28 Decembro, 2008
Autogoberno, Capitalismo, Crise Económica
Non hai comentarios
A esta altura podemos afirmar que unha das amezas máis perigosas para procurar solucións á situación económica provén dunha atmosfera social alimentada por unha analítica e unha propaganda oficiais, cualificábel como louvanza do inextricábel. Esta forma de proceder incita á parálise na actuación colectiva. Hai que manterse na inseguridade e no medo. Efectivamente, manténsenos no psicoloxismo, por máis que se podan indicar factores obxectivos na análise desta realidade tan preocupante. As respostas do Gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, nunha entrevista para El País (21-12-2008), son todo un síntoma de como se manipula coa desconfianza. Preténdese que aceitemos resignadamente determinadas actuacións gobernativas nunha orientación favorábel á oligarquía financeiro-industrial, ao actual sistema económico tal como vén funcionando. Para Ordóñez só hai unha crise de confianza, e haberá que esperar a que esta parálise remate por efecto das medidas anunciadas polo goberno. Hai que esperar, pois, a un cambio de tendencia. A visión crítica non existe. Chégase ao extremo de xustificar aos bancos na súa negativa a dar créditos, mesmo estando substaciosamente inxectados con diñeiro público, porque non poden ser premidos nunhas circunstancias onde “los consumidores no consumen, los empresarios no contratan, los inversores no invierten”. Deberá miragreiramente mellorar a economía para as entidades financeiras daren préstamos. Toda unha demostración de crenza cega no mercado, en contraste co recurso irresponsábel aos fondos públicos para salvar curiosamente a banca. Leer o resto …
21 Decembro, 2008
Imperio
Non hai comentarios
Hai homes carismáticos que enuncian discursos sintomáticos en momentos cruciais. Algúns considéranos, con razón, pezas de oratoria soberbas. Malia os seus eufemismo e o seu enlevo idealista, enguedellante, dan para detectar algunhas intencións preocupantes. O discurso de Obama en Grant Park (Chicago), perante milleiros de simpatizantes, a madrugada do 5 de novembro, xa gañador dos comicios, non defraudou ás persoas que, arelantes, esperaban as súas palabras desde a proximidade. Estaba pensado para eles, nunha noite vitoriosa.
Obama foi debullando todos os tópicos do “soño americano”. O cambio (a súa propia biografía exemplificariao) demostraría que Estados Unidos é “un lugar onde todo é posíbel”, unha nación de espírito inmorrente ao longo da historia (“somos e seremos sempre os Estados Unidos de América”), exemplar para o resto do mundo. Facendo unha piscadela aos sectores das clases populares, invocándoos directamente, tan entusiastas e sacrificados en toda a campaña, afirmou: “un goberno do pobo, polo pobo e para o pobo é posíbel na Terra”. Valores abstractos (democracia, liberdade, oportunidade e esperanza firme -sic), propios da peculiar e xa tradicional mentalidade progresista americana, salpicaron o discurso, encarnado e incardinado habilmente para buscar a complicidade de todos: ricos, pobres, mozos, vellos, demócratas, republicanos, negros, brancos, hispanos, indíxenas, homosexuais, heterosexuais, discapacitados ou non discapacitados. En fin, discurso moi matizado nos acenos para procurar a resurrección dunha nova lexitimidade para o poder político en crise, nunha sociedade dividida e desmoralizada. Leer o resto …
15 Decembro, 2008
Curros Enríquez, Historia de Galiza, Jenaro Marinhas del Valle
Non hai comentarios
Os esforzos individuais e colectivos do pobo galego, en diversos ámbitos da actividade humana, deixaron un ronsel de pegada e influencia histórica. Cada ano podemos evocar figuras ou acontecementos de grande transcendencia polo seu significado, desde unha perspectiva galega. Esta perspectiva é a que nos permite avaliar os esforzos en función da súa contribución á consolidación dunha cultura nacional galega, dentro do contexto máis amplo da Humanidade. A evocación ou lembranza, en contextos como o noso, debe estar guiada por dous obxectivos: o combate contra a ignorancia e o menosprezo e a indicación da súa vixencia. Leer o resto …
5 Decembro, 2008
España
2 Comentarios
Rubio Llorente, un dos letrados que asesorou aos poñentes que elaboraron a Constitución Española, amosouse partidario nun recente artigo en El País (02-12-2008) de abrir o debate sobre a reforma constitucional. Advirte de que hai sectores sociais que teñen un exceso de veneración por ela, como se for un “texto sagrado recibido de arriba, no que os homes non poden pór as súas mans”. Debería recoñecer que algunha responsabilidade terán neste fenómeno institucións e partidos que, durante 25 anos, e aínda hoxe, tomaron como herexía calquera crítica ou usaron a Constitución como ameaza e punición contra os discrepantes. Acertadamente aclara que a Constitución pode cambiar por vías, que “alteran o senso dos seus preceptos ou a privan de forza”. Refírese ao contexto histórico cambiante. A integración do Estado Español na UE tería feito obsoletos algúns artigos ou inviábel a súa aplicación. Por exemplo, segundo el, o 128, no que se recoñece a iniciativa pública na actividade económica sería contraditorio coa vixilancia ciumenta da liberdade de mercado por parte da Comisión Europea. Deste xeito argumenta que hoxe non cabería facer uso dos poderes que lle outorga ao Estado o devandito artigo (“intervención de empresas cando así o esixa o interese xeral”) para pór a Repsol baixo o seu control.
Leer o resto …
4 Decembro, 2008
España
2 Comentarios
A Constitución Española é un híbrido de pouso franquista con adobío democrático para aplicar a unha realidade socio-política, económica e lingüística-cultural complexa. Plasma, de forma elocuente, quen controlou a “Transición”, cal foi a correlación de forzas. Obviamente expresa os medos e a negativa a enfrontar o problema da estrutura institucional do Estado conforme á súa realidade plurinacional. Insírese nunha forma de incardinación do réxime democrático nun elo no que o peso dun pasado antidemocrático goza de relevo. Ás veces preténdese xustificar este peso en nome dunha tradición española con forte incidencia social. Desgrazadamente non só a letra senón a aplicación da Constitución Española non fai máis que afortalar esta interpretación con frecuencia. Está alentada sen dúbida por aclaracións equívocas ou propostas contraditorias no propio texto constitucional. Por exemplo, no referido á aconfesionalidade do Estado ou ao sistema educativo. Curiosamente, nestes aspectos a letra do texto constitucional é interpretada cun ritmo e unha melodía que reforza o peso dunha tradición antidemocrática. Non de outra maneira se pode entender, após máis de 30 anos, a forza práctica da cooperación dos poderes públicos coa relixión católica. Esta cooperación sitúase por enriba da aseveración constitucional de que “ningunha confesión terá carácter estatal”. Nesta mesma liña, con máis artillaría constitucional, se aplicou o artigo 27 sobre o dereito á educación. As consecuencias á vista están: unha rede de ensino confesional privado, subvencionado con fondos públicos, nos que non é infrecuente a falla de respecto por principios constitucionais fundamentais; a presenza da relixión católica como asignatura no sistema privado e no público; a asunción da formación relixiosa e moral dentro do sistema educativo conforme ás conviccións dos pais. Non é de estrañar que mesmo nos centros de ensino público presidan espazos colectivos símbolos da relixión católica. A lexítima demanda da súa retirada, apoiándose en criterios constitucionais, mesmo avalada xudicialmente, chega a criar conflitos, nos que o goberno permanece indolente e esvaradizo. De forma paradoxal chega a afirmar que a presenza ou non destes símbolos debe resolverse no ámbito de cada centro… Parece tratarse dunha cuestión de gustos individuais ou de correlación de forzas. Non existe norma de valor constitucional, de aconfensionalidade, nin de respecto polo pluralismo relixioso ou de crenzas.
Leer o resto …