La, la, la,… (I)

Autoodio, Galiza, Lingua Non hai comentarios

Reavívase a obsesión do PP e tamén de grande parte do PSOE por reuperaren para a oficialidade institucional o acastrapado “La Coruña”. A fartura, o cansanzo perante este conflito, que dura xa máis de 25 anos, parece ter asulagado a boa parte da sociedade coruñesa e provocado algunha indiferencia pasotil nalgúns sectores ben intencionados que consideran esta cuestión baladí, sen importancia. Certamente, outros non deixan de preocupárense e irritárense por esta contumacia tan mal intencionada.

O españolismo, na súa actual fase de exasperación axitativa, Pte. da Xunta ao fronte, recupera a aspiración aniquiladora xusto cando o Concello non tivo máis remedio que asumir a legalidade polo pacto que estableceu o goberno bipartito PSOE-BNG. Desde entón, o respeito pola legalidade, pola denominación orixinaria galega, tal e como prescrebe a Lei de Normalización Lingüística, comezou a ser un feito tamén na Coruña. Rompeuse así con anos de chulería, de ilegalidade ostentosa e agresiva, que contou coa conivencia de grande parte do aparato xudicial. Tiña que desautorizar, e así o fixo, como non acorde coa lei a posición do goberno municipal, pero nunca acusou ao alcalde do delito de desacato nen sequera lle indicou a obrigatoriedade, a prescritividade do topónimo A Coruña. Desde o Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo até os xuíces ordinarios foron claros nos seus ditames non avalando o uso de “La Coruña” a efectos de oficialidade administrativa, pero tan inoperantes como maioritariamente conchabados para non producírense consecuencias práticas negativas contra quen, de forma tan repetida e ostentosa, desobedecía unha lei autonómica de 1983 e outra das Cortes Xerais de 1998, esta última para o nome oficial da provincia ser concordante co que xa se tiña restaurado para a capital. Fechábase así o cerco legal, sen posibilidade de burla. Os meios de comunicación de ámbito estatal, tanto de titularidade pública como os privados que respeitan a legalidade democrática, usan desde entón a denominación oficial A Coruña na letra escrita.

Xa sabemos que a arrogancia imperial non resiste estas conquistas democráticas nen a razón fundada na restauración das orixes sen renuncias nen deformacións.

Museu de Pontevedra

Autoodio, Castelao, Cultura, Galiza Non hai comentarios

Cadro "Neno das Piñas"O sábado, día 19, deste mes de setembro, no Teatro Principal de Pontevedra, estivemos a analisar colectivamente a situación lingüística do noso país. Cavilamos sobre cal era a mellor maneira de combater os intentos de exterminio da nosa lingua por parte do PP. Aproveitamos a ocasión para, ao meiodía, visitar as salas dedicadas a Castelao no Museu Provincial de Pontevedra. Fomos atendidos por unha moza espelida e ben intencionada. Na nosa lingua explicounos que o que estabamos a ver era só unha mostra pequeniña da obra artística do noso político e escritor que posúe o Museu. A maior parte está depositada alí, pero non exposta. Non explicou con que garantías de protección e de conservación. Si nos advertiu, con énfase surpresiva, que a maioría dos visitantes, quer galegos, quer estranxeiros, viñan coa intención de veren a obra artística de Castelao. É, pois, o seu mellor reclamo, o que ten máis impacto público. Porén non se corresponde este atractivo coas diminutas e claustrofóbicas dúas salas nas que está exposto, nen tampouco co conseguinte amoreamento do que se exibe. Nunha palabra, forma irrespeitosa e inapropiada de mostrar aquelas xoias artísticas, merecentes doutro trato, doutra consideración. Nun país que se estimar, e con autoridades conscientes do seu deber, semellante situación sería impensábel, imposíbel. Tanta devoción incisiva teñen os visitantes espontáneos da obra de Castelao que, segundo a nosa expresiva guía, a eles se lles debe que, entre o exposto, figure a estampa, sobre fundo de acuarela, “O neno das piñas”. Está visíbel a petición do público. Axiña comezou a me inquietar cal sería o paradoiro doutra estampa, miniatura prodixio de cor e composición, “Rolda de nenos”, que hai moitos anos tiña visto depositada nunha carpeta deste Museu. Sorpresa agradábel: figuraba entre o exposto, como pérola ciscada entre outras naquel remexido sen arte nen concerto. Leer o resto …

Ferrol e a batalla pola modernización ferroviaria de Galiza

Infraestruturas, Tren Non hai comentarios

Mentres fun portavoz do BNG no Congreso dos Deputados empeñeime en levar iniciativas sobre moitos temas de interese xeral para Galiza, de especial incidencia nesta comarca (afectados de asbestose, traballadores de empresas auxiliares, depuración de augas residuais, infraestruturas ferroviarias…). Nestas, como noutras moitas cuestións, a problemática galega non existía nos debates e resolucións parlamentares do Estado até chegar alí o BNG en 1996. O Diario de Sesión e o Boletín Oficial das Cortes acreditan esta aseveración. Cómpre aclarar, con todo, que resultaron moi laboriosos, lentos e desiguais os resultados acadados en cada materia. Sempre houbo que vencer deseños previos moi negativos dos sucesivos Gobernos. Por exemplo, respeito das infraestruturas ferroviarias nunca se tivera para nada presente a súa modernización na Galiza: non era unha prioridade. Arias Salgado, ministro de Fomento no primeiro goberno Aznar, presumía de desprezar as necesidades e reivindicacións galegas. A seguir, Álvarez Cascos comezou apresentando un plano de alta velocidade para todo o Estado, coa sintomática exclusión do noso país. Perante a protesta e a evidencia de discriminación que denunciamos, integrounos propagandisticamente. Custou que asumise un Eixo Atlántico A Coruña-Vigo con dupla vía e electrificación e programou a súa execución para un período de 12 anos (160 quilómetros!!!). Visto que xa non era posíbel, como si fixeran na década dos oitenta coas autovías, obviar a modernización ferroviaria da Galiza, deseñaron un corredor Santiago-Ourense, con características de alta velocidade, concibido como troncal na comunicación de todas as capitais galegas, agás Lugo, con Madrid. Non se planificou a modernización do conxunto da rede ferroviaria galega endexamais con criterios de racionalidade social e económica para favorecer as comunicacións internas á vez que se procuraba unha mellor conexión co resto da península. Teimaron sempre en abourar a nosa cabeza coa panacea de tempos de viaxe non superiores a tres horas para chegarmos ao centro, Madrid, de onde, como se sabe, ven a luz e a verdade. Finalmente o Goberno PP, en 2003 co seu Plano Galicia, un folletiño puramente propagandístico, estendía os itinerarios de alta velocidade mesmo a un suposto corredor cantábrico, todo co horizonte temporal do 2015. Leer o resto …

Xosé Ramón Barreiro: prudencia, dignidade e rebeldía

Lingua Non hai comentarios

Sempre lamentei que institucións como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega non tivesen unha actitude máis combativa e comprometida na defensa da lingua e da cultura de Galiza. Nunha palabra, que non estivesen máis impregnadas de dinamismo social e máis preocupadas por impulsar a normalización dunha lingua e dunha cultura marxinadas e agochadas para nós mesmos. Nunca fun dos que desprecei o valioso papel que podían desempeñar neste terreo. Non me foi, nen é, indiferente, a súa atitude perante os atrancos que poidamos padecer para restaurar usos do noso idioma, para establecer dereitos para os seus falantes . Por iso mesmo desacougoume que, en concreto, a RAG dese a impresión de estar vivindo nunha conivencia irresponsábel e suicida coa actual Xunta de Galicia, pensando en que as cousas non eran para tanto, que cabía con ela un diálogo proveitoso, e albiscando non se sabe que boas expectativas por mor do nomeamento de Anxo Lorenzo como responsábel de Política Lingüística. Mais non só non se rectificaron ou moderaron os obxectivos restritivos e destrutivos do PP, no plano teórico, senón que se están levando á prática cunha contumacia inflexíbel. Leer o resto …

Galiza e o Estatut

Galiza Nación, Nacionalismo, Política Non hai comentarios

Como portavoz do BNG no Congreso entón expresei o apoio do nacionalismo galego ao Estatut saído do Parlament catalán na sesión plenaria que o admitiu a trámite. Esa data, xuntamente coa do día en que Ibarretxe actuou como defensor do Estatuto de Nación para Euskadi, que tamén apoiamos, pero que infelizmente non foi aceitado a trámite, figura como unha experiencia singular no meu labor político parlamentar. Persoalmente tiña claro, como así o consideraba o BNG, que o Estatut representaba abrir un camiño ao Estado plurinacional, de deseño confederal, após trinta anos de marco autonómico esgotado. En certa maneira, a súa aplicación, acabaría por favorecer unha reforma constitucional positiva para os pobos e as maiorías sociais do Estado. Era unha opción a prol dun autogoberno con base claramente política, asentado na existencia do pobo catalán como un pobo con dereito a decidir e con aspiración a convivir en igualdade. No texto latía a concepción dun marco competencial exclusivo no que a palabra última e determinante era a do goberno e o Parlament de Catalunya. A vontade política e o marco competencial xenuíno expresábanse, de forma especial e senlleira, en todo o que facía referencia á lingua. Da consideración preliminar de que Catalunya era unha nación deviña a vontade de decisión política propia, dereitos políticos a asumir e respeitar polo Estado. O nacionalismo galego tiña que aproveitar a conxuntura, o debate aberto en Catalunya, a alternativa plasmada e o impacto na política estatal, para formalizar e defender, como así o fixo, unha aspiración homóloga. Fun plenamente consciente de que aquel texto exprimía ao máximo unha leitura moi aberta, democrática no senso xenuíno do termo, da Constitución española, quer no plano nacional, quer no plano social. Era unha leitura política que optaba polo acordo desde o respeito á diferenza, pola igualdade e non pola submisión. Leer o resto …