O noso problema

BNG Non hai comentarios

Comeza a resultar un chisco abusiva a insistencia con que algúns comentaristas deslizan críticas caprichosas contra o BNG ou o cargan de responsabilidades que non ten, no que atinxe á situación e evolución da Galiza. Esta reincidencia resulta máis paradoxal cando non se ten a mesma obsesión respecto da alternativa política á que o comentarista se sente adherido. Mais, sobre todo, resulta unha contradición suprema acabar convertendo o BNG na bicha, cando resulta ser, goste ou non, a única ferramenta política que Galiza ten para ser relevante e existente. Efectivamente, desde unha posición consciente, é certo que non podemos estar satisfeitos da evolución da Galiza nos últimos trinta anos. Coa mesma rotundidade afirmo que a incapacidade de Galiza para cambiar non pode agochar nin desvalorizar os esforzos, tamén os resultados, dos que deseñaron e seguiron unha estratexia política para o país existir, ser relevante e digno e ter futuro. Dentro desta estratexia, non é menor o resultado de contarmos cun nacionalismo operativamente unido, condición para a súa relevancia social, dentro do BNG. Leer o resto …

Espírito rosaliano: capacidade e fermosura de Galiza

Sem categoria Non hai comentarios

A Lucía Carreira, tan eficaz
A Pilar García Negro, tan oportuna

Caía un orballo impenitente ao saírmos de Bonaval. Bulimos cara a estación dos camiños de ferro, após participarmos no acto reivindicativo do 15 de xullo, convocado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, de volta para casa. Ao baixarmos as escaleiras desde o Hórreo, escoitei un xubiloso e orixinal canto de gozo triunfal, mesturado con sonoras palabras de xúbilo. Era a voz de Francisco García, o noso compañeiro, alcalde de Allariz, en compaña doutros amigos ourensáns. Expresaba o entusiasmo e a emoción que, de forma peculiar cada un, sentimos no transcurso dos actos, e de forma senlleira na eclosión final, de tanta fermosura. Era a pegada que deixaron en nós. Viñamos de mamar vida, alegría e confianza, algo de valor por si mesmo, non sometido nen condicionado pola maior ou menor transcendencia mediática do evento, como se encargou de me indicar o bo alaricán. Tivemos esa sensación tan necesaria de autoestima e de recoñecemento do moito valor cultural e artístico que temos, da nosa capacidade creativa. Leer o resto …

Rosalía por descubrir

Galiza, Literatura Galega, Rosalía de Castro 1 Comentario

Rosalía é un pozo sen fondo. Un día, tamén con entusiasmo, Manuel Rivas díxome que nela estaba todo. Este fervor rosaliano non é consecuencia dun prexuízo patriótico, disposto a achar relevante ou superior calquera produto cultural do país. É a constatación dunha revelación continua que, emotiva e racionalmente, nos pasma e asombra. Mágoa que o empeño en adaptala á unha visión ideolóxica hexemónica sobre Galiza, domine aínda hoxe a súa imaxe e e valoración. A grande escala, masivamente, segue esperando a ser descuberta na súa dimensión real. O Goberno galego non colabora ao descubrimento, como está evidenciando coa súa indiferenza absoluta cando se cumpren 125 anos do seu pasamento. Actitude natural en quen está empeñado en que Galiza non exista como pobo con cultura nacional e aspiracións políticas de seu. Leer o resto …

O futuro do Panteón de Galegos Ilustres

Castelao, Cultura, Galiza, Galiza Nación, Historia de Galiza, Rosalía de Castro Non hai comentarios

Como algo intranscendente pasou a nova de que o Panteón de Galegos Ilustres estará cerrado ao público indefinidamente. Máis silandeiro foi aínda o cambio de titularidade de San Domingos de Bonaval, pasando de ser un ben inmóbel municipal, desde hai xa máis de século e medio, a selo da Igrexa Católica, após un proceso xudicial de reclamación da propiedade tan descarado como favorecido polo desleixo, a incuria e a torpeza, se non a conivencia, dos servizos xurídicos e mesmo do responsábel político da cuestión no goberno municipal de Santiago. A displicencia con que se impide o acceso público revela o trato que merecen os nosos símbolos políticos e culturais máis significativos, o noso patrimonio histórico e artístico, non só ao Arcebispado de Compostela, senón tamén á Xunta de Galicia. É unha consecuencia e causa do escasa estima que temos co noso. Só unha ignorancia e un desprezo cultivados a mantenta poden explicar tal comportamento e tanta impunidade. Polo demais, todo parece un corolario lóxico da forma en que o Panteón de Galegos Ilustres, e con el San Domingos de Bonaval, estivo inserido na visión do conxunto da cidade e na forma de mostrala, itinerarios turísticos incluídos: a marxinación que desemboca na anulación. O resultado, escasos os visitantes e ignorancia e inconsciencia sobre o valor e a importancia das persoas alí soterradas… Leer o resto …

Confesión dun perturbado

Galiza, Política Non hai comentarios

Celebro a indignación de moitos compatriotas, sobre todo mocidade, contra Rosa Díez por usar despectivamente o xentilicio “galego”. Supoño que estarán aínda máis alporizados polas reveladoras xustificacións exculpatorias dadas pola central madrileña do seu partido…A galegofobia da Sra. Díez, que presume de demócrata, española e universalista, exprésase con tal naturalidade que unha reacción digna dos afectados é cualificada como produto dunha perturbación nacionalista pola camarilla que a rodea. O seu esquema mental traduce a perspectiva de quen, en nome dos principio de igualdade,unión e democracia, arrasan o dereito do diferente a exercer como tal. A súa igualdade demagóxica e a súa unidade sacrosanta funcionan como tapadeiras para agachar un statu quo desigual, unha unidade xerarquizada, discriminatoria, inzadas de estereotipos e prexuízos ideolóxicos e emocionais. A exteriorización do seu prexuízo anti-galego pola Sra.. Díez , o seu empeño en consideralo natural, sen rectificación algunha, mentres arremete o seu entorno contra os ofendidos, acusándoos de seren perturbados nacionalistas, revelan cal é a súa concepción da igualdade e da unidade: cabe o desprezo pexorativo contra un pobo, ao que se lle esixe, ao mesmo tempo, submisión e obediencia cega. Asemade proban a quen atribúen a responsabilidade perturbadora do exercicio da dignidade colectiva, ao nacionalismo. Leer o resto …

Narcótico localista

Autoodio, Galiza Non hai comentarios

Provoca mágoa e cabreo observar como, en momentos críticos, algunhas institucións recorren ao narcótico localista para confundir e desorientar as masas (así consideran o pobo). De forma premeditada encamíñanas por vieiros suicidas, despistándoas sobre as verdadeiras causas dos problemas e a respeito das alternativas para elas beneficiosas. Fano en nome dos intereses da cidade, da vila ou concello propio. Exasperan un localismo asentado nun individualismo primario, escravo dunha agresiva e acrítica emotividade, que se alimenta da frustración e que se proxecta contra o próximo, o irmán, o compatriota. O españolismo –os poderes reais a prol da subordinación da Galiza, da eliminación da súa capacidade e coesión políticas- xoga sempre con este poderoso factor de descomposición nacional, colectiva. Emprégano especialmente en contextos conflitivos, de confrontación entre necesidades e intereses internos e deseños externos. Pretenden así enfraquecer a reivindicación, a demanda, a necesidade nacional galega, dividindo a súa forza. Leer o resto …

Cans doentes

Autogoberno, Galiza, Nacionalismo Non hai comentarios

O sentimento de españolidade, trasunto da subordinación, que se vive como dependencia necesaria e desexada, cústanos moi caro aos galegos. Non é casual que a chamada á recuperación da nosa condición de galegos e galegas, por enriba de outra impostada, se expresase na contundente aseveración rosaliana “Galicia, non debes chamarte nunca española…” ( “A Gaita galega”, resposta ao eminente poeta republicano español, Ventura Ruíz Aguilera, que non gostou nada dela). Hoxe, máis que nunca, segue a ser esta unha das chaves para a nosa rexeneración como pobo (autoestima, confianza na nosa capacidade e na potencialidade do país, fraternidade e igualdade). A españolidade nen provoca nen conduce a nada disto. Provoca desafección, desconfianza, individualismo, admiración papona pola hierarquía do poder… Leer o resto …

Sentido da realidade

Autogoberno, Autoodio, BNG, Capitalismo, Economía, Galiza, Nacionalismo Non hai comentarios

Corren tempos de confusión. Non é menor a que aferrolla a moitos ideoloxistas que din renegar do sistema capitalista. Unha das máis pertinaces características da esquizofrenia existente é a do altermundista que non asume unha política real anti-globalizadora. Podemos darlle as voltas que queiramos, pero a rectificación do proceso globalizador pasa pola asunción da política nacionalizadora, polo exercicio da soberanía ou capacidade de decisión democrática das nacións. Con esta lóxica e con este obxectivo teremos que articular unha mentalidade internacional pacifista, pois certo é que todos formamos parte dun mundo común. Se esta orientación é válida para as nacións con Estado, resulta imprescindíbel para as que non o posúen. O nacionalismo é, consecuentemente, a alternativa que, nestes casos, expresa esta aspiración. Leer o resto …

O Xacobeo anulador

Cultura, Galiza, Política Non hai comentarios

Non debe existir ningún caso de peregrinaxe, sexa de intención relixiosa ou turístico-cultural, que contribúa tanto a anular o país receptor como a celebración xacobea. Non temos dúbida, porén, de que, con outra orientación no poder político gobernante, sería unha oportunidade especial para proxectar cara a nós mesmos e aos de fóra unha realidade histórica, patrimonial, cultural e socio-política a mantenta agachada. Mais a oportunidade profiláctica devén narcótico, hipnotización e anulación do noso ser colectivo, Galiza. Unha pada máis, e non menor, que o enterrador oficial bota na cova fonda da nosa desmemoria e da nosa negación histórica. Cando dentro, na Galiza, o contributo da Xunta, da Igrexa católica e de todas as institucións é tan entusiasta para evaporizarnos, non cabe esperar fóra, onde orixinariamente se xestou o proceso anulador, máis que colaboración natural. Leer o resto …

Da Real Academia Galega

Galiza, Lingua Non hai comentarios

O ingreso de Manuel Rivas na Real Academia Galega é unha boa nova. Galiza, nestes tempos que corren, está necesitada de escritores que non deserten dos compromisos básicos: a defensa de Galiza como pobo, como nación; o dereito á existencia da nosa lingua e a súa identificación como propia; o respeito por quen, de formas diversas pero ben intencionadas, traballa politicamente a prol destes compromisos. Por circunstancias históricas, a nosa cultura, nomeadamente a nosa literatura, ocupou un papel senlleiro como símbolo e síntoma da consciencia nacional. Desde a súa autonomía artística, foi parella ao impulso ideolóxico, social e organizativo que reivindicou a nosa diferencia, a nosa existencia específica. Este paralelismo non ten desaparecido totalmente tampouco nos últimos tempos, malia a pretensión infantil de quen aparenta vivir unha situación normal. Leer o resto …

« Entradas anteriores