santa Cruz de Liáns.

“Lar espazo aberto” é un local en que o BNG dá desde xa a posibilidade do seu uso por parte da cidadanía, nomeadamente de institucións, asociacións, clubes deportivos, e persoas que precisaren de realizar reunións, encontros, actos públicos, obradoiros, mesas redondas, charlas informativas, etc. Para iso, a asociación, entidade ou a persoa interesada en realizar actividades ou reunións, deberá simplemente solicitar ao BNG de Oleiros o local mediante un correo electrónico ao enderezo bng.oleiros@gmail.com explicando que entidade e/ou persoa realiza a petición e o tipo de reunión ou actividade que desexa realizar, o carácter desta, alén do día e a hora para cando precisa do local “Lar Espazo Aberto”, indicando algún número de teléfono de contacto. Tamén se poderá solicitar o local no número 666 251 390 (Xavier).

Na mañá de onte martes 23 de marzo o BNG de Oleiros ofereceu unha rolda de prensa para presentar aos medios de comunicación esta iniciativa aberta do BNG. A rolda de prensa contou coa participación de Fina Quintáns, portavoz do BNG de Oleiros, Toni Ardá, responsábel local do BNG en Oleiros, e Carlos Babío, secretario de organización do BNG na comarca, que subliñaron o carácter novidoso e aberto desta iniciativa.

Xa pola tarde, por volta das 20:00 horas, tivo lugar unha inauguración de carácter público á que acudiron militantes, simpatizantes, veciños e veciñas. Isto é, persoas, en resumo, interesadas na iniciativa, e mesmo á inauguración acudiu unha representación dalgúns grupos políticos do noso concello. Na inauguración de onte non faltaron petiscos e viño do país, así como sobremesas variadas, ademais dunha actuación para amenizar a inauguración do “Lar Espazo Aberto” a cargo da artista multidisciplinar Isabel Risco, quen deu os parabéns ao BNG de Oleiros pola apertura deste espazo aberto.

O BNG de Oleiros convida as asociacións culturais, veciñais, deportivas, institucións, partidos políticos, militantes do BNG e simpatizantes, ademais da cidadanía en xeral a facer un uso común do “LAR espazo aberto”, pois este concíbese como un espazo aberto e participativo, onde todos e todas teñen lugar para participar.

‘Lar Espazo Aberto’, o local social aberto e participativo do BNG de Oleiros será inaugurado martes 23 deste mes

Sen clasificar Non hai comentarios

espazoaberto468px

O BNG de Oleiros abrirá o novo local social aberto e participativo denominado “Lar Espazo Aberto” na terza feira, martes 23 do presente mes.

Lar Espazo Aberto é o novo local que o BNG disporá para uso proprio e común coa cidadanía en xeral, asociacións culturais e deportivas, institucións, militantes e simpatizantes. Este “espazo aberto” do BNG de Oleiros está situado no número 6 da rúa Dolores Ibarruri, na localidade de Santa Cruz de Liáns.

O próximo martes 23 será a inauguración deste “espazo aberto” que será un local onde se favorecerá o seu uso por parte da cidadanía, nomeadamente de institucións, asociacións, clubes deportivos, etc, que precisaren de realizar reunións, encontros, actos públicos, etc. Para iso, a asociación, entidade ou a persoa interesada en realizar actividades ou reunións, deberá simplemente solicitar ao BNG de Oleiros o local mediante un correo electrónico ao enderezo bng.oleiros@gmail.com explicando quen realiza a petición e o tipo de reunión ou actividade, alén do día e a hora para cando precisa do local “Lar Espazo Aberto”.

Presentación ante os medios de comunicación ás 12:00 horas

O BNG de Oleiros realiza unha convocatoria de prensa para a mañá do próximo martes 23 ás 12:00 horas, momento en que se inaugurará para a prensa o local “Espazo Aberto” do BNG de Oleiros. No acto intervirán a portavoz do BNG no Concello de Oleiros, Fina Quintáns, e o responsábel local do BNG de Oleiros, Toni Ardá.

Inauguración pública convidando as asociacións, clubes e entidades do concello ás 20:00 horas

Xa pola tarde do martes 23, ás 20:00 horas, terá lugar a inauguración para o público, onde haberá petiscos e viño da terra, ademais dunha actuación para amenizar a inauguración do “Lar Espazo Aberto”. O BNG de Oleiros convida as asociacións culturais, veciñais, deportivas, institucións, partidos políticos, militantes do BNG e simpatizantes, ademais da cidadanía en xeral a participar na inauguración para o público o día 23 ás 20:00 horas deste “Lar Espazo Aberto” que se concibe como un espazo aberto e participativo.

O BNG demanda da Xunta de Galiza a organización dun concerto do Xacobeo 2010 en Santa Cristina

Sen clasificar Non hai comentarios

santa_cristina_84

A Xunta de Feijóo está a programar diversos concertos enmarcados no Xacobeo, entre eles o da MTV, e Oleiros segue sen aparecer como concello onde se programe un concerto do Xacobeo. Oleiros está, por tanto, excluído por parte da Xunta dos concertos do Xacobeo deste ano.

O BNG de Oleiros apresentou unha iniciativa no seu día no Parlamento de Galiza demandando se a Xunta organizaría o grande concerto do Xacobeo 2010 en Santa Cristina do mesmo modo que nos dous xacobeos precedentes, logo de ter sido apresentada a programación do Xacobeo 2010 por parte do goberno da Xunta. A iniciativa do BNG ten a súa orixe no feito de o noso concello ter sido excluído desa programación por parte da Xunta. A pergunta parlamentar realizada no seu día polo BNG non foi respondida aínda pola Xunta, e o noso concello continúa estando excluído dos concertos do Xacobeo.

O concello de Oleiros foi protagonista nos dous últimos xacobeos de dous concertos dos máis multitudinarios da historia de Galiza. O primeiro deles contou con Mike Oldfield, Luar na Lubre e The Corrs, e o segundo dos concertos con Carlinhos Brown e Orishas, entre outros destacados intérpretes. Máis de 100.000 persoas asistiron a cada un dos concertos, segundo estimacións de diferentes fontes, conseguíndose deste xeito que unha grande cantidade de persoas se achegasen ao concello de Oleiros desde diversos puntos da xeografía galega e internacional, cun excelente comportamento do público asistente que foi envexábel para calquera outro concerto de carácter internacional.

O concello de Oleiros e a comarca da Coruña no seu conxunto beneficiáronse dos concertos antes referidos quer na promoción turística quer nos beneficios xerados para a hostelaría. Por este motivo o conxunto da corporación do Concello de Oleiros así como a poboación deste concello non poden nin poderían entender que non se realizase un concerto destas características coa experiencia dos eventos realizados. Téndomos a capacidade para acollermos un grande concerto no noso concello, nomeadamente en Santa Cristina, no verán de 2010, cun elenco de artistas de relevancia tanto de Galiza como internacionais, que garanta unha afluencia masiva de asistentes a este concerto, esta sería unha ocasión que non deberíamos desaproveitar para promocionarmos o turismo quer a nível local e comarcal, quer a nível galego e internacional.

Así as cousas, non se entende, por tanto, que o concello de Oleiros fique marxinado por parte da Xunta como localidade para se desenvolver un grande concerto do Xacobeo 2010. Por todo isto, o BNG demandará de novo cales son as causas de que Oleiros se marxine canto aos concertos do Xacobeo e exixirá un compromiso por parte da Xunta para a realización dun concerto do Xacobeo 2010 no noso concello.

O BNG de Oleiros non coincide co goberno local no expediente da Escola de Música

Sen clasificar Non hai comentarios

musica_12

Onte martes celebrouse unha Comisión Informativa en que se deu conta das conclusións do expediente de investigación do goberno local a respeito da Escola Municipal de Música de Oleiros. O BNG, na demanda de transparencia e do exercicio da legalidade por parte do concello e para que os intereses dos veciños e veciñas estean sempre por diante dos intereses das empresas que prestan os servizos, motivou a apertura dese expediente e con cuxas conclusións difire:

O informe xurídico é substancialmente correcto mais omite o esencial, que é a coincidencia do obxecto social co posto de funcionario. Sendo certo que a prohibición de contratar un funcionario non se extende a calquera Administración dita prohibición si afecta cando exista coincidencia entre o obxecto de prestación de contrato e o seu posto de funcionario, aínda que as Administracións sexan diferentes.

1.- A Escola de Música, aínda sendo de titularidade municipal, depende da Consellaría de Educación (onde prestan servizos os funcionarios), non só respeito da súa creación senón tamén respecto do seu réxime de funcionamento. Así o estabelece a Orde de 11 de marzo de 1993 (de condicións de creación e funcionamento das escolas de música e danza).

2.- Existe relación directa entre a Escola de Música (obxecto de contrato) e os Conservatorios de Música (onde prestan servizos os funcionarios), na medida en que moito alumnado da Escola de Música pode acceder aos Conservatorios.

3.- O Decreto 39/1994, de 17 de febreiro declara de interese público a actividade realizada por funcionarios en escolas de música, aos efectos de aplicación de réxime de incompatibilidades, mais só se dita prestación en ditas Escolas se fai en réxime de contratación laboral, mais non cando, como é o caso, se fai en réxime de contratación administrativa por medio de persoa xurídica interposta.

Conclusión : os exemplos postos pola secretaria-interventora no seu informe non son de aplicación. Neste caso non é que o concello de Oleiros non poida mercar periódicos nun quiosco propriedade do cónxugue dun funcionario da Xunta. Neste caso o fundamental, o trascendente, é que o goberno local adxudicou un contrato para a xestión dunha escola de música a unha empresa propriedade dun funcionario que presta servizos como profesor de música noutra Administración (Consellaría de Educación), si, mais da cal depende educativamente dita Escola de Música e que, ademsis, o proprio funcionario pode ter relación directa co alumnado ao cal a súa empresa impartiu docencia.

*A Empresa concesionaria da xestión da Escola Municipal de Música de Oleiros ten aberto un expediente pola Consellaría de Educación sen resolver.