Balanzas Fiscais

Autogoberno Non hai comentarios

Vivimos nunha continua ficción. Xa advertivos que, após da campaña sobre o sistema de financiamento, viría a das Balanzas Fiscais para nos convencer, máis unha vez, da grande solidariedade que emprega o Estado Español con Galiza. Foi ilustrativo que, só desde o nacionalismo galego, se desvendase e subliñase, respeito do sistema de financiamento, que unha cousas son os impostos imputados a Galiza e moi outra os realmente soportados. Só así puidemos desenmascarar como o denominado “fondo de suficiencia”, que se nos vendía como solidariedade, non era máis que diñeiro provinte dos impostos que os galegos pagamos en cantidades moi superiores a todo o que recibimos para o noso autogoberno. Os panexiristas da solidariedade afirmaban que eran unha graciosa doazón que nos facían para superar a nosa insuficiencia, o desfase entre o que pagamos e nos dan. Hoxe sabemos, grazas aos traballos de Xosé Díaz, que polos impostos que figuran na cesta que contempla o sistema de financiamento os galegos e galegas temos capacidade sobrada para asumir as competencias transferidas e ceder algúns millóns de euros ao Estado Español.
Leer o resto …

Autonegación

Historia de Galiza Non hai comentarios

Ego Adefonsus Deus gratia rex Legionis et Gallecie”. Esta é a denominación que domina os documentos do rei que pasou a ser coñecido como Alfonso IX na historiografía española. Nesta etapa histórica rematouse o Pórtico da Gloria. Impulsáronse todos os núcleos urbanos da nosa costa, non só A Coruña, como consecuencia dunha grande actividade económica vinculada ao comercio marítimo. Comenzou o galego a desprazar paseniñamente o latín da documentación oficial. O esplendor e prestixio da poesía lírica galego-portuguesa provocaba admiración e mímese. As relacións con Portugal eran intensas e preferentes. A intimidade da familia real galega e portuguesa asentábase no contrato matrimonial e nas relacións de sangue entre a nobreza de aquén e alén do Miño. O rei de Galiza-León educaba aos seus fillos na nosa terra e na nosa lingua, a que el falaba. Todo indica que había un deseño favorábel á unidade dos reinos occidentais da península con hexemonía galego-portuguesa. Leer o resto …

A Coruña, unha cidade leonesa?

Historia de Galiza Non hai comentarios

A exposición sobre “Alfonso IX e A Coruña”, organizada pola Alcaldía desta cidade, co gallo dos 800 anos da concesión do foro, considéraa ubicada no reino de León. O comisario da exposición, Señor López Alsina, fala de Fernando II e de Afonso IX como reis de León exclusivamente, embora teña que recoñecer que o afán urbanizador deste último estaba centrado na costa galega. Non só A Coruña, senón Viveiro, Ferrol, Betanzos, Baiona… entre outras. Como é posíbel seguir negando a verdade histórica, con diñeiro público de Galiza?. O propio Afonso IX era de lingua galego-portuguesa, e estaba estreitamente vinculado á nobreza dos reinos de Galiza e Portugal, incluído o seu matrimonio coa portuguesa Tareixa. Finou en Sobrado e está enterrado en Santiago, cidade onde, por certo, fixo a carta da concesión do foro á Coruña, usando o latín, como era normal entón para esta función. A maior parte dos documentos do seu reinado foron emitidos en distintos lugares da xeografía galega, onde tiña o centro da súa actividade política. Preocupouse de que as súas fillas, Sancha e Dulce, foran educadas no noso país. O rei ficaría abraiado de tanta ocultación e suplantación. Tampouco compartiría que o colocasen nunha liña dinástica común cos reis de Castela. Xa Vicetto advertiu que, como rei de Galiza, tería que ser considerado como Afonso VIII, non IX.
Leer o resto …