28 Xullo, 2009
Lingua
Non hai comentarios
Existe, en todos os sectores sociais favorábeis á lingua galega, coincidencia en que a política lingüística do PP é estratéxica e pretende a súa acelerada eliminación. Estamos, pois, perante unha conxuntura preocupante, que merece a máis ampla, perseverante e articulada resposta social e política. Moita xente está a descubrir, a maiores, que esta actitude é correlativa á opción recentralizadora, á parálise no avance do autogoberno, á submisión aos ditados de estratexias, en todos os ámbitos, deseñadas desde Madrid. Por primeira vez, de forma socialmente incisiva, as relacións entre lingua e política aparecen tan transparentes que obrigan a cavilar en cuestións até o de agora nebulosas ou simplemente soterradas. O conflito aboia como consciente e obriga a definicións, o que non deixa de ter tamén un aspecto positivo. É máis que probábel que, alén do dano que o Goberno PP estea a facer á convivencia lingüística e á causa da normalización do noso idioma, se estea a producir tamén unha reacción social que alarga a súa base confesional tradicional perante tan descomunal, cínica e destrutiva saña. Leer o resto …
20 Xullo, 2009
Rosalía de Castro
Non hai comentarios
A censura e deformación que opacan, desfiguran ou minimizan persoas ou sucesos da nosa historia cultural e política abrangue o presente e o pasado. Só temos que decatármonos de como se filtra hoxe a realidade do país, con que óptica e criterios, ao servizo de que intereses, para sospeitar de como se foi construíndo a versión da historia. A forma de integrar na cultura oficial a moitos dos protagonistas fundamentais da nosa traxectoria cultural ou política é máis que sintomática. Adáptanos sempre ao statu quo, ao que está permitido e ao que non rechía. Desta forma a integración faise mesmo sen molestias, claro que nun plano secundario. Leer o resto …
12 Xullo, 2009
Lingua
Non hai comentarios
Por motivos persoais estiven en Alcalá de Henares hai uns días. Mentres estaba sentado ás sete da tarde nun banquiño baixo árbores a carón da estación dos camiños de ferro, tres mociñas entre 16 e 19 anos parolaban, sentadas noutro, perto de min, sobre as súas vidas familiares. Observeinas, desenvoltas, locuaces, produto de ambientes populares con pingas de diversidade nacional, pero españolísimas de lingua e gostos musicais. Unha canción sobre amor, morte e destino, a cargo dun cantaor de flamenco, se enleaba con aquela conversa coloquial case en chave de revista do corazón ou programa de televisión lixo. A dor perante a morte por cancro dun ser querido, non sei se fillo, amante ou amada, provocaba a enxurrada melódica para consumo popular, focada na inclemencia do destino na vida das persoas. As mociñas repetían anaquiños da letra desgarrada e consoladora. Leer o resto …
3 Xullo, 2009
Carvalho Calero, Galiza
Non hai comentarios
Teño pouco aprezo pola traxectoria da Real Academia Galega durante o actual réxime democrático. Apenas dou algunha resposta pública positiva perante as hostilidades ou agresións padecidas pola nosa lingua e cultura nacionais. Envisa nas intrigas propias dun elitismo mesquiño, dependente ou reverencial, recoñézase ou non, do poder político español, en versión autonómica, expresa as limitacións e contradicións do holding dominante na cultura galega. Porén recoñecemos que non nos son indiferentes as súas accións, as súas posicións, tratándose dunha institución oficial que podería cumprir un papel nada desprezábel á hora de emitir xuízos e facer propostas, con autoridade moral e intelectual ao servizo do pobo galego, sobre o conflito lingüístico que padecemos ou para espallar e actualizar os nosos valores culturais en todos os campos. Mais a RAG, como institución, nada entre a covardía, o servilismo, a queixa egótica e o medo escénico, mal disimulado, a desagradar a quen manda, por máis desprezo que este sinta xustamente por aquilo que é a súa razón de ser . A forma de proceder do seu presidente, incluídos os seus silencios, perante a agresiva política lingüística do PP, nada ambigua e de feitos destrutivos contundentes, entristura. Pode máis o espírito de secta, o seu posibilismo elitista no seo dunha cultura nacional agredida e desprezada, a leiriña, que un mínimo patriotismo ao servizo colectivo. E chama a atención aínda máis que os silencios corporativos non alporicen aos supostos marxistas e independentistas da corporación, tan obedientes ao espírito de elite sectaria como demagogos confusionistas en moitas das súas intervencións sociais a través dos xornais hexemónicos… Leer o resto …