Vixencia dos textos filosófico-políticos de Ramón Vilar Ponte

Literatura Galega Non hai comentarios

Baixo a responsabilidade de Xesús Blanco Echauri, María Pilar García Negro e Goretti Sanmartín Brei, veñen de ser editados textos fundamentais de Ramón Vilar Ponte (Viveiro,1890 – A Coruña, 1953), contando co apoio dunha institución pública como é Deputación Provincial de Lugo. Este volume primeiro forma parte do que vai ser a edición da obra completa, unha obra que, como lembran os editores, foi “inxustamente esquecida, mesmo vaporizada”. Os textos agora publicados son: Doutrina Nacionalista (1921, distribuída a comezos de 1922), Breviario de Autonomía (1933), O Sentimento Nacionalista e o Sentimento Internacionalista (1926) e A Xeración do 16 (1951). Trátase dunha edición moi contrastada coas fontes máis orixinais e con notas aclaratorias que axudan a unha mellor comprensión dos textos, algúns deles reeditados por primeira vez. Perante eles non é posíbel evitar unha consideración esmagadora: canto descoñecemento e canta falla de avaliación ecuánime existe sobre moitos dos esforzos culturais do noso pasado inmediato. Ademais desta consideración, aparece outra moi significativa: a pouca rendibilidade ideolóxica no conxunto social galego de obras dunha grande importancia analítica para entendermos a nosa realidade e mesmo unha perspectiva do mundo desde unha óptica galega, sobre todo en termos de continuidade histórica. No seu tempo esta obra discursiva de Ramón Vilar Ponte correspondía a unha práctica do nacionalismo e asemade intentaba afondar e popularizar esa mesma práctica. Porén, non se mantivo actuante no elo histórico que vai desde entón até hoxe, polo que efectivamente na Galiza parece que temos que estar sempre descubrindo o que xa foi antes descuberto ou andando camiños que xa anteriormente foran andados, coa perda de tempo e enerxía que isto significa. Un tecer e destecer continuos do que moi urxente saírmos a través da única posibilidade existente: a comunicación xeracional do que é o noso saber e a súa renovación e avanzo. Leer o resto …