30 Maio, 2009
Unión Europea
Non hai comentarios
Hai desinterese e confusión en moitos demócratas de vocación cosmopolita ou universalista polos resultados práticos da Unión Europea. Malia a súa propensión a aceitaren procesos de suposta modernización a calquera prezo, agora o desencanto abáfaos porque a unidade tiránica do mercado único é o dominante. Mesmo pesan máis a involución e a desigualdade política e social que os logros democráticos xeneralizados. Porén na Galiza aínda fican panexiristas irredutíbeis, non da idea favorábel a unha Europa unida na igualdade e na harmonía, senón desta UE. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denominaos europapanatas. Algúns chegan mesmo a trocar a situación, na mellor tradición auto-agresiva, culpando, por exemplo, os nosos labregos produtores de leite de non saberen competir en mercado tan beatífico e neutral. Xa se sabe os galegos non valemos. Temos unha tara xenética. Non somos quen de modernizarnos. Resulta irritante a cegueira interesada de quen non ve o sufrimento, a tortura a que está sendo sometido o sector lácteo galego, precisamente pola súa capacidade para competir, polo seu esforzo por se modernizarse, mesmo con pautas, criterios e regras de xogo ao servizo doutros. O problema está na comercialización con dumping, na falsificación do libre mercado con regulacións discriminatorias para uns e favorábeis para outros, no abandono forzado da produción agraria. Está no deseño político deste espazo globalizado que é a UE, claramente xerarquizado e desigual. En grande maneira, non deixa de ser o vello modelo sobre o que se construíron os Estados centralistas e imperialistas que a hexemonizan. Leer o resto …
24 Maio, 2009
Nacionalismo, Política
Non hai comentarios
As palabras non poden ser correctamente interpretadas se non é no seu contexto discursivo e socio-cultural. No campo das ideas, do debate intelectual e político, da información, cómpre que o vocabulario abstracto sexa o máis preciso posíbel sen dar pé a malinterpretacións ou a confusións. O uso polisémico dun termo político é unha fonte de manipulación. Non axuda á clarificación da realidade concreta na que vivimos. Deste uso polivalente, calculado e interesado, provén unha ambivalencia moi útil para a manipulación ideolóxico-política.
A palabra nacionalismo padece este uso manipulado, nada alleo a unha dialéctica política que pretende a intoxicación. É a dialéctica ideolóxica dunha concepción presuntamente democrática que pretende o descrédito dos movementos nacionalistas, en especial no Estado Español. A trécola consiste en empregar este vocábulo para designar realidades, movementos ideolóxicos, antitéticos. Ningunha das linguas das nacións sen Estado da Península Ibérica está ao marxe desta perturbadora utilización. Na pragmática do galego comezou a aparecer recentemente. É esta unha etapa histórica onde a utilización manipulada cobra especial relevo. Non hai que esquecer que estamos no paroxismo globalizador (aquí, xa se sabe, españolizador). Os ataques contra o nacionalismo catalán, vasco ou galego foron e son de tal entidade que os usos negativamente connotados do termo predominan no español. Mesmo nas filas nacionalistas catalanas, vascas e, en menor medidas, nas galegas, produciuse o fenómeno de denominar nacionalismo español as manifestacións políticas de ámbito estatal, de xestación centralista, agresivas cos dereitos de Catalunya, Euskadi e Galiza, a seren nacións normais. Desta maneira, desde perspectivas ideolóxicas e intelectuais democráticas o que, en puridade, é centralismo españolizador, colonialismo cultural e lingüístico, imperialismo e mesmo xenofobia, odio e intolerancia contra o diferente, vén denominarse da mesma maneira que a súa antítese. Con finalidade pexorativa, homológase quen ten o poder e o usa para o dominio con quen o padece e pretende rectificalo para conseguir unha relación de igualdade. Non podemos aceptar que a mesma palabra sirva para significar a defensa do dereito a existir con normalidade dunha nación sen estado, e a exasperación e intolerancia expansionista e destrutiva exercida con todo luxo e obstentación de poderes mediático, económicos e políticos contra eses dereitos nacionais . Pode haber maior cerimonia da confusión? Leer o resto …
17 Maio, 2009
Nacionalismo, Política
Non hai comentarios
Pensemos con serenidade e subliñemos a evidencia de especial confusión e crise. Ninguén máis necesitado de facelo que as sociedades, os pobos, en condicións de marxinalidade ou de anormalidade. No seu seo, os colectivos que se esforzan por rectificar a historia para lograren que o seu país teña unha existencia normal. Que outra cousa é o nacionalismo estrito senso, en particular o galego? Velaí o único instrumento político xenuíno, propio, criado desde un pensamento e para unha práctica focados na realidade da Galiza. Pode ter acertos ou erros, pero é o único ao servizo do país, porque é o único que acredita na súa existencia como suxeito con dereitos políticos. O seu empeño consiste en expresar a vontade de ser como pobo, como nación, como sociedade diferenciada, e por iso necesitada dunha dialéctica política de seu. O potencial do movemento nacionalista galego é enorme, por máis que o seu desenvolvemento estea condicionado polo contexto no que Galiza está inserida, polo acerto das súas estratexias e tácticas e polas dos seus poderosos inimigos, inflexíbeis na defensa do statu quo. Sería bo que os nacionalistas galegos tivésemos presente que a existencia do nacionalismo depende dunha necesidade obxectiva, pero tamén dunha forte dose de vontade ou de voluntarismo fronte a un proceso destrutivo, aniquilador. Xoga como unha forza antitética ao modelo económico-social e político-cultural hoxe dominante (capitalismo globalizador), pero non todas as antíteses deste modelo lle son favorábeis. Por suposto, os feitos demostran que non cabe dentro del. Leer o resto …
10 Maio, 2009
Política
Non hai comentarios
Nesta fase epigonal do capitalismo, a esfera política, especialmente nos chanzos superiores, está abafada pola mestura do público co privado. Non é por casualidade. Forma parte da súa conversión en espectáculo que debe ser acaidamente consumido polas masas. O discurso e a práctica non teñen nada relevante e construtivo que propornos. A idea subxacente é que o mundo non hai quen o cambie, porque o capitalismo é inmorrente e o xénero humano irredimíbel-inalterábel.
Hai en ocasións tal converxencia intensiva desta forma de desenvolverse a política, coa súa debida translación mediática, hoxe tan determinante, que conforma un espello en exceso revelador. Por exemplo, de como se recorre, nas sociedades que presumen de avanzadas, ilustradas e democráticas, aos fetiches estereotipados, ás imaxes normativas prexuizosas e á promoción dunha impúdica admiración reverente pola representación simbólica do poder. A visita de Estado a Madrid do presidente Sarkozy, acompañado da súa dona, Carla Bruni, a fins do mes de abril, foi toda unha demostración dos valores que sustentan as imaxes que, interesadamente, deben transmitirse. A relevancia da señora Bruni forma parte do valor das aparencias, de como conformar unha diplomacia banal, para conseguir a venda dun produto. A cantante e modelo interpreta agora o papel de embaixadora máxima da Franza, facendo ostentosas as súas cualidades físicas, o seu porte de pasarela e a súa romántica relación co varón-heroe. Cal é a representatividade democrática da señora Bruni? Descoñecémola. Porén é protagonista como o é tamén a princesa Letizia. Non podía faltar a imaxe das dúas damas, focadas as súas curvosas siluetas femininas, en contraste competitivo, como debe ser, correspondendo co papel que se lles asigna: elegancia e exhibición de encantos estereotipados. Por derivación: luxo e matrimonios felices. Espectáculo de consumo para consolación das masas. Leer o resto …
3 Maio, 2009
Autoodio, Capitalismo, Galiza Nación
Non hai comentarios
A rebelde conciencia da nosa Rosalía de Castro reparou na transcendencia para o país dalgúns comportamentos sociais. En 1866, por exemplo, publicaba no Almanaque de Soto Freire (Lugo) o retrato dun tipo frecuente, “O Cadiceño”, o emigrante que retorna desfigurado cultural e lingüisticamente. Supostamente enriquecido, provoca admiración e hipnotismo mimético nos seus compatriotas: desprezo polo galego, discurso acastrapado, acenos e indumentaria andaluza, menosprezo de usos e costumes propios e gabanza dos alleos. Estes efectos da nosa emigración á Arxentina, Cuba, Uruguai ou a Cádiz e Madrid, reforzaron aínda máis a política cultural e lingüística do Estado na Galiza. Corridas de touros e canción e baile “andaluces” foron os instrumentos empregados desde fins do século XIX para inxectar mímese e alienación cultural en masas desprotexidas. La Bella Otero, no campo artístico, foi un produto autóctono, para consumo cosmopolita, desta dialéctica cultural, coa debida ocultación das súas orixes. Valle-Inclán, especificamente nas súas “Divinas Palabras”, quixo mostrar a deformación do pobo galego, das súas clases populares, por este proceso de colonización: a admiración paifoca a distancia polo alleo e incomprensíbel. Manipulado pola Igrexa, con ausencia de clases dirixentes e cun xogo económico oportunista en proveito de cucos estranxeiros ou estranxeirizantes, o resultado é a deformación, a burla e a ausencia de futuro. Podemos evocar o Castelao debuxante, ironizando sobre o choque das corridas de touros coa mentalidade popular galega, cando apresenta un labrego matinando perante un cartel anunciante dunha corrida en Santiago: “Lástema de bois!”. Nembargantes somos sabedores da insistencia en introducir e espallar as corridas na Galiza, desde Celanova á Coruña, pasando por Sarria ou Pontevedra. Non ocultan os galegos á española, con domicilio práctico en Sevilla ou Madrid, por exemplo, en expresar a súa rendida admiración pola “festa nacional” cando acoden no verán á praza de Pontevedra desde o seu privativo descanso en Sanxenxo. Leer o resto …