Ágora

Cinema Non hai comentarios

Cartel da Película "Ágora"Novo éxito de público para Amenábar, polo menos no Estado español. O seu filme “Ágora”, versión orixinal en lingua inglesa, con actores e técnicos de diversas nacionalidades, nomeadamente anglosaxóns, aposta por tratar un tema de actualidade: o fanatismo relixioso. Faino retrocedendo a fins do século IV e comezos do V após o nacemento de Cristo, no Exipto, concretamente a cidade de Alexandría, aínda sob o Imperio Romano. O cristianismo ten entón xa moita introdución social e un poder organizado, capaz de intimidación. Representa un ameazante e excluínte fanatismo, irracional xustamente na súa belixerancia contra a tradición secular do pensamento filosófico pagán, grego sobre todo, e as súas conquistas científicas. A Biblioteca de Alexandría, depósito da sabedoría acugulada durante séculos, centro para o aprendizaxe e a leitura, é o alvo da furia destrutiva da nova fe, que fai depender a salvación do home dun Deus e dun Máis Alá fóra de toda racionalidade, negando a liberdade de pensamento. Leer o resto …

A Dúbida

Cinema Non hai comentarios

DoubtVendo este filme a un fícalle máis claro aínda canto se podía facer para que as persoas pensasen, cavilasen, a través do cinema, sen deixaren por iso de entretérense emocionándose. Non é frecuente esta combinatoria, especialmente no caso dos produtos USA. Tamén resulta estraño que, nos tempos actuais, se nos sitúe perante un ambiente católico confesional e, sen saír del filosófica ou ideoloxicamente, acedamos a un contraste de perspectivas morais que non só provoquen dúbida respeito de como avaliar unha relación humana, senón que sutilmente se nos indique cal é a forma máis comprensiva e piadosa de comprendela. Refírome a A dúbida (Doubt), de John Patrick Shanley, autor tamén da obra na que se fundamenta o filme, coa que gañou o premio Pulitzer e un premio Toni na súa adaptación teatral. Esta orixe literaria, transformada-sintetizada logo para os cenarios, desemboca nun filme depurado na súa estrutura, cheo de contrastes expresivos e reveladores, con diálogos precisos e substanciosos e cunha ambigüidade aparente, perante a cal os espectadores acaban por reaxir con xuízos que os retratan, sen seren quen de reaxir contra o filme. Non hai máis que ver as críticas dos usuarios en Filmaffinity, un bo botón de mostra sobre como anda a mentalidade social en materia de prexuízos morais, de intolerancia. Leer o resto …

Pradolongo

Cinema 1 Comentario

Vivimos nunha sociedade pouco proclive ao recoñecemento do mérito, cando se trata de pór en valor o propio. No caso do cinema, sabido é que, desde “Sempre Xonxa”, apenas se pode falar de que houbese produción galega, orixinal (lingua, director, actores, guionista, produtor, temática…). “Pradolongo” vén recuperar esta tradición tan necesaria, se realmente se quer contar cun cinema que mereza o nome de galego, co conseguinte impulso dunha industria audiovisual, cinematográfica, de nós. A antítese do que, até o de agora, predominou, un cinema español que conta con Galiza como espazo de rodaxe e como administración autonómica da que chuchar subvencións ou axudas. O modelo José Luís Cuerda: un cinema cuxa versión orixinal está en lingua española, con equipa técnica e artística maioritariamente española tamén.
Leer o resto …