Deformación bárbara

8:51 am Autoodio, Galiza, Lingua

Resulta todo un síntoma os reiterados intentos do españolismo por restaurar, a efectos de usos oficiais, o topónimo “La Coruña”. A legalidade nesta materia fundamentouse, con bo criterio, no feito evidente de que a toponimia na Galiza fora sometida a un proceso de deformación desde o século XIV ao século XX por parte da autoridade administrativa. O obxectivo foi, durante estes séculos, deixar marca, pegada, da lingua oficial imposta nas formas orixinarias, naturalmente vinculadas á lingua natural, propia, do país, o galego. O resultado foi o hibridismo (Puenteareas), a castelanización fonética prepotente (Sanjenjo), a anulación do significado (Lage) ou un suposto equivalente esperpéntico (El Niño de la Guía). Había que rebautizar os nomes dos lugares, deixando claro quen era o vencedor e os seus dereitos: inxectar arbitrariamente pegadas da súa lingua. O sistema, no seu conxunto, deveu ferido, lañado e incoerente. A racionalidade e a verdade esixían a restauración do rostro orixinario. Así actuou o Parlamento de Galiza en 1983. Desde entón os topónimos galegos deben ter como única forma oficial, a orixinaria, non deformada, a galega. A Coruña é a única forma oficial válida, como Viveiro, As Pontes, Pontedeume, Vilarmaior ou Ferrol.

A nivel municipal, o alcalde Francisco Vázquez violou sistemática, descarada e impunemente, durante máis de vinte anos, a legalidade. Foi desautorizado por sucesivas sentencias xudiciais, incluídas as do Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional. Porén nunca foi acusado de desacato por unha Xustiza que vía os seus ditames desprezados como papel mollado polo vaticanista. Só co goberno bipartito PSOE-BNG, e como requisito do nacionalismo para o pacto, o concello da Coruña comezou a respeitar, desde 2007, a legalidade vixente. Cómpre aclarar que, con bo xuízo, a competencia nesta materia é do Parlamento e da Xunta de Galiza, reservándose as Cortes Xerais a denominación das provincias, que son estruturas administrativas do Estado centralista. Precisamente, as Cortes Xerais debateron e aprobaron a fins de 1997 unha proposición de lei enviada desde o Parlamento Galego para cambiar as denominacións das provincias da Coruña e Ourense, apoiándose no feito das súas respectivas capitais teren xa as formas orixinarias e galegas.

Por que se remexe agora a cuestión por parte do PP? Non é unha cortina de fume, como pensan algúns, para agachar outros problemas. Non é só unha operación de tática eleitoral para apañar votos “coruñesistas” nas vindeiras eleccións municipais. É, dentro da estratexia en materia de lingua e cultura do PP, unha boa presa para intoxicar a sociedade confundida, afondando a desmemoria, a eliminación de todo o que lembre de onde vimos, quen somos, un pobo diferenciado. É facernos máis vulnerábeis ao proceso de españolización, á subordinación e anulación de todo o que ula a galego.Eis o seu conceito da unidade de España. Non se mexa incómodo o leitor que se sinta antes que nada español ou militante nas filas dos favorábeis a faceren tamén oficial a forma “castellana”…A efectos oficiais dúas denominacións para o mesmo topónimo, dentro do mesmo Estado, son disfuncionais e desnecesarias . Diferente cuestión é que forma use a xente, a orixinaria e administrativa ou a marcada pola castelanización. Á longa, é probábel que se faga maioritaria a que goce de oficialidade. Resulta tan grave que se note que a denominación dunha cidade galega ula a galego? Algúns teñen un problema de auto-odio que non pode nen debe ter cobertura nun Estado democrático e menos nas institucións paradoxalmente xustificadas pola necesidade da Galiza se autogobernar.. É un sarcasmo sádico que se pretenda utilizalas para atacar e anular a nosa especificidade, a nosa existencia como pobo diferenciado.

Mais, para os confundidos pero ben intencionados non se remexeren irracionalmente e poderen praticar a racionalidade e non ficaren presos do prexuízo, exporeilles algúns exemplos clarificadores que se están a dar, hoxe mesmo, perante os nosos “fuciños” e con alevosía. Nen sequera no franquismo vin que ninguén usar outro topónimo para se referir ao cabo Prioriño que esta forma orixinaria e galega. Agora, por obra e graza do capricho dalgunha autoridade portuaria ou militar, con mando en praza, está pasando a ser denominado nas sinalizacións e mesmo en papeis oficiais como “Prioriño chico”. ..Unha arrogancia tan arbitraria é impensábel en ningún país do mundo e, por suposto, o resultado é un híbrido cómico, se non for para chorar. A nosa maltratada, polos sucesivos gobernos do Estado, cidade, figura aínda hoxe en moitos papeis oficiais ( por exemplo, as partidas destinadas polo Ministerio de Industria ao Plan Ferrol) marcada co “El”, malia sabermos todos, e ser prescritivo legalmente, que a única denominación, falemos o que falemos, é “Ferrol” a secas. Parece que teñen dereito de pernada até para decidiren unilateralmente como nos denominamos, na mellor tradición imperial. Imaxinemos o que se fixo desde o século XIV para atoparnos coas deformacións que se pretende que asumamos como propias e de nacemento, orixinarias, agachando e desprezando a súa verdadeira e prístina, coerente e galega, faciana. A denominación A Coruña forma parte de todo un sistema toponímico que se restaurou para evidenciar a verdade e as orixes sen deformacións. Un sistema restaurado que veu rectificar a historia dunha bárbara imposición. A que intereses responden os que queren que a bárbara imposición tome carta de natureza?