29 Marzo, 2009
Educación
Non hai comentarios
Pasei unha grande parte da miña vida adicado á docencia no ensino secundario, en contacto con alumnado de 11 a 18 anos. Comecei a traballar no tardo franquismo, 1967. Intentei desenvolver o meu labor con dignidade, con coñecemento sobre o que falaba, con afán de convencer. Houbo, en toda esta traxectoria, un elo condutor: unha actitude consciente, identificada coa realidade na que actuei, a de Galiza. Esta actitude traduciuse en predisposición a me informar para saber e comprender, tendo como ponto de referencia a nosa sociedade, aquela que tamén compartían vivencialmente os destinatarios do meu labor. Leer o resto …
22 Marzo, 2009
Cinema
Non hai comentarios
Vendo este filme a un fícalle máis claro aínda canto se podía facer para que as persoas pensasen, cavilasen, a través do cinema, sen deixaren por iso de entretérense emocionándose. Non é frecuente esta combinatoria, especialmente no caso dos produtos USA. Tamén resulta estraño que, nos tempos actuais, se nos sitúe perante un ambiente católico confesional e, sen saír del filosófica ou ideoloxicamente, acedamos a un contraste de perspectivas morais que non só provoquen dúbida respeito de como avaliar unha relación humana, senón que sutilmente se nos indique cal é a forma máis comprensiva e piadosa de comprendela. Refírome a A dúbida (Doubt), de John Patrick Shanley, autor tamén da obra na que se fundamenta o filme, coa que gañou o premio Pulitzer e un premio Toni na súa adaptación teatral. Esta orixe literaria, transformada-sintetizada logo para os cenarios, desemboca nun filme depurado na súa estrutura, cheo de contrastes expresivos e reveladores, con diálogos precisos e substanciosos e cunha ambigüidade aparente, perante a cal os espectadores acaban por reaxir con xuízos que os retratan, sen seren quen de reaxir contra o filme. Non hai máis que ver as críticas dos usuarios en Filmaffinity, un bo botón de mostra sobre como anda a mentalidade social en materia de prexuízos morais, de intolerancia. Leer o resto …
16 Marzo, 2009
Historia de Galiza, Lingua
Non hai comentarios
Ás veces cómpre revisar ou simplesmente lembrar o pasado para comprender mellor o presente. O nacionalismo galego prestoulle sempre grande importancia ao noso idioma, como un elemento substancial da nación. Entre 1916 (nacemento das Irmandades da Fala) e 1936 (alzamento militar fascista), un período significativo do proceso de conformación e actuación do movemento nacionalista galego, os dirixentes e mesmo os militantes da causa tiñan un comportamento tendente ao monolingüísmo en galego en canto artistas e escritores, ou nas súas actividades políticas. Nas súas relacións familiares e sociais eran bilingües-diglósicos, isto é, o galego segundo con quen, en que función e en qué ámbitos, por máis que o sentisen como o seu idioma proprio. Vivían nunha atmosfera social predominantemente galego-falante, nos usos orais e coloquiais, en contacto cunha masa labrega e mariñeira naturalmente monolingüe que, polas súas condicións de existencia, non se vía forzada a penas a facer uso do castelán. Os nacionalistas non vían entón un problema de supervivencia para o noso idioma. Vían un problema de legalidade, de cooficilidade: a realidade politico-administrativa debía reflectir a realidade social. Desde logo sentían a desvalorización do galego, o menosprezo e a discriminación dos seus falantes, no conxunto da desconsideración negativa da nación galega. Leer o resto …
8 Marzo, 2009
BNG
Non hai comentarios
Para o nacionalismo galego os resultados das recén celebradas eleccións autonómicas foron negativos. Ao revés do que se dicía, a maior participación (a máis grande en todos os procesos desta caste) posibilitou un cambio a favor do Partido Popular. Había varios factores potenciais para provocar unha onda de fondo social para o cambio de Goberno na Galiza. Perante a crise económica existe unha tendencia a crer que o PP pode actuar mellor. A fórmula dun Goberno bipartito BNG-PSOE non parecía tampouco a máis adecuada para enfrontala e mesmo se considerou inapropiada en si, preferíndose unha maioría monocor. Esta foi a visión hexemónica socialmente. Os electores do PP, unha parte importante dos do PSOE e os desafectos ao BNG promoveron esta onda de cambio. Leer o resto …
1 Marzo, 2009
Eduardo Blanco Amor, Literatura Galega
Non hai comentarios
Eduardo Blanco Amor, após anos na emigración americana (1919-1964), comezou a preparar o seu regreso definitivo a Galiza, desde 1956, cando menos. Nesta preparación cumpriu unha función catártica, do ponto de vista persoal, e expresou a súa disposición a contribuír de novo ao fortalecemento e modernización da literatura nacional galega desde dentro, A esmorga. Este ano 2009, concretamente en abril, hai 50 anos que foi publicada esta novela, non aquí senón na editorial Citania de Buenos Aires. Porén, a intención fora editala en Galaxia xa en 1956. Nunha autocrítica (abril de 1959), na revista Galicia, do Centro Galego da capital arxentina, da que era director, Blanco Amor deixou constancia de que saía alí pola mestura de dous impedimentos: o ditame do Consello de Redacción da Editorial Galaxia, para a que fora escrita, e o non da censura española vixente entón, que prohibiu a súa publicación. Aproveitaba a ocasión para denunciar que, na España franquista, funcionaba un aparato policial para a persecución das obras literarias e os seus autores, exercida por un dos organismos máis “arbitrarios, sinistros e corruptos”. O organismo censor, tamén por aquelas datas, impedía a impresión da Obra Completa de Ramón Cabanillas, entón octoxenario e enfermo. As dilacións na publicación da novela, desde que fora escrita, seguramente xa ao longo de 1954, indicaban as dificultades para o retorno. As previsións e cautelas a respeito da súa situación económica, das súas posibilidades de subsistencia como escritor tamén en galego, colaboraban a demorar a realización do anceio de volta definitiva á patria, que abandonara, mozo de 22 anos, en 1919. Leer o resto …