25 Novembro, 2009
Educación, Lingua
Non hai comentarios
Malia estar pre-xubilado como profesor, sigo a ter a sorte de manter contacto co alunado de ensino secundario. Grazas á petición dalgúns profesores, nomeadamente de Lingua e Literatura Galegas, doulle conferencias sobre temas relacionados coa materia de cando en vez. Nos últimos tempos, a política lingüística acapara a preocupación e o interese de profesores e alunos. Gostaría de compartir algunhas experiencias e algunhas conclusión que delas teño tiradas. Sen teren un valor paradigmático global e menos abrangueren a realidade na súa complexidade, considero que son valiosas como indicios ou síntomas da dialéctica conflitiva que estamos a vivir e da súa incidencia na consciencia colectiva e individual. Para ben e para mal, algo se moveu nos dous últimos anos, como consecuencia da abafante campaña mediática, política, de ataques contra os procesos reais ou ilusorios de normalización das linguas cooficiais que non son o castelán. Na Galiza, após grave confusión na sociedade e intimidación dos sectores favorábeis ao proceso normalizador, acabou por se producir unha reacción popular significativa, co PP xa na Xunta, contra a súa política hostil coa lingua do país, e as medidas práticas de involución legal, até violación explícita da Lei de Normalización Lingüística de 1983. As experiencias ás que me vou referir, abranguen momentos diferentes deste periodo e diversos espazos do país. Leer o resto …
12 Novembro, 2009
Capitalismo, Crise Económica, Europa, Unión Europea
Non hai comentarios
Din que a liberdade. Resulta revelador que, após 20 anos, festexen pomposamente o que chaman a caída do muro. Por unha parte, unha hipérbole material para se referiren á fronteira entre as dúas Alemañas, consecuencia da guerra fría e da inimiga entre a OTAN e o Pacto de Varsovia. Pola outra, unha metáfora para aporlle falta de liberdade e represión política aos sistemas de socialismo “real”, felizmente desaparecidos. Non deixa de sorprender tanta desenvoltura invocando a liberdade sen acompañala endexamais do principio de igualdade ou de xustiza. Un contrasentido. Moito máis, estando como estamos inmersos nunha crise económica, política, moral e filosófica do sistema capitalista que non anima a un triunfalismo racional. Precisamente, desde a desaparición da URSS e dos seus satélites, o mundo non foi a mellor, en termos relativos, nen no reparto da riqueza nen na convivencia pacífica e o respeito mutuo entre os pobos. O conceito de liberdade sufriu desde entón a mistificación máis grave desde que existe democracia. E non será que converten en efeméride aquela data para ostentosamente lembrarnos, por se non o sabemos ou non o aceitamos, que o único viábel é o capitalismo realmente existente? Será que necesitan contrarrestar con fastos ilusorios tanto escepticismo, insatisfacción e confusión como se ten apoderado do mundo “libre”, e en particular dos países “ex-comunistas” do leste de Europa, reforzando ideoloxicamente unha memoria falsificada? Leer o resto …
3 Novembro, 2009
Cultura
Non hai comentarios
Estes días sentín un forte arroallo, unha disposición anímica a recuperar algo dun pasado tanxíbel. Unha cabaza, modelada en caveira polas miñas torpes mans, asentou no balcón do primeiro andar na miña casa. Nunca desapareceu, ao longo dos sesenta e tres anos da miña vida, a imaxe dos nenos a roubar cabazas e cabaciñas, nunha determinada época do ano, para convertérenas en fantasmas inxenuamente arrepiantes, con candea mortuoria incluída. Corredoiras, fontes, lavadoiros, becos, muros, leiras e mesmo a carón das casas…eran os lugares máis a propósito para ubicármolas. Formabamos, en conxunto, unha atmosfera sensorial, uns retallos de natureza cobrando sentido momentáneo. Auga, noite, lúa, luz, a terra e os seus froitos, intervención humana sobre eles, simulacións intencionadas, mesturábanse para logralo. Nunca souben como se chamaba aquel ritual, nen sequera cal era o seu percorrido, a súa tradición. Simplemente participaba activamente, con tanto devezo que aínda aboiou agora no entusiasmo con que traballei o cabazo e na satisfacción contemplativa de velo, caveira humana, no meu balcón. Nunca relacionei esta tradición coa cristiá católica do Día de Todos os Santos. Nen sequera me ficou conexa coa de facermos colares de castañas para polos colgando do pescozo. Todo está fragmentado e sen voz, sen palabra. Imaxes de xentes e de cousas ao lonxe, no pasado, de lugares con vida, a penas un quilómetro do centro de Ferrol, pero non falan, non nomean. É isto normal? Facer cousas e non ser comunicadas nen transmitidas pola palabra?. Parece como se estivesemos privados do dereito á existencia histórica. Foi como resistir á marxe, nun submundo condenado á desaparición, ao esquecemento. Porén, resulta moi difícil vivir con amnesia colectiva, por moito empeño que se teña posto para logralo… Leer o resto …