O Xacobeo anulador

Cultura, Galiza, Política Non hai comentarios

Non debe existir ningún caso de peregrinaxe, sexa de intención relixiosa ou turístico-cultural, que contribúa tanto a anular o país receptor como a celebración xacobea. Non temos dúbida, porén, de que, con outra orientación no poder político gobernante, sería unha oportunidade especial para proxectar cara a nós mesmos e aos de fóra unha realidade histórica, patrimonial, cultural e socio-política a mantenta agachada. Mais a oportunidade profiláctica devén narcótico, hipnotización e anulación do noso ser colectivo, Galiza. Unha pada máis, e non menor, que o enterrador oficial bota na cova fonda da nosa desmemoria e da nosa negación histórica. Cando dentro, na Galiza, o contributo da Xunta, da Igrexa católica e de todas as institucións é tan entusiasta para evaporizarnos, non cabe esperar fóra, onde orixinariamente se xestou o proceso anulador, máis que colaboración natural. Leer o resto …

Recuperando o noso

Cultura Non hai comentarios

Cabaza preparada para o SamaínEstes días sentín un forte arroallo, unha disposición anímica a recuperar algo dun pasado tanxíbel. Unha cabaza, modelada en caveira polas miñas torpes mans, asentou no balcón do primeiro andar na miña casa. Nunca desapareceu, ao longo dos sesenta e tres anos da miña vida, a imaxe dos nenos a roubar cabazas e cabaciñas, nunha determinada época do ano, para convertérenas en fantasmas inxenuamente arrepiantes, con candea mortuoria incluída. Corredoiras, fontes, lavadoiros, becos, muros, leiras e mesmo a carón das casas…eran os lugares máis a propósito para ubicármolas. Formabamos, en conxunto, unha atmosfera sensorial, uns retallos de natureza cobrando sentido momentáneo. Auga, noite, lúa, luz, a terra e os seus froitos, intervención humana sobre eles, simulacións intencionadas, mesturábanse para logralo. Nunca souben como se chamaba aquel ritual, nen sequera cal era o seu percorrido, a súa tradición. Simplemente participaba activamente, con tanto devezo que aínda aboiou agora no entusiasmo con que traballei o cabazo e na satisfacción contemplativa de velo, caveira humana, no meu balcón. Nunca relacionei esta tradición coa cristiá católica do Día de Todos os Santos. Nen sequera me ficou conexa coa de facermos colares de castañas para polos colgando do pescozo. Todo está fragmentado e sen voz, sen palabra. Imaxes de xentes e de cousas ao lonxe, no pasado, de lugares con vida, a penas un quilómetro do centro de Ferrol, pero non falan, non nomean. É isto normal? Facer cousas e non ser comunicadas nen transmitidas pola palabra?. Parece como se estivesemos privados do dereito á existencia histórica. Foi como resistir á marxe, nun submundo condenado á desaparición, ao esquecemento. Porén, resulta moi difícil vivir con amnesia colectiva, por moito empeño que se teña posto para logralo… Leer o resto …

Museu de Pontevedra

Autoodio, Castelao, Cultura, Galiza Non hai comentarios

Cadro "Neno das Piñas"O sábado, día 19, deste mes de setembro, no Teatro Principal de Pontevedra, estivemos a analisar colectivamente a situación lingüística do noso país. Cavilamos sobre cal era a mellor maneira de combater os intentos de exterminio da nosa lingua por parte do PP. Aproveitamos a ocasión para, ao meiodía, visitar as salas dedicadas a Castelao no Museu Provincial de Pontevedra. Fomos atendidos por unha moza espelida e ben intencionada. Na nosa lingua explicounos que o que estabamos a ver era só unha mostra pequeniña da obra artística do noso político e escritor que posúe o Museu. A maior parte está depositada alí, pero non exposta. Non explicou con que garantías de protección e de conservación. Si nos advertiu, con énfase surpresiva, que a maioría dos visitantes, quer galegos, quer estranxeiros, viñan coa intención de veren a obra artística de Castelao. É, pois, o seu mellor reclamo, o que ten máis impacto público. Porén non se corresponde este atractivo coas diminutas e claustrofóbicas dúas salas nas que está exposto, nen tampouco co conseguinte amoreamento do que se exibe. Nunha palabra, forma irrespeitosa e inapropiada de mostrar aquelas xoias artísticas, merecentes doutro trato, doutra consideración. Nun país que se estimar, e con autoridades conscientes do seu deber, semellante situación sería impensábel, imposíbel. Tanta devoción incisiva teñen os visitantes espontáneos da obra de Castelao que, segundo a nosa expresiva guía, a eles se lles debe que, entre o exposto, figure a estampa, sobre fundo de acuarela, “O neno das piñas”. Está visíbel a petición do público. Axiña comezou a me inquietar cal sería o paradoiro doutra estampa, miniatura prodixio de cor e composición, “Rolda de nenos”, que hai moitos anos tiña visto depositada nunha carpeta deste Museu. Sorpresa agradábel: figuraba entre o exposto, como pérola ciscada entre outras naquel remexido sen arte nen concerto. Leer o resto …

Pobre galiña azul!!

Cultura, Lingua Non hai comentarios

É curiosa a tendencia dos nosos círculos intelectuais ao silencio cando se producen actuacións chamativas por negativas, protagonizadas pola Xunta coa cumpricidade e conivencia dalgún sector do stablihsment cultural. Este ano, precisamente, divagouse algo sobre o que era o piñeirismo, as súas pegadas e secuelas. Vimos, xustamente hai dous días, de comprobar na prática no que consistía e consiste. A única realidade respeitábel, a única normalidade e universalidade están na democracia existente, co seu benemérito bipartidismo. A nosa lingua e cultura deben adaptárense aos lindes da permisividade e tolerancia que, no marco, nos dispensen. Tanto ten que sexa tan estreito que nos esgane? O caso é figurar?. Quizais non debese estrañarme a decisión de dona Kristina Berg, viúva de don Carlos Casares, de ceder “desinteresadamente” á Xunta do PP a imaxe da galiña azul, personaxe dun contiño do narrador galego, convertido así en símbolo do novo modelo de gardarías. Si, ese modelo que se vai encargar xustamente de arrasar todo indicio ou tufo de uso ou contacto co galego na etapa infantil, pecado nefando agochado nas deostadas galescolas. Unha operación destrutiva e sañuda en contra do noso idioma adózase cun carameliño solicitado á ecuánime, por europea, española e galeguiña, por esta orde, factoría piñeirista, á que, con coñecemento de causa, o réxime autonómico dominante cedeu o control da cultura nacional institucionalizada. Nada menos que furgaron nunha herdanza xenuína e conspicua, no legado casarista. D. Carlos Casares, non hai que esquecelo, alén de deputado autonómico honorífico do PSOE, foi tamén presidente do Consello de Cultura Galega, durante o Goberno Fraga. Leer o resto …

Castelao como síntoma

Castelao, Cultura Non hai comentarios

A Derradeira Lección do MestreEste mes é o do nacemento e a morte de Castelao. No 2009 cúmprense 25 anos da traída dos seus restos mortais desde Buenos Aires para depositalos en San Domingos de Bonaval. Foi unha traída patrocinada e controlada polos que nunca acreditaron na súa obra nen so seu pensamento. Realizouse nun contexto de severas limitacións anti-democráticas, co nacionalismo expulsado do Parlamento Galego. Inevitabelmente foi contestada polos que, no plano ideolóxico e político, nos considerabamos continuadores da súa obra. Desde entón, produciuse paseniño un fenómeno de asimilación, para convertelo en algo inocuo, sen coñecemento e recoñecemento social amplo. A asimilación non liberou a súa obra da minusvaloración e da ignorancia colectiva. A forza do perseguido e censurado, do reprimido, foi substituída pola rotina do abandono e do esquecemento progresivo. Velaí o Pavillón de Galegos Ilustres (sonoro nome oficialista), sarcófago de Castelao incluído, non debidamente aberto nen mostrado ao público durante tantos anos e mesmo agora sen a debida promoción para ser visitado e sen a adecuada información de todo tipo sobre as figuras que alí xacen. Que forma, após de pomposas honras fúnebres retardatarias, e retóricas, de matalos para que non deixen pegada social! Que destino, vérense agora nun templo, de forma sobrevida e inesperada, propiedade da Igrexa católica, un home -Castelao- e unha muller -Rosalía-, cépticos en materia relixiosa e nada proclives ao catolicismo! Canto desleixo e abandono durante case que 25 anos!. Leer o resto …