Revelar a historia

Historia de Galiza Non hai comentarios

Unha das eivas máis graves que padece a sociedade galega é a de non contar cunha información suficiente e axeitada sobre o seu devalar histórico. É posíbel que se trate da nación europea que padece a maior ocultación, anulación e manipulación sobre o seu pasado, especial e significativamente o medieval. Sen dúbida a operación consistiu en proxectar a situación actual de dependencia, secundarización e marxinalidade, o noso papel político periférico, cara atrás. Mellor dito, en facer cadrar a nosa integración e dependencia da España hoxe coa visión retroactiva da historia, como se nunca existisemos por nós mesmos, de forma autónoma e diferenciada. Isto obrigou a unha operación manipuladora iniciada xa hai séculos, desde o XV, pero consolidada e construída ad hoc, sobre todo desde mediados do século XIX, cando realmente se articulou, contando entre outros factores poderosos, cun discurso histórico oficial e dominante, o que o hispanista norteamericano Inman Fox denominou “ a invención de España”. Identificouse o Estado capitalista e centralista coa a idea dunha única nación, a española, de base cultural e lingüística castellano-andaluza, de existencia mítica secular. Ás veces esta proxección retroactiva chega até a Hispania romana, que era en realidade unha conceptualización xeográfica, e non política. Nesta construcción ideolóxica hexémonica da historia de España, a nación que máis padeceu a desfiguración foi Galiza. A súa historia, desde o século IV deica o século XV, sobre todo, resulta incompatíbel cos mitos da historiografía española. É máis, debe ser anulada, menosprezada ou suplantada para non recoñecer o seu papel central, non periférico,na Península Ibérica e mesmo para non constatar a súa función irradiadora e nuclear, na parte occidental, do ponto de vista político, demográfico, económico e cultural. Hai que atribuírlla a outros: Asturias, León e Castela, de forma progresiva. O resultado: Galiza, o reino que nunca existiu. Non son poucas as consecuencias sociais desta manipulación. Leer o resto …

A necesidade do Estatuto de nación

Autogoberno, Galiza Nación Non hai comentarios

Vivimos un momento de grande trascendencia política. Nesta conxuntura, mesmo dentro das dificultades xerais, vai ser, está xa a ser, crucial a capacidade de decisión que se expresa a través de instrumentos políticos. O grao de independencia política, de autonomía integral ou relativa con que conte cada pobo para reaxir vai ser determinante para enfrontar a crise económica, para o resultado posterior e para a posibilidade de aparición dun novo modelo ou sistema. Cómpre lembrar que chegamos a isto após a dominancia universal do capitalismo financeiro, coa derivada de desigualdades de toda caste, e varias guerras “preventivas”, trofeo do hexemonismo militar dos Estados Unidos, garante do statu quo. Non cabe dúbida de que a contestación máis arrichada contra este deseño, proveu precisamente de pobos con réximes políticos que fixeron e fan uso do Estado proprio, previos procesos de democratización, para defenderen os seus dereitos e intereses. Isto é, conquistaron o dereito a exerceren a súa capacidade política de decisión autónoma, non dependente, a súa soberanía. Non pode estrañar que este acceso a unha real independencia se producise nos últimos anos, na periferia do sistema, por exemplo Latinoamérica. Como tampouco pode estrañar que sexan estes réximes políticos obxecto de preocupación, intimidación e campañas de descrédito por parte dos poderes globais. Leer o resto …

Lingua galega e cinismo español

Dereitos, Lingua Non hai comentarios

A actual fase de globalización, que no Estado español significa máis españolización, impulsa os ataques contra os procesos de normalización de usos de idiomas nacionais como o galego, o catalán e o eusquera. Estamos perante un dos aspectos sintomáticos do conflito entre recentralización económica, política e cultural e democratización. O renovado discurso hostilizador agacha cinicamente os seus obxectivos a prol do dominio excluínte do castelán nos principios de liberdade e igualdade dos individuos, para alén da aposta por un suposto bilingüismo. Nesta espiral manipuladora chégase mesmo a falar de discriminación dos castelán-falantes. Acábase por enunciar sen ambigüidades a intención de modificar a limitada e cativa legalidade vixente en materia de cooficialidade do galego nunha dirección aínda máis restritiva e inoperante. A xestación e lanzamento deste asalto á razón e á verdade está nos núcleos de poder mediático, propagandístico, da metrópole madrileña e nos “intelectuais” e partidos ao seu servizo. Naturalmente, amplos sectores da sociedade española son debidamente intoxicados, non educados, en materia de igualdade de dereitos lingüísticos e mesmo galegos incautos, inxenuos, malinformados ou de fráxil ou nula identificación colectiva poden acreditaren en tanta falsificación, debidamente amplificada por poderosa mediática “rexional”. Leer o resto …

Visión de futuro

Autogoberno, Capitalismo Non hai comentarios

Non abonda con facermos análises rigorosas sobre o que está a pasar na economía. Non é conduta axeitada manterse no quietismo á espera do que outros fagan, esperando o impacto da súa forza de arrastre. Tampouco é recomendábel explodir de forma irregular, desordenada e desorientada, con protestas que aproveitan o desacougo subxectivo, pero non o canalizan cara a unha alternativa política realistamente transformadora. Actuando así, afondaremos na confusión e na descualificación da política, por moi agachada e enleada en contestación rebelde e iconoclasta que aparecer.
Leer o resto …