25 Xaneiro, 2009
Imperio
Non hai comentarios
Informacións e comentarios puxeron o acento onde máis lle conviña ao medio respectivo. Todos se moveron dentro dun ton reverencial e admirativo. O cambio na Casa Branca sen dúbida abre unha nova fase interna en Estados Unidos, con algunhas consecuencias para o exterior. Máis difícil de aceitar é que abra unha Nova Era. Son precisamente as constantes tradicionais da política americana as que non aparecen subliñadas nen nas informacións nen nos comentarios hexemónicos na prensa española, en boa maneira representativa da europea. A etapa de Bush privou de toda lexitimidade á política internacional do Estados Unidos pola súa descarnada agresividade e a súa violación descarada e continua das normas elementais dos estados democráticos. Intencionadamente as primeiras medidas de Obama están destinadas a prohibir o uso da tortura e a restaurar o respeito pola Convención de Xenebra. Estas iniciativa resultaba prioritaria para recuperar a lexitimidade moral dos Estados Unidos. Todos sabemos que é posíbel a agresión e a violencia con recursos máis sutís. Os panexiristas do modelo USA e os acólitos dun deseño imperial presentábel necesitaban estas rectificacións. Nun contexto tan indigno e preocupante como o que vivimos, non deixamos de valorar positivamente o retorno a formas democráticas. Na política, como na vida, non é certo o aserto de que canto peor, mellor. Encóntrome entre os que así pensan.
Poren, resúltame un pouco badoco, inxenuo e irresponsábel, para alén de desfigurador, non subliñar os límites do cambio e os principios negativos asumidos por Obama. Non esquezamos que o novo Presidente segue representando os intereses de grupos oligárquicos, metamorfoseados en intereses da nación americana. A parte máis extensa e sintomática, para mal, do discurso presidencial do 20 de xaneiro no Capitolio facía referencia á concepción de Estados Unidos como unha grande nación e o seu papel no mundo. Aceitando que viven unha crise, vinculouna non só a un problema económico interno, suxeito a dados e estatísticas, senón tamén a unha destrución de confianza, a un temor persistente “de que o declive de Estado Unidos é inevitábel”. Deste xeito enguedéllanse as cuestións da política interna coa exterior: restaurar os valores e ideais dos “nosos pais fundadores, enfrontados a perigos que a penas podemos imaxinar” para rexenerar a economía do país e exercer de faro da liberdade no mundo, reafirmando así a grandeza da nación. Non se desiste da tese asumida fanaticamente na etapa Bush: o país está en guerra “contra unha rede de violencia e odio de grande alcance”. Existe o mal como antítese dos valores que Estados Unidos defende. Enleado con elementos bíblicos, característicos dun discurso político sacralizado, ao servizo das clases dirixentes, Obama segue asignándolle a Estados Unidos o papel de pobo que recibe unha mensaxe reveladora: a obriga de actuar como exterminador do mal. A mensaxe evanxélica idílica fundaméntase no principio de igualdade, liberdade e felicidade para todos. Mais esta mensaxe hai que espallala e praticala a través dunha viaxe xa histórica, como pobo escollido, que conleva sacrificios, fe e empeño no pobo americano. Deus pídelles que “deixemos pegada nun destino incerto”. Máis unha vez, agora, son postos a proba, como o pobo escollido e os seus profetas na Biblia. Non poden interromper o camiño comezado desde que son nación, “coa mirada posta no horizonte e a graza de Deus con nós”. En boa lóxica, o remate discursivo é o dun sacerdote dirixíndose aos fieis: “Deus vos abenzoe, Deus abenzoe a América”. Leer o resto …
24 Xaneiro, 2009
Autogoberno, Financiamento
Non hai comentarios
A AS-PG, contando coa cooperación do Departamento de Cultura da Deputación de Lugo, está desenvolvendo unhas xornadas sobre as Irmandades da Fala e o Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo de 1918. A palestra celebrada o día 15 deste mes versou sobre o réxime económico que defendían os nacionalistas para Galiza naquel documento, verdadeiro salto cualitativo na evolución do pensamento político galego. Correu por conta do amigo e camarada, Xosé Díaz, unha persoa que se ten ocupado nestes cinco últimos anos de desvendar a ficción do sistema de financiamento, cando se quere facer crer que vivimos grazas á solidariedade do Estado. Era esta unha materia pendente no campo analítico concreto. Antes só existía unha tendencia, salvando honrosas excepcións, a santificar teses que non se sustentan na realidade, en concreto no verdadeiro deseño e funcionamento do financiamento autonómico en vigor.
Leer o resto …
11 Xaneiro, 2009
Castelao, Cultura
Non hai comentarios
Este mes é o do nacemento e a morte de Castelao. No 2009 cúmprense 25 anos da traída dos seus restos mortais desde Buenos Aires para depositalos en San Domingos de Bonaval. Foi unha traída patrocinada e controlada polos que nunca acreditaron na súa obra nen so seu pensamento. Realizouse nun contexto de severas limitacións anti-democráticas, co nacionalismo expulsado do Parlamento Galego. Inevitabelmente foi contestada polos que, no plano ideolóxico e político, nos considerabamos continuadores da súa obra. Desde entón, produciuse paseniño un fenómeno de asimilación, para convertelo en algo inocuo, sen coñecemento e recoñecemento social amplo. A asimilación non liberou a súa obra da minusvaloración e da ignorancia colectiva. A forza do perseguido e censurado, do reprimido, foi substituída pola rotina do abandono e do esquecemento progresivo. Velaí o Pavillón de Galegos Ilustres (sonoro nome oficialista), sarcófago de Castelao incluído, non debidamente aberto nen mostrado ao público durante tantos anos e mesmo agora sen a debida promoción para ser visitado e sen a adecuada información de todo tipo sobre as figuras que alí xacen. Que forma, após de pomposas honras fúnebres retardatarias, e retóricas, de matalos para que non deixen pegada social! Que destino, vérense agora nun templo, de forma sobrevida e inesperada, propiedade da Igrexa católica, un home -Castelao- e unha muller -Rosalía-, cépticos en materia relixiosa e nada proclives ao catolicismo! Canto desleixo e abandono durante case que 25 anos!. Leer o resto …
4 Xaneiro, 2009
Dereitos
Non hai comentarios
A teimosía e radicalidade inquisitorial coa que o Vaticano rexeita e condena a homosexualidade, a condición homosexual, resulta inquietante. É verdade que esta actitude continúa unha tradición ideolóxica, socio-política e médica que a considerou unha patoloxía, desde a metade do XIX até ben pouco. Unha perversión da natureza que podía considerarse vicio e atentado contra a norma social, institucional, heterosexual, verdadeiro ideal humano. O rexeitamento abalou sempre entre o prexuízo biolóxico e o prexuízo social e moral. Non se podía conceber a atracción entre persoas do mesmo xénero e do mesmo sexo biolóxico. Só unha deformación da natureza ou unha perversión do espírito podían explicalo. En ambos casos, o afán por ser normal conducía á renuncia, á autorrepresión, á reeducación, ao auto-control, á sublimación para non enlodarse na vileza. Un aspecto, tan íntimo e á vez tan necesitado de sanción social, na vida das persoas ficaba, para as de condición homosexual, encapsulado no corredor do medo, da prevención, do sufrimento e mesmo da auto-negación e, como non, da fobia e da agresividade. De este corredor parece que estamos comezando a saír, non sen dificuldades e con moitas contradicións e oposicións de calado. Leer o resto …