29 Outubro, 2009
Cinema
Non hai comentarios
Novo éxito de público para Amenábar, polo menos no Estado español. O seu filme “Ágora”, versión orixinal en lingua inglesa, con actores e técnicos de diversas nacionalidades, nomeadamente anglosaxóns, aposta por tratar un tema de actualidade: o fanatismo relixioso. Faino retrocedendo a fins do século IV e comezos do V após o nacemento de Cristo, no Exipto, concretamente a cidade de Alexandría, aínda sob o Imperio Romano. O cristianismo ten entón xa moita introdución social e un poder organizado, capaz de intimidación. Representa un ameazante e excluínte fanatismo, irracional xustamente na súa belixerancia contra a tradición secular do pensamento filosófico pagán, grego sobre todo, e as súas conquistas científicas. A Biblioteca de Alexandría, depósito da sabedoría acugulada durante séculos, centro para o aprendizaxe e a leitura, é o alvo da furia destrutiva da nova fe, que fai depender a salvación do home dun Deus e dun Máis Alá fóra de toda racionalidade, negando a liberdade de pensamento. Leer o resto …
28 Outubro, 2009
Autoodio, Galiza, Lingua
Non hai comentarios
Resulta todo un síntoma os reiterados intentos do españolismo por restaurar, a efectos de usos oficiais, o topónimo “La Coruña”. A legalidade nesta materia fundamentouse, con bo criterio, no feito evidente de que a toponimia na Galiza fora sometida a un proceso de deformación desde o século XIV ao século XX por parte da autoridade administrativa. O obxectivo foi, durante estes séculos, deixar marca, pegada, da lingua oficial imposta nas formas orixinarias, naturalmente vinculadas á lingua natural, propia, do país, o galego. O resultado foi o hibridismo (Puenteareas), a castelanización fonética prepotente (Sanjenjo), a anulación do significado (Lage) ou un suposto equivalente esperpéntico (El Niño de la Guía). Había que rebautizar os nomes dos lugares, deixando claro quen era o vencedor e os seus dereitos: inxectar arbitrariamente pegadas da súa lingua. O sistema, no seu conxunto, deveu ferido, lañado e incoerente. A racionalidade e a verdade esixían a restauración do rostro orixinario. Así actuou o Parlamento de Galiza en 1983. Desde entón os topónimos galegos deben ter como única forma oficial, a orixinaria, non deformada, a galega. A Coruña é a única forma oficial válida, como Viveiro, As Pontes, Pontedeume, Vilarmaior ou Ferrol. Leer o resto …
19 Outubro, 2009
Lingua
Non hai comentarios
Canta alegría provoca constatar a potencialidade do noso pobo!!!. Foron clases populares conscientes, coa súa diversidade, as súas convicións e as súas expectativas, as que encheron, até o colapso, as rúas de Compostela o domingo 18 de outubro, seguindo o chamado da plataforma “Queremos galego”. Simbolizan unha representación senlleira da sociedade galega que acredita na nosa capacidade como pobo, no respeito aos seus dereitos, expresión da aspiración a vivirmos con dignidade e sen servilismo. Esta aspiración ten no uso normal, sen renuncias nen subordinacións, do idioma galego na nosa Terra un dos eixos centrais. Malia o noso individualismo, ás veces extremo, a nosa fraxilidade, por tanta discriminación, a nosa desconfianza, por tanto poder á contra, está claro que a nosa capacidade colectiva é quen de superar estas eivas precisamente se se tratar de defender o idioma que nos define e que pode ter a virtude de nos coesionar: o idioma galego, marcado polas pegadas de tanta marxinación social e a hostilidade dos poderosos. De seguro que se traballou moito e de forma organizada, para lograr esta grande mobilización popular (50.000 persoas, segundo cálculos da policía, moi por enriba, en termos relativos, do que a dereita española é capaz de mover desde todo o Estado en Madrid, con grande axuda mediática, para as súas cruzadas reacionarias). Mais a resposta foi posíbel pola predisposición existente, pola sentida necesidade colectiva de dar resposta reiterada, continua, á agresión incesante contra o noso idioma, veiculizada desde o propio goberno galego. Leer o resto …
13 Outubro, 2009
Galiza, Historia de Galiza
Non hai comentarios
Son asiduo da Biblioteca Universitaria do Patín, un fermoso edificio do século XVIII reabilitado para tal fin, sito no campus de Esteiro (Ferrol). Alí pasei revista a grande parte dos libros que posúen onde puider achar referencias á historia medieval galega. É unha bibliografía case sempre en español e de orientación españolista, anuladora de nós como entidade política, mais moitas veces capaz de fornecer ao leitor advertido moita información proveitosa sobre Galiza. Sen querer, poñen en evidencia o que, consciente ou inconscientemente, desexan agachar ou dan como naturalmente inexistente. Nela albiscamos e constatamos a existencia da Galiza cunha vitalidade, un poder e un dinamismo inegábeis. Colaboran os seus autores e autoras nestas versións académicas a suplantarnos politicamente por León ou Asturias, na Alta e na Baixa Idade Media, pero a forza da verdade aboia. Canta máis rigorosa é a súa erudición, máis asombra o que, inxenuamente, nos descobren moitos destes libros, maiormente publicados polas Universidades de Castela-León, coa colaboración económica da Junta. Traballan nunha liña de investigación ad maiorem gloriam suam, na que inevitabelmente o “solar galaico” é inesquivábel. Leer o resto …
5 Outubro, 2009
Autoodio, Galiza, Lingua
Non hai comentarios
A Real Academia Española acabou por entrometerse na cuestión para lles dar un balón de osíxeno a todos os que non soportan que unha cidade galega se denomine pola forma orixinaria, como o resto dos topónimos do país, sometidos secularmente a unha deformación esperpéntica (Vivero, Mellid, Sanjenjo, Puenteareas, Lage, Rianjo…). Non é unha cuestión de uso de linguas, senón de oficialidade das denominacións. A norma non debe, nen pode, ter excepcións, porque a deformación abrangueu o máis amplo espectro da nosa toponimia e ao longo de varios séculos. Naturalmente na lingua oral cada quen é libre de empregar a forma, a orixinaria galega ou a deformada, pretensamente catelá, que lle viñer en gaña. Mais todos sabemos que a oficialidade dunha forma acaba por favorecer un determinado uso. A RAE alíñase coa intolerancia e anima á desobediencia da lei cando ditamina que, falando ou escribindo en español, en calquera ámbito ou función, debe usarse “La Coruña”. O seu criterio avala consecuentemente patentes deformacións ou híbridos sen sentido: Vivero, Sanjenjo, Mellid, Puenteareas…a carón dos naturais Pontevedra, Ortigueira, Ribeira, por exemplo, que non foron deformados. É un criterio coerente, rigoroso, sancionar academicamente formas orixinadas pola imposición irracional marcada a golpe de burocracia castelanizadora e forza pública represora, espalladas loxicamente na escrita e na fala non só da lingua allea e dominante senón tamén no galego oral, ás veces desde hai séculos e outras mesmo a comezos do XX? Non daba crédito cando comprobei que, a comezos dese século, aínda se facía o intento, nada menos que no Boletín das Cortes, de converter Redondela en Redondilla. Leer o resto …