‘Lar Espazo Aberto’, o local social aberto e participativo do BNG de Oleiros será inaugurado martes 23 deste mes

Sen clasificar Non hai comentarios

espazoaberto468px

O BNG de Oleiros abrirá o novo local social aberto e participativo denominado “Lar Espazo Aberto” na terza feira, martes 23 do presente mes.

Lar Espazo Aberto é o novo local que o BNG disporá para uso proprio e común coa cidadanía en xeral, asociacións culturais e deportivas, institucións, militantes e simpatizantes. Este “espazo aberto” do BNG de Oleiros está situado no número 6 da rúa Dolores Ibarruri, na localidade de Santa Cruz de Liáns.

O próximo martes 23 será a inauguración deste “espazo aberto” que será un local onde se favorecerá o seu uso por parte da cidadanía, nomeadamente de institucións, asociacións, clubes deportivos, etc, que precisaren de realizar reunións, encontros, actos públicos, etc. Para iso, a asociación, entidade ou a persoa interesada en realizar actividades ou reunións, deberá simplemente solicitar ao BNG de Oleiros o local mediante un correo electrónico ao enderezo bng.oleiros@gmail.com explicando quen realiza a petición e o tipo de reunión ou actividade, alén do día e a hora para cando precisa do local “Lar Espazo Aberto”.

Presentación ante os medios de comunicación ás 12:00 horas

O BNG de Oleiros realiza unha convocatoria de prensa para a mañá do próximo martes 23 ás 12:00 horas, momento en que se inaugurará para a prensa o local “Espazo Aberto” do BNG de Oleiros. No acto intervirán a portavoz do BNG no Concello de Oleiros, Fina Quintáns, e o responsábel local do BNG de Oleiros, Toni Ardá.

Inauguración pública convidando as asociacións, clubes e entidades do concello ás 20:00 horas

Xa pola tarde do martes 23, ás 20:00 horas, terá lugar a inauguración para o público, onde haberá petiscos e viño da terra, ademais dunha actuación para amenizar a inauguración do “Lar Espazo Aberto”. O BNG de Oleiros convida as asociacións culturais, veciñais, deportivas, institucións, partidos políticos, militantes do BNG e simpatizantes, ademais da cidadanía en xeral a participar na inauguración para o público o día 23 ás 20:00 horas deste “Lar Espazo Aberto” que se concibe como un espazo aberto e participativo.