O BNG demanda da Xunta de Galiza a organización dun concerto do Xacobeo 2010 en Santa Cristina

Sen clasificar Non hai comentarios

santa_cristina_84

A Xunta de Feijóo está a programar diversos concertos enmarcados no Xacobeo, entre eles o da MTV, e Oleiros segue sen aparecer como concello onde se programe un concerto do Xacobeo. Oleiros está, por tanto, excluído por parte da Xunta dos concertos do Xacobeo deste ano.

O BNG de Oleiros apresentou unha iniciativa no seu día no Parlamento de Galiza demandando se a Xunta organizaría o grande concerto do Xacobeo 2010 en Santa Cristina do mesmo modo que nos dous xacobeos precedentes, logo de ter sido apresentada a programación do Xacobeo 2010 por parte do goberno da Xunta. A iniciativa do BNG ten a súa orixe no feito de o noso concello ter sido excluído desa programación por parte da Xunta. A pergunta parlamentar realizada no seu día polo BNG non foi respondida aínda pola Xunta, e o noso concello continúa estando excluído dos concertos do Xacobeo.

O concello de Oleiros foi protagonista nos dous últimos xacobeos de dous concertos dos máis multitudinarios da historia de Galiza. O primeiro deles contou con Mike Oldfield, Luar na Lubre e The Corrs, e o segundo dos concertos con Carlinhos Brown e Orishas, entre outros destacados intérpretes. Máis de 100.000 persoas asistiron a cada un dos concertos, segundo estimacións de diferentes fontes, conseguíndose deste xeito que unha grande cantidade de persoas se achegasen ao concello de Oleiros desde diversos puntos da xeografía galega e internacional, cun excelente comportamento do público asistente que foi envexábel para calquera outro concerto de carácter internacional.

O concello de Oleiros e a comarca da Coruña no seu conxunto beneficiáronse dos concertos antes referidos quer na promoción turística quer nos beneficios xerados para a hostelaría. Por este motivo o conxunto da corporación do Concello de Oleiros así como a poboación deste concello non poden nin poderían entender que non se realizase un concerto destas características coa experiencia dos eventos realizados. Téndomos a capacidade para acollermos un grande concerto no noso concello, nomeadamente en Santa Cristina, no verán de 2010, cun elenco de artistas de relevancia tanto de Galiza como internacionais, que garanta unha afluencia masiva de asistentes a este concerto, esta sería unha ocasión que non deberíamos desaproveitar para promocionarmos o turismo quer a nível local e comarcal, quer a nível galego e internacional.

Así as cousas, non se entende, por tanto, que o concello de Oleiros fique marxinado por parte da Xunta como localidade para se desenvolver un grande concerto do Xacobeo 2010. Por todo isto, o BNG demandará de novo cales son as causas de que Oleiros se marxine canto aos concertos do Xacobeo e exixirá un compromiso por parte da Xunta para a realización dun concerto do Xacobeo 2010 no noso concello.