Demagoxia antigalega e cerimonia de confusión

Infraestruturas Non hai comentarios

A actitude dos responsábeis do sector ferroviario da UXT con este Deputado é todo un exemplo de manipulación antigalega. Atribuírme a capacidade para obstaculizar o AVE por Cerdedo é trasladarme unha responsabilidade que só o goberno ten. Falta a primeira vez que o BNG votase no Congreso en contra de este itinerario. Mesmamente na última moción que defendemos no Pleno, hai apenas un mes, figuraba o cumprimento dos compromisos a este respeito.

Dito isto, quero deixar ben claro, que, para o BNG, o prioritario é a comunicación por tren entre todas as cidades galegas, comezando polas do eixo atlántico (Ferrol-Vigo). Neste itinerario, o único tramo que non ten nin estudos informativos aprobados, nin proxecto licitados, nin obras, é o tramo Ferrol-Uxes. Non é caprichosa nin localista a nosa preocupación. É exactamente a mesma que demostramos cos nosos esforzos dirixidos a acelerar as obras entre Santiago e Vigo, as máis atrasadas, a impulsar a saída sul desta cidade, fundamental para a conexión con Porto. O noso empeño por mellorar os orzamentos do Estado tivo sempre este obxectivo. Ao tramo Pontevedra-Vigo (saída Sul-Porriño) foron destinados os 30 millóns de euros a maiores que conseguimos sacarlle ao goberno na última negociación. A nosa posición é galega, non madrileñista nin excluínte. Leer o resto …

Manuel Curros Enríquez, un clásico

Curros Enríquez, Literatura Galega Non hai comentarios

Este ano cúmprense 100 da morte de Curros e do traslado do seu cadáver da Habana á Coruña. É un bo momento para revisar o valor e a vixencia dun dos nosos clásicos do XIX. A verdade é que o tempo non fai máis que subliñar a transcendencia da súa obra, embora poida parecer a algúns, que falan de ouvidas, anticuada.

Hai, cando menos, tres aspectos que vigorizan a capacidade de Curros para chamar hoxe a atención. O primeiro, sobranceiro, é comprobar como se transloce no seu pensamento e na súa actitude a incidencia do proceso globalizador entre séculos (XIX-XX). Lembra o que hoxe nós estamos a vivir. Falando en prata, a súa aproximación cada paso máis fonda á crenza de que a problemática de Galiza como pobo está vinculada ao fenómeno do imperialismo. Consecuentemente, a súa aposta, a cada paso máis clara e contundente, a prol do dereito ao autogoberno dos pobos, da igualdade das linguas, e do desenvolvemento pleno dunha cultura, non só literaria, propia. Recomendo a lectura dun poema que podemos considerar o seu testamento poético, Na Tumba de Rosalía (1904), elaborado para ser lido na oferenda floral en San Domingos de Bonaval a quen el consideraba “musa dos pobos”, perseguida precisamente por alumearnos coa estrela da liberación. Porén, se alguén quer comprobar o seu anti-eurocentrismo, a súa radical reivindicación da igualdade de todas as razas humanas, a súa denuncia dunha historia oficial que consagra o xenocidio en nome da civilización, pode achegarse aos seus artigos en La Tierra Gallega, semanario por el dirixido na Habana, en circunstancias ben difíceis, a última fase da Guerra da Independencia de Cuba. Leer o resto …