O Divino Sainete, de onte a hoxe
27 Febreiro, 2008 Curros Enríquez, Literatura Galega Non hai comentarios
*A función de ODS. Certamente ODS foi un poema pouco valorado, tanto en vida de Curros como posteriormente. Porén, é hora xa de que recoñezamos a súa radical valentía, quer na orde do pensamento que, implícita ou explicitamente contén, quer na expresión e na estrutura poética que o transmite. O poema representa un fito na traxectoria poética de Curros por moitos motivos. É o seu segundo e último libro publicado en lingua galega. Ten a extensión propia dunha epopeia ou odisea. Mestura imaxinativamente realidade e fantasmagoría, o mundo dos vivos e o mundo dos mortos. Móvese nunha fráxil fronteira que pasa do realmente vivido ao ensoñado. Vincula de xeito íntimo a problemática dialéctica concreta da cultura e da sociedade galega coa representación dun mundo ierarquicamente opresivo e hostil, especialmente o da igrexa católica. Aboia sempre unha forte autonomía e rebeldía moral e ideolóxica do autor, un dos principais protagonistas do poema. Parodia ese mundo opresivo e hostil, o da igrexa católica como institución e a súa cabeza, o Papa… Todo isto, e máis, entreverado nunha estrutura que xoga coa simboloxía do número tres e do seu múltiplo o nove, tan transcendentes na cosmovisión bíblica-cristiá. Está composto de oito cantos máis a introdución, en total nove, e vai desenvolvéndose a través de tríadas. A especial querencia da masonería, á que Curros pertencía, ten moito a ver con este uso de valor cabalístico do número tres. Resulta difícil achar un poema tan acedamente anticatólico á vez tan acedamente anticritián.
Leer o resto …
