O ALCALDE, ACÚSA AO BNG DE OBRIGALO A CAER “NOS BRAZOS DO PSOE”
26 Agosto, 2008 Xeral Non hai comentarios
O alcalde de Oleiros sorpréndenos hoxe con unhas declaracións no diario La Opiniónde A Coruña, nas que acusa ao BNG de ter intereses económicos en Oleiros, según él, por cobrar as dietas de asistencias a plenos e comisións.
Xa que logo, o alcalde cifra os “intereses económicos” do BNG en 250€ mensuáis, todo un escándalo de altas dimensións proposto por él mesmo ao Pleno e aprobado pola corporación ao mesmo tempo que o seu salario de máis de 70.000€, que nós mesmos apoiamos por entender que o alcalde dun concello tan importante como Oleiros debe ter a dedicación necesaria e o salario digno para atender os intereses do concello antes que os privados.
Nesta acusación, o sr. alcalde esquece que él mesmo tardou máis dunha hora en describir as súas propiedades privadas nun pleno municipal recoñecendo que superaban o valor de 1.000 millóns das antigas pesetas, e que incluían tres casas. Non manifestou o sr. alcalde que a maior parte dese patrimonio inmobiliario foi adquirido con unha calificación e hoxe son todas urbanas. (todo un lince dos negocios e sen intereses económicos).
Esquece o sr. alcalde que está procesado por “negociacións prohibidas a funcionarios” en asuntos urbanísticos e baixo sospeita de exercer de alcalde promotor no seu propio concello.
Pero a “perla” millor das súas declaracións, que “caeu nos brazos do PSOE” por culpa do BNG, non ten desperdicio, cal amante rexeitado, que culpa a terceiros das súas libres decisións.
No BNG xa coñecemos actitudes como estas en outros alcaldes “independentes” que ao final rematan nas filas socialistas para salvagardar os seus intereses, que representan bastante máis que os 250€ que ingresa o BNG por asistencias aprobados democraticamente.
O BNG de Oleiros convida o resto da oposición a votar en contra do PXOM se non se abre un novo período de exposición pública e de alegacións
15 Maio, 2008 Xeral Non hai comentarios
O BNG solicitou onte ao alcalde de Oleiros a apertura dun novo prazo de exposición pública para as alegacións ao Plano Xeral. Entendemos que os cambios lexislativos que en materia de vivenda e territorio foron efectuados nos últimos anos, condicionan as previsións de planeamento de Oleiros para o futuro.
Todas estas cuestións, e moitas outras, exixen un fondo debate político que tente acadar o máximo consenso sobre o modelo de concello que queremos construír para os vindeiros 10 anos, a interrelación do PXOM co futuro crecemento da comarca, e, sobre todo, a absoluta transparencia perante as veciñas e os veciños dun documento que vai condicionar o futuro inmediato do concello.
É por isto que o BNG de Oleiros pediu primeiro ao goberno abrir un novo período de exposición pública que de non ser atendido, está na man das outras dúas forzas políticas da oposición impedir de novo que se cometa o erro político de empregar o Plano Xeral como arma política e reproducir o manido método de “o que eu digo ou nada”.
Non se poden plantexar pontes sobre a ría sen ter falado previamente co Concello veciño e procurado solucións en que converxan as diferentes partes. Oleiros non pode ser unha illa entre os concellos do país, e, polo tanto, debe sumarse ao Rexistro Único de Demandantes de Vivenda en colaboración coa Consellaría de Vivenda, debe ter o 40% que marca a Lei de Solo para vivendas de promoción pública, e debe dispor suficiente solo estabelecido para construción de vivendas sociais que corrixan a caída do negocio inmobiliario, e que xeren emprego ademais de facer de Oleiros un concello menos elitista e menos condicionado no futuro polo negocio inmobiliario.
É preciso manter e mellorar a calidade de vida do concello e definir entre todas e todos as pautas do concello que queremos.
O BNG, responsábel e comprometido con Oleiros
9 Maio, 2008 Xeral Non hai comentariosFina Quintáns con Anxo Quintana
Mañá estarei co coro de Oleiros. Recibín un convite do coro de Oleiros para celebrar o seu XIII aniversario. Alí estarei porque todos aqueles colectivos sociais, culturais, e deportivos de Oleiros merecen o meu respeito e o meu apoio. En Oleiros son máis de 100 as entidades que están a facer un labor social importantísimo en diversas actividades lúdicas, deportivas, culturais e sociais, que son tan importantes para unha participación activa da sociedade, xerando unha boa convivencia e contribuíndo co seu grao de area a facer país.
Por outra banda, parece ser que se está a negociar o traspaso das 3 escolas infantís de Oleiros á rede de galescolas, e tamén se está a xestionar a construción dun centro de día nunha zona privilexiada do concello, nunha iniciativa se Vicepresidencia que deberían copiar outras consellarías non nacionalistas que non tratan de igual maneira o noso concello. As persoas que formamos o BNG estamos a facer unha oposición construtiva e non concibimos os investimentos como un premio ao goberno de turno, senón como un compromiso coa cidadanía, e velaí está a proba, tanto nas iniciativas de Vicepresidencia como de Medio Rural, na costa de Dexo, Vivenda no Meixón da Auga, Industria na mellora da rede eléctrica, e no apoio a iniciativas turísticas, e Cultura e Deporte, apoiando a rede de Bibliotecas ou coa remodelación do estadio do INEF-Galiza. Podería seguir enumerando iniciativas, con investimentos multimillonarios realizados no noso concello, mais diso falarei outro día. Agardo, por outra banda, que as consellarías de Ordenación do Territorio e a de Sanidade (dirixidas ambas polo PSOE) e mais o goberno local teñan a suficiente altura de miras para superaren as dúas diferenzas en legalizar dunha vez por todas o cemiterio de Dorneda, que se atopa nunha situación irregular, e que, deste xeito, se dea por fin servizo ás nosas veciñas e veciños.
Os cans si, mais non así
8 Maio, 2008 Xeral Non hai comentariosA APERTURA DO CEMITERIO DE DORNEDA DEBE SER INMEDIATA.
7 Maio, 2008 Xeral Non hai comentarios
Diante da polémica suscitada por un novo enterramento ilegal no camposanto de Dorneda, como Portavoz do BNG no Concello de Oleiros quero realizar as seguintes declaracións:
1) Non é de recibo que o cemiterio de Dorneda despois de 4 anos de que estea rematado, siga en situación de ilegalidade por parte da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galiza. 2) Non se entende que despois de 4 anos o goberno local de Oleiros non dese chegado a uns mínimos acordos coa institución autonómica para solucionaren os problemas existentes. 3) Non entendo que unha institución municipal se salte a legalidade, pois crea un precedente moi negativo independentemente de que lle asista a razón. 4) As consellarías de Sanidade e Ordenación do Territorio non só deben de estar no labor de vixilancia da legalidade, mais tamén traballar para solucionaren problemas en vez de os crearen. O BNG de Oleiros exixe quer do Concello, quer das consellarías de Sanidade e de Ordenación do Territorio (en mans do PSOE) que solucionen dunha vez por todas estes problemas tan negativos para a cidadanía. O camposanto de Dorneda é un cemiterio público que supera con moito as medidas sanitarias que teñen a maior parte dos cemiterios parroquiais do país, propriedade estes da Igrexa, e neles non intervén a Consellaría de Sanidade en absoluto. As veciñas e os veciños de Dorneda e, en xeral, do concello de Oleiros, non son culpábeis da incompetencia da clase política dirixente local nin da incompetencia do PSOE na Xunta nas referidas consellarías, e o menos que desexan aquelas familias que sofren a morte dun parente é a polémica, os problemas político-administrativos, e teren unha persoa querida soterrada ilegalmente. Paréceme despreciábel a actitude do Partido Popular de querer sacar tallada política deste asunto e, desde logo, a situación do cemiterio de Dorneda pon en evidencia a escasa altura política da Alternativa dos Veciños á fronte do goberno no Concello e dos partidos españolistas da oposición, incapaces de poren por diante os intereses das veciñas e dos veciños, empregando un asunto tan sensíbel como o falecemento das persoas para faceren disto unha liorta política. Asimesmo, as veciñas e veciños de Oleiros teñen dereito tamén a contar cun servizo inexistente na actualidade como é o tanatorio público municipal. As persoas que viven en Oleiros vense obrigadas a se desprazaren a tanatorios fóra do noso concello, e de iniciativa privada, para velaren as persoas cando falecen. Mais Oleiros conta con terreo público para crear este novo servizo, que xeraría recursos para a institución e conlevaría un menor custo económico para a cidadanía, podendo contar con prezos apropriados para as persoas con menos recursos, en función da renda, ademais de crematorio e outros servizos complementares. |
XA ESTÁ DISPONÍBEL O Nº 5 DO ”BLOQUE OLEIROS” EN FORMATO PDF
7 Marzo, 2008 Sen clasificar, Xeral Non hai comentariosPincha sobre a imaxe do logo do nº 5 de “Bloque Oleiros” para o descarregares
Deixo hoxe no meu caderno o último número da publicación “Bloque Oleiros”, que fai xa o nº 5. O voceiro en papel do BNG de Oleiros podes descarregalo aquí en formato PDF e ficará na sección “Documentos” do caderno.
Neste novo número, do mes de Marzo, poderás ler unha entrevista na capa onde explico, entre outras cousas, cales son os principais retos do BNG de Oleiros para este mandato, así como as áreas en que debemos incidir. A continuación, o voceiro inclúe unha entrevista a Xurxo Dopico, Responsábel do BNG de Oleiros, en que o Xurxo explica as ideas do futuro que o BNG ten para un Oleiros con un maior benestar e unhas prioridades centradas na cidadanía, e non en obras megalómanas. O voceiro tamén inclúe unha terceira entrevista, neste caso ao noso compañeiro e veciño de Oleiros Carlos Aymerich, Portavoz do BNG no Parlamento Galego. Ademáis, conta este novo número do mes de Marzo cunha sección de noticias breves, unha noticia referida ás iniciativas que o BNG sacou adiante recentemente no último Pleno do Concello, un recordatorio da inauguración da precampaña en Oleiros co acto en que intervimos Francisco Jorquera, cabeza de lista do BNG pola provincia da Coruña ás Eleccións Xerais de 9 de Marzo, alén de Avia González, candidata ao Senado polo BNG, comigo e co compañeiro Xurxo Dopico, e unha enumeración das diversas iniciativas que Francisco Rodríguez levou adiante no Parlamento español na defensa dos intereses de Oleiros.
HOMENAXE AOS 25 ANOS DO BNG NA CEA DO BNG DE OLEIROS
7 Decembro, 2007 Xeral Non hai comentarios
Fina Quintáns falando ás persoas que asistiron á cea do BNG.
No pasado 5 de Decembro no BNG de Oleiros celebramos os 25 anos do BNG nun acto de homenaxe con cea e baile incluídos. Celebrámolo no restaurante Las Tinajas, que nos ofreceu una cea suculenta e un servizo impecábel polos cales felitamos o referido restaurante. Foi un acto exitoso por moitos motivos, entre os cales en primeiro lugar debido ao enorme número de asistentes á cea, chegándomos a unha cifra de participantes próxima ás setenta persoas. Tamén é necesario subliñar o feito de este acto de homenaxe aos 25 anos do BNG e posterior cea contar coa presenza de destacados dirixentes orgánicos e institucionais do BNG. Xurxo Dopico, o noso responsábel de organización en Oleiros, actuou de mestre de cerimonias, presentando o acto e presentándome en primeiro lugar. Tiven ocasión de salientar a cohesión interna do BNG de Oleiros e de agradecervos a todas e todos vós, militantes e simpatizantes do BNG de Oleiros, a confianza e mais o apoio que depositastes e depositades en min. Após dous meses de traballo a pé de rúa mantendo multitude de reunións con diversas asociacións oleirenses, e mais con veciños e veciñas do noso concello, constatei, e así volo comuniquei na miña intervención, que o traballo que se precisa facer en Oleiros é moito, pois Oleiros non é un lugar perfecto nin moito menos, porque é aínda hai moito que facer para mellorarmos o benestar social e a calidade de vida das e dos oleirenses. Despois da miña intervencións, presentado polo responsábel de organización do BNG en Oleiros, foi o momento da intervención de Carlos Aymerich, Portavoz do BNG na Xunta de Galiza, que ofreceu un discurso coherente e fundamentado sobre diversos aspectos relativos á historia do BNG e do nacionalismo en xeral, con referencias importantes ao momento actual. Despois de Aymerich, Xurxo Dopico presentou, xa para finalizar a quenda de intervencións políticas, o actual senador do BNG en Madrid e candidato nº 1 pola provincia da Coruña ao Parlamento español Francisco Jorquera, que falou dos logros conseguidos nos últimos días en materia de transferencias do Goberno español á Xunta de Galiza. Tamén subliñou o feito de o BNG ser a única forza independente en Madrid, xa que PSOE e PP sempre dependerán da disciplina centralista de partidos que teñen o seu centro político e o seu centro de decisións fora da Galiza. Nese sentido, recorreu á expresión “voto útil”, tan usada por partidos españois en Galiza, para destacar o feito de o único voto útil para as galegas e os galegos nas vindeiras eleccións ser o voto ao BNG, que non depende de decisións foráneas para marcar a súa liña política, senón que só defende a Galiza, precisamente por ter o seu centro de decisións e os seus intereses na propria Galiza.
A noite continuou, despois de termos desfrutado dunha suculenta cea, cunha sesión de discoteca, con sesión de discoteca e baile incluídos, en que diferentes simpatizantes e compañeiras/os do BNG de Oleiros desfrutamos durante varias horas bailando. Houbo numerosas felicitacións por parte de moitas persoas que asistiron ao acto e cea do BNG deste fin de ano pola organización de dito acto, polo cal nos congratulamos. Agradecemos a asistencia ao acto e á cea, así como tamén agradecemos a organización a quen tomou parte nela.
ANXO QUINTANA DEMANDOU ESTA MAÑÁ DO ESTADO 80 MILLÓNS DE EUROS PARA SE GARANTIR O SISTEMA GALEGO DE BENESTAR
17 Novembro, 2007 Xeral Non hai comentariosUNHA DELEGACIÓN DO BNG DE OLEIROS PARTICIPOU NA XORNADA GALEGA DO BENESTAR CELEBRADA HOXE POLA MAÑÁ EN COMPOSTELA
Unha delegación do BNG de Oleiros presidida pola nosa portavoz local, Fina Quintáns, acudiu hoxe á Xornada sobre o Sistema do Benestar que so o título ‘Novas políticas sociais para a nosa nación’, foi celebrada en Santiago de Compostela esta mañá. A xornada, dirixida a membros da Executiva Nacional, Consello Nacional, responsábeis comarcais, cargos institucionais no Congreso, no Parlamento galego, nas deputacións provinciais e nos concellos, comezou por volta das 10:30 horas e finalizou após a intervención do Portavoz Nacional Anxo Quintana, quen comezou o seu discurso de clausura a iso das 13:30 horas. .
Na Xornada sobre o Sistema do Benestar, interviron María Xesús Lago, Secretaria Xeral do Benestar, e Lois Castrillo, Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A final da xornada, e antes da clausura, houbo espazo para o coloquio dos e das asistentes por volta das 12:00 horas. Salientou a participación na clausura da xornada do noso Portavoz Nacional e Vicepresidente do Governo Anxo Quintana, quen sinalou que dos 800 millóns de euros dos que o Estado dispón para dependencia, que serán repartidos entre o conxunto das comunidades autónomas, á Galiza correspóndelle o 10% dos referidos orzamentos. Anxo Quintana subliñou que o nacionalismo galego precisa da maior representación posíbel nas Cortes do Estado para conseguirmos que unha boa parte dese diñeiro veña ao noso país. Portanto, oitenta millóns de euros é a cifra que Anxo Quintana demanda do Estado no ano 2008 para asegurarmos o Sistema Galego de Benestar. O noso Portavoz Nacional e Vicepresidente do Goberno concienciou a militancia nacionalista sobre a necesidade de o bloque se implicar na gobernabilidade do Estado tras as eleccións xerais de 2008. Do contrario, a pervivencia dese Sistema Galego de Benestar estaría en risco, segundo asegurou Anxo Quintana. “No próximo ano, no ano 2008, o Estado vai repartir entre o conxunto de comunidades autónomas, 800 millóns de euros para aplicar o marco estatal relativo a dependencia. Galiza precisa de que o Bloque Nacionalista Galego participe na gobernabilidade do Estado porque precisamos de que dese montante global cando menos o 10% corresponda a Galiza, porque é de xustiza, porque o precisamos para que o Sistema Galego de Benestar poda chegar a todos os cidadáns e cidadás do país.” foron as súas palabras. Quintana quixo deixar claro tamén que desde o Goberno o BNG non se vai limitar a ser un mero transmisor das políticas sociais aprobadas polo Goberno español e que o Sistema Galego de Benestar é un modelo proprio e autónomo que non vai depender dos esquemas marcados desde fóra.
CARTA DE SAUDACIÓN DE FINA QUINTÁNS, NOVA PORTAVOZ DO BNG DE OLEIROS
24 Outubro, 2007 Xeral Non hai comentarios
Estimadas/os veciñas/os:
Nas últimas semanas o BNG de Oleiros iniciou un proceso de renovación interna que se concretizou no nomeamento dun novo Responsábel Local e dunha nova Portavoz Municipal. Estas decisións foron tomadas por unanimidade pola nosa Asemblea Local, dándomos un exemplo de cohesión e unidade interna do que nos sentimos moi satisfeitas e satisfeitos. Como Responsábel Local foi elixido o compañeiro Xurxo Dopico Calvo, que se considerou por todas e todos como a persoa nestes momentos máis apropriada para dita responsabilidade. Como Portavoz Local do BNG de Oleiros a persoa elixida fun eu, por dous motivos que me foron expostos e que a seguir exporei. En primeiro lugar, a renovación do BNG de Oleiros no que di respeito do cargo ocupado até datas recentes polo compañeiro Antón Tenreiro debe seguir o seu curso de maneira lóxica e natural, correspondendo renovar o 1º posto das listas eleitorais xustamente coa persoa que se apresentou en 2º lugar, posto en que eu estaba. En segundo lugar, non só por esta razón se me propuxo e aceitou como nova Portavoz Local do BNG, mais tamén polo feito de que se xulgou por toda a militancia que era a persoa máis axeitada para dita responsabilidade segundo expuxeron na referida Asemblea grande parte das e dos asistentes, que me ofereceron o seu apoio de maneira incondicional e unánime. Por todo isto, é para min unha honra comezar a desenvolver labores de Portavoz Local e de concelleira polo BNG no Concello de Oleiros, unha honra que neste caso é dupla: por unha parte por ser elixida por unanimidade e con un apoio tan incondicional por toda a militancia de Oleiros, e, sobre todo, polo feito de ser para min unha inmensa honra e un enorme privilexio traballar ao servizo das cidadás e dos cidadáns de Oleiros.
Comeza por tanto unha nova xeira no BNG de Oleiros marcada pola renovación, alicerzada na unidade e na cohesión da militancia do BNG. Enfrento esta nova etapa con toda a ilusión necesaria para desenvolver con ánimos renovados o camiño até aquí andado polo anterior Portavoz Local, o compañeiro Antón Tenreiro, para quen teño palabras de agradecemento pola confianza depositada en min e de loubanza polo magnífico traballado desenvolvido por el, en permanente contacto con toda a militancia e con todas as veciñas e veciños, para quen sempre tivo consagrado o seu tempo e dedicación. A liña política do BNG é unha liña clara e comprometida coa xente, coa Galiza enteira, e desde o ámbito municipal permite pórmonos en contacto directo coas veciñas e veciños, prestándomos atención á cidadanía desde un ámbito máis cercano, máis perto da xente e dos seus problemas reais e cotiáns. Iso é o que quer o BNG e polo que loita: pola mellora dos servizos que perto das veciñas e veciños axudan a mellorar as súas vidas. Nese sentido, fago un especial chamamento á militancia do BNG de Oleiros para facermos entre todas e todos un traballo organizativo, político e social desde xa, sen demora, polo ben da cidadanía do noso concello, que será o ben, en definitiva, da Galiza libre, desenvolvida e moderna que todas e todos queremos. Moitas e moitos de vós felicitástesme polo meu nomeamento como Portavoz Local no día da miña eleición así como tamén ao día seguinte da mesma e en días sucesivos. Quero agradecer os vosos parabéns, o voso cariño e a confianza depositada en min pola militancia do BNG de Oleiros, así como de moitas persoas que, sen estaren afiliados ao BNG, simpatizan co proxecto que defendemos. É por iso que vos convido e animo a todas e todos para participarmos con ilusión e vontade de traballo nesta nova xeira, pois un traballo como o que debemos realizar non o fai unha persoa nen dúas, mais todo un equipo, un equipo preparado e disposto para traballar polo pobo, polo seu benestar e pola mellora dos seus servizos, nomeadamente do transporte e da vivenda públicos.
Mañá, día 25 de Outubro tomarei posesión no Pleno Municipal como Concelleira polo Bloque Nacionalista Galego. Como Portavoz Local do BNG espero e desexo contar coa axuda da militancia do BNG para o desenvolvemento dun traballo colectivo no noso concello. O BNG de Oleiros é o mellor equipo para ese traballo, e eu son simplemente a súa Portavoz, unha máis de entre as moitas persoas que queremos o mellor para Oleiros, mais tamén consciente da responsabilidade que detento. Estou firmemente comprometida coas veciñas e veciños de Oleiros, e sei que coa axuda da militancia do BNG ese traballo será aínda máis agradábel e ilusionante. Velaí o noso proxecto: defender e aumentar o benestar da cidadanía. Contamos contigo! Conta connosco!
FINA QUINTÁNS
O BNG traballa para a xente de Oleiros, independentemente de quén goberne o concello e así o demostramos cando formamos parte do goberno local pero tamén fora del co apoio decidido desde outras institucións como a Xunta de Galiza ou a Deputación Provincial.







