31 Maio, 2010
Sen clasificar
Non hai comentarios

O BNG de Oleiros presentou na mañá de hoxe 31 de maio unha moción en defensa da lingua galega a través do Rexistro Municipal do Concello de Oleiros
A moción presentada hoxe polo BNG de Oleiros para a súa proposta ao Pleno Municipal do Concello está motivada por unha situación de deterioración da situación da nosa lingua por parte do trato recibido polo goberno Feijóo. No contexto actual de discriminación do Galego polo goberno Feijóo, Oleiros non pode ficar á marxe dos ataques ao Galego promovidos por un goberno que non só non defende a nosa lingua senón que a maltrata e coloca esta nunha posición de subalternidade, a pesar de ser o Galego non só lingua oficial mais tamén a lingua propia de Galiza.
Perante os ataques que está a desenvolver o goberno Feijóo nos últimos tempos contra a nosa lingua, e perante a aprobación dun decreto do ensino que coloca o Galego como lingua B no seu propio territorio, o BNG de Oleiros propón ao Pleno do Concello de Oleiros a seguinte moción que a seguir reproducimos:
A/A ALCALDE-PRESIDENTE D. ÁNGEL GARCÍA SEOANE
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Resulta evidente que o proceso de normalización de usos do Galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir na nosa lingua. O respecto á legalidade vixente (Estatuto de Autonomía e Lei de Normalización Lingüística) e a implementación de cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia semellan non ir na dirección daqueles que aínda poñen proa ao dereito fundamental para que o Galego goce no seu territorio do mesmo status legal que o Castelán no seu.
Asistimos nos últimos tempos a unha situación esperpéntica, por canto existen sectores –políticos e mediáticos– que pretenden trasladar á opinión pública a idea de que o idioma castelán corre perigo en Galiza por mor da suposta discriminación a que se ven sometidas as persoas que falan nesta lingua.
Mentres tanto, a realidade é claramente á inversa: non só non gozamos dunha realidade que permita a existencia e normalidade dos usos do noso idioma no día a día, senón que ademais resulta evidente un proceso de confusionismo que pretende rebaixar aínda máis o status xurídico do Galego, partindo dunha situación de clara desigualdade e desvantaxe do Galego fronte ao Castelán, e que os únicos deberes para as administracións públicas queden referenciados ao uso do Castelán. Na práctica, estamos nunha situación de negación da igualdade e convivencia entre as dúas linguas.
De feito, un contundente informe do Consello de Europa elaborado a finais do pasado ano, advertía de que no noso País non se están a dar garantías para o uso normal do Galego en sectores tan importantes como a educación, a xustiza, os servizos públicos ou os medios de comunicación; incumpríndose de feito os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos. Na mesma liña, un recente informe da Real Academia Galega sinala que en doce anos ficou reducida á metade a cantidade de persoas que falan habitualmente en Galego. Tamén o Consello Escolar de Galiza, nun informe sobre o Galego no ensino, confirma unha clara desgaleguización do alumnado no seu tránsito da familia á escola, como consecuencia da desvantaxe do Galego fronte ao Castelán no ámbito do sistema educativo.
Acreditamos que compete ao pobo galego, a través das súas institucións representativas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma; exixindo das institucións de autogoberno a defensa da igualdade plena de dereitos para o Galego e a aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos.
Non obstante, estamos a escoitar declaracións de persoas con cargos de alta responsabilidade no novo Goberno Galego que constitúen un ataque contra o Galego e mesmo poden constituír un perigo de confrontación e de fractura social; á marxe de ir contra os acordos unánimes do Parlamento Galego, nomeadamente contra o recollido no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que sinala o Galego como lingua propia de Galiza e a obriga dos poderes públicos de potenciala nos diferentes ámbitos de uso.
Por isto, solicitamos do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1. Instar o Goberno Galego a que cumpra as obrigas estabelecidas no Estatuto de Autonomía de Galiza, que no seu artigo 5º di: “A lingua propia de Galiza é o galego. Os poderes públicos de Galiza (…) potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”.
2. Como proba da vontade de volver ao consenso sobre a lingua galega instar ao Goberno Galego:
2.1. A que non proceda á derogación do Decreto 124/2007, que desenvolve unha medida contemplada no Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galiza no ano 2004.
2.2. A que non modifique a Lei 4/1988 da Función Pública de Galiza no referente a demostrar o coñecemento da lingua galega nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da Administración Autonómica.
3. Instar o Goberno Galego a que promova a reforma do marco legal que posibilite a plena igualdade en dereitos e deberes do Galego e do Castelán, como fórmula para facer real a cooficialidade das dúas linguas.
FINA QUINTÁNS ANTELO
Portavoz do BNG no Concello de Oleiros
27 Maio, 2010
Sen clasificar
Non hai comentarios

O BNG de Oleiros congratúlase de que finalmente se realizase o demandado paso a peóns na Avenida Rosalía de Castro
Froito dunha serie de demandas realizadas en repetidas ocasións polos veciñas e veciñas da zona da Avenida Rosalía de Castro e polo BNG de Oleiros a través da súa portavoz municipal Fina Quintáns e tamén a través do BNG no Parlamento Galego, destacando as reiteradas peticións públicas con recollida de sinaturas e a iniciativa levada polo BNG ao Parlamento Galego, reclamando da Xunta de Galiza a creación dun paso de peóns na estrada AC-174 á altura da antiga escoliña das pedras, desde hai uns días no lugar citado figura finalmente un paso a peóns. O BNG realizou a este respeito diversas preguntas parlamentares a través do parlamentar Carlos Aymerich e da parlamentar Ana Luísa Bouza Santiago, deputado e deputada correspondentes pola nosa comarca. O BNG alertou en numerosas ocasións desta situación de carencia de seguridade viaria e das demandas da cidadanía perante diversas autoridades e medios de comunicación.
Na Avenida Rosalía de Castro precisábase dun paso a peóns no lugar en que desde hai uns días xa figura, debido a que esta estrada soporta diariamente abundante tránsito de vehículos procedente de Sada e Oleiros cara á N-VI, ademais de contar con numerosas vivendas no contorno, o colexio público Valle-Inclán de Perillo e cada día con maior número de habitantes tanto nun lado como no outro da estrada nunha zona urbana de alta densidade poboacional. A Portavoz do BNG no Concello de Oleiros xa ten reiterado en numerosas ocasións esta necesidade comunicada persoalmente por varios veciños e veciñas da zona, persoas ás que xa tivo a ocasión de felicitar polo logro conseguido en beneficio da xente.
O paso a peóns colocado estes días é sen dúbida un importante logro para os veciños e veciñas da zona, en primeiro lugar, como para calquera outra persoa que deba transitar a pé por aquela zona, pois constitúe unha boa noticia para a seguridade viaria.
Congratulámonos, por tanto, de que a acción cívica e cidadá unida á acción política desenvolvida polo BNG teñan dado o seu froito en beneficio dos veciños e veciñas de Oleiros.
27 Maio, 2010
Sen clasificar
Non hai comentarios
O BNG de Oleiros solicitará mañá polo rexistro municipal que se aprobe unha normativa de uso para algunhas instalacións deportivas municipais, en concreto as polideportivas cubertas das parroquias e o campo de fútbol Eugenio Pardo Conchado “O Condús” de Oleiros.
O BNG de Oleiros rexistrará mañá un escrito en que solicita do goberno local a redacción dun regulamento de uso das polideportivas cubertas existentes nas parroquias e que nalgún caso están a ser usadas por persoas de fóra de Oleiros (polideportiva de Nós), peñas e clubes de amigos desprazando os repaces de Oleiros do seu uso.
No caso do único campo de fútbol sintético do concello de Oleiros, o coñecido como “Condús” e de propiedade municipal, está a ser xestionado polo Obreiro de Oleiros, que incluso ten en exclusiva a xestión do ambigú, en detrimento do resto de clubes, que non poden utilizar este cando celebran partidos nese campo.
Aos sábados pola mañá o campo está infrautilizado, polo que o goberno local debería implantar unhas normas de uso como pois é o Concello o propietario da instalación en canto non estean construídos outros campos sintéticos no noso concello.
Os pavillóns cubertos contan cun regulamento e unhas normas asumidas polo conxunto de clubes que os usan e os colexios e colectivos, mentres que nestoutras intalacións, cada día máis demandadas, a desorganización, e, polo tanto, as inxustizas son evidentes.
10 Maio, 2010
Sen clasificar
Non hai comentarios

Logo de se ter remodelado por case un millón e medio de euros o estadio do INEF de Bastiagueiro, o goberno bipartito comprometeuse a acometer neste 2010 a remodelación tamén da pista de lanzamentos situada na parte posterior do estadio. Esta pista encóntrase actualmente nun estado de abandono e precisa da súa remodelación e da creación de accesos desde a parte posterior do estadio adaptado tamén para persoas con discapacidades.
A citada pista atópase en terreos propriedade da Deputación Provincial da Coruña e deben ser cedidos estes terreos á Universidade para que a Secretaría Xeral para o Deporte poda acometer as obras de remodelación. Existe xa un anteproxecto redactado pola empresa NAOS Arquitectura para poder acometer esta obra. O INEF-Galiza pertence á Universidade da Coruña e, polo tanto, a Xunta de Galiza debe de contemplar como complemento á obra do estadio a habilitación desta pista de lanzamentos porque, ademais de se encontrar nun estado lamentábel, A Coruña conta cun grupo de lanzadores de entre os mellores do Estado, entre os que están campións do Estado español e mesmo olímpicos que desenvolven o seu labor de adestramento en condicións precárias.
A maior parte dos deportistas referidos están adestrados por Reimundo Fernández, adestrador de recoñecido prestixio a nível internacional, e, tendo en conta que todo este complexo se atopa nun contorno privilexiado do parque metropolitano, o alcalde de Oleiros como máximo representante do concello de Oleiros debería levar a cabo todas aquelas accións que conduzan a mellorar ese contorno por motivos de carácter social e deportivo máis que evidentes en beneficio do prestixio do noso concello.
En calquera caso, lamentamos a actitude negativa do secretario xeral para o Deporte José Ramón Lete Lasa que, na súa última visita ao INEF no pasado 23 de abril, mantivo unha actitude negativa con respecto ao financiamento desta obra deportiva necesaria para que o céspede do estadio non se deteriore a causa dos habituais adestramentos dos lanzadores.