Solidariedade ou capacidade?

Autogoberno, Financiamento Non hai comentarios

Nunca como hoxe resultou a información máis enganosa e máis manipulada. Parece que, a maior bombardeo mediático, máis incapacidade para o contraste e a aproximación á verdade. Os tópicos e as mentiras non deben nunca descubrirse. É máis, cómpre que vivamos nelas cunha contumacia que indica canto interese existe en que se manteñan. Un destes tópicos recorrentes é moi da querencia dos sucesivos presidentes da Xunta de Galiza e dos seus conselleiros de Economía. Exprésao agora o señor Núñez Feijóo, con especial vehemencia teatral, perante as negociacións en curso para a reforma do sistema de financiamento das Comunidades Autónomas. Non vai aceitar un financiamento insolidario; non vai tolerar que se beneficie a Catalunya para prexudicar a Galiza. Como sempre, desde o bipartidismo español, non se parte dun coñecemento da realidade viva do país e das súas capacidades, neste caso da fiscal, para saber cales son as trampas do sistema que se nos aplica, cal é o modelo alternativo a defender ou, dentro do modelo que se nos impón, como negociar axeitadamente. Prefiren, acompañados de todo o balbordo informativo, incidir en que somos pobres, necesitamos solidariedade. O resultado é unha hipnotizada e ignorante consciencia social, colectiva, a cada paso máis convencida de que vivimos da solidariedade de España. Non é difícil descubrir a quen serve a inoculación desta trola. Desde logo, para un maior sentido de capacidade e responsabilidade do pobo galego, non. Sabe alguén para que vale o autogoberno, e se pode ser chamado así, de non asentarse neses principios? Leer o resto …

Portugal e nós

Historia de Galiza Non hai comentarios

Rencontro de ValdevezResúltame consolador achegarme, de cando en vez, a Portugal, concretamente ás terras do Miño, aquelas que constituíron, con nós, a Galiza histórica. Con todas as limitacións e cautelas que se quixer, reconforta vivir nunha sociedade coa súa lingua normalizada. Como esta lingua tamén é a nosa, malia todas os estrañamentos que moitos poidan sentiren, a sensación de acougo e de utilidade van parellas. Cumpriría matizar máis a tese de que é unha riqueza para un pobo contar con dúas linguas Desde logo, non o é para a sociedade galega. Simplemente ningunha sociedade cría dúas linguas para que poidan desempeñar as mesmas funcións. De forma asañada acaba por ser a propia a que padece o desprezo, o deterioro e o retroceso. É coa nosa propia que procuro información, relación e contacto social alén do Miño, como o fago tamén aquén con máis dificultades e tropezos… Leer o resto …

Idioma e poder

Lingua, Sem categoria Non hai comentarios

O galego aínda continúa a ser unha lingua discriminada e desprezada. A actual democracia só aceitou a realidade plurilingüe no Estado español desde unha visión restritiva, paternalista e subordinada para o galego, o catalán e o vasco. Dunha forma premonitoria, antes da transición, sociolingüistas como Rafael LLuis Ninyoles (Idioma e poder social) advertíronos da conexión entre o status do idioma propio e a estrutura do poder. A verdade é que o comportamento lingüístico na Galiza entón, como en liñas xerais hoxe, expresaba o dominio do castelán sobre o galego e a subordinación deste na interrelación da vida cotiá, como corresponde a unha sociedade subordinada económica, cultural e ideoloxicamente, polo tanto tamén nas actitudes psico-sociais. Paradoxalmente coa chegada da democracia producíronse graves casos de represión contra mestras/es por impartiren ensino en galego, previa denuncia dalgúns pais, curiosamente en ámbitos rurais, ao abeiro dun denominado Decreto de bilingüismo. A nova legalidade parecía estar pensada para destruír o logrado por propia iniciativa popular nos últimos anos do franquismo sen ningunha cobertura legal. Entón a resposta a esta represión correu exclusivamente por conta do nacionalismo político, sindical e social. Leer o resto …

Ao Ministro de Fomento

Infraestruturas Non hai comentarios

Pepe Blanco, Ministro de FomentoO novo ministro de Fomento, José Blanco, estreouse afirmando que todos sabiamos que a conexión por alta velocidade con Madrid, concretamente o tramo Ourense-Lubián, non podía estar en funcionamento en 2012. O que sabemos é que o BNG sempre foi vangarda na esixencia da modernización da infraestrutura ferroviaria interior de Galiza e as súas conexións co exterior (Portugal e a Meseta), de forma específica no Congreso dos Deputados, desde 1996 até hoxe. A nosa presenza alí foi decisiva para os Gobernos do PP vérense obrigados a incluír, polo menos en teoría, Galiza no seu plano de infraestruturas ferroviarias de alta velocidade, do que aparecía ostentosamente excluída. Acabaron por asumir, após moito debate e denuncia, un deseño con duplicación de vía, electrificación e variantes no Eixo Atlántico (A Coruña-Vigo) á altura do ano 2001. Planificouse a súa execución con tal lentitude que, aínda hoxe oito anos máis tarde, está máis da metade dos seus 160 quilómetros sen acabar. Se o ritmo destas obras acabou mellorando unha migalla foi pola presión do BNG para aumentar as partidas orzamentarias a el destinadas, a cambio do apoio aos orzamentos do estado desde 2005, xa con goberno PSOE. Asemade, consecuentemente, logramos que o concepto Eixo Atlántico abranguese desde Ferrol á fronteira portuguesa e esiximos, para apoiar os Orzamentos desde 2006, que se axilizasen os trámites administrativos e se contemplasen os adecuados soportes financeiros para os tramos Ferrol-A Coruña e Vigo (saída sur)- fronteira portuguesa. Descubrimos que a intención do Goberno era non facer nada neles até rematar o itinerario A Coruña-Vigo. Resístese a actuar, malia os compromisos adquiridos. As partidas que o BNG consegue non se executan alí. Todo o máis desvíanse para o Eixo Atlántico en obras. Conta coa conivencia ou a pasividade da autoridade local ,caso de Ferrol, que non ditamina o proxecto de entrada na cidade. Tampouco cumpriu o compromiso de sacar o estudo informativo do itinerario Ferrol-Betanzos a información pública no último semestre de 2008. O BNG negociou co Ministerio a adaptación do itinerario actual, con dupla vía,electrificación e compatibilidade para viaxeiros e mercadorías, cun criterio de rendibilidade social (útil para viaxes de proximidade, media distancia e longa distancia). Para este 2009 figura unha partida de 15 millóns de euros, negociada por Francisco Jorquera. De Betanzos á Coruña todo está na brétema co pretexto da oposición desatada no concello de Cambre… Mesmo foi o BNG quen lles tivo que advertir que en Uxes faltaba un by pass para os trens poderen circular directamente en dirección Santiago. Leer o resto …