Narcótico localista

Autoodio, Galiza Non hai comentarios

Provoca mágoa e cabreo observar como, en momentos críticos, algunhas institucións recorren ao narcótico localista para confundir e desorientar as masas (así consideran o pobo). De forma premeditada encamíñanas por vieiros suicidas, despistándoas sobre as verdadeiras causas dos problemas e a respeito das alternativas para elas beneficiosas. Fano en nome dos intereses da cidade, da vila ou concello propio. Exasperan un localismo asentado nun individualismo primario, escravo dunha agresiva e acrítica emotividade, que se alimenta da frustración e que se proxecta contra o próximo, o irmán, o compatriota. O españolismo –os poderes reais a prol da subordinación da Galiza, da eliminación da súa capacidade e coesión políticas- xoga sempre con este poderoso factor de descomposición nacional, colectiva. Emprégano especialmente en contextos conflitivos, de confrontación entre necesidades e intereses internos e deseños externos. Pretenden así enfraquecer a reivindicación, a demanda, a necesidade nacional galega, dividindo a súa forza. Leer o resto …

Sentido da realidade

Autogoberno, Autoodio, BNG, Capitalismo, Economía, Galiza, Nacionalismo Non hai comentarios

Corren tempos de confusión. Non é menor a que aferrolla a moitos ideoloxistas que din renegar do sistema capitalista. Unha das máis pertinaces características da esquizofrenia existente é a do altermundista que non asume unha política real anti-globalizadora. Podemos darlle as voltas que queiramos, pero a rectificación do proceso globalizador pasa pola asunción da política nacionalizadora, polo exercicio da soberanía ou capacidade de decisión democrática das nacións. Con esta lóxica e con este obxectivo teremos que articular unha mentalidade internacional pacifista, pois certo é que todos formamos parte dun mundo común. Se esta orientación é válida para as nacións con Estado, resulta imprescindíbel para as que non o posúen. O nacionalismo é, consecuentemente, a alternativa que, nestes casos, expresa esta aspiración. Leer o resto …

Deformación bárbara

Autoodio, Galiza, Lingua Non hai comentarios

Resulta todo un síntoma os reiterados intentos do españolismo por restaurar, a efectos de usos oficiais, o topónimo “La Coruña”. A legalidade nesta materia fundamentouse, con bo criterio, no feito evidente de que a toponimia na Galiza fora sometida a un proceso de deformación desde o século XIV ao século XX por parte da autoridade administrativa. O obxectivo foi, durante estes séculos, deixar marca, pegada, da lingua oficial imposta nas formas orixinarias, naturalmente vinculadas á lingua natural, propia, do país, o galego. O resultado foi o hibridismo (Puenteareas), a castelanización fonética prepotente (Sanjenjo), a anulación do significado (Lage) ou un suposto equivalente esperpéntico (El Niño de la Guía). Había que rebautizar os nomes dos lugares, deixando claro quen era o vencedor e os seus dereitos: inxectar arbitrariamente pegadas da súa lingua. O sistema, no seu conxunto, deveu ferido, lañado e incoerente. A racionalidade e a verdade esixían a restauración do rostro orixinario. Así actuou o Parlamento de Galiza en 1983. Desde entón os topónimos galegos deben ter como única forma oficial, a orixinaria, non deformada, a galega. A Coruña é a única forma oficial válida, como Viveiro, As Pontes, Pontedeume, Vilarmaior ou Ferrol. Leer o resto …

La, la, la… (II)

Autoodio, Galiza, Lingua Non hai comentarios

A Real Academia Española acabou por entrometerse na cuestión para lles dar un balón de osíxeno a todos os que non soportan que unha cidade galega se denomine pola forma orixinaria, como o resto dos topónimos do país, sometidos secularmente a unha deformación esperpéntica (Vivero, Mellid, Sanjenjo, Puenteareas, Lage, Rianjo…). Non é unha cuestión de uso de linguas, senón de oficialidade das denominacións. A norma non debe, nen pode, ter excepcións, porque a deformación abrangueu o máis amplo espectro da nosa toponimia e ao longo de varios séculos. Naturalmente na lingua oral cada quen é libre de empregar a forma, a orixinaria galega ou a deformada, pretensamente catelá, que lle viñer en gaña. Mais todos sabemos que a oficialidade dunha forma acaba por favorecer un determinado uso. A RAE alíñase coa intolerancia e anima á desobediencia da lei cando ditamina que, falando ou escribindo en español, en calquera ámbito ou función, debe usarse “La Coruña”. O seu criterio avala consecuentemente patentes deformacións ou híbridos sen sentido: Vivero, Sanjenjo, Mellid, Puenteareas…a carón dos naturais Pontevedra, Ortigueira, Ribeira, por exemplo, que non foron deformados. É un criterio coerente, rigoroso, sancionar academicamente formas orixinadas pola imposición irracional marcada a golpe de burocracia castelanizadora e forza pública represora, espalladas loxicamente na escrita e na fala non só da lingua allea e dominante senón tamén no galego oral, ás veces desde hai séculos e outras mesmo a comezos do XX? Non daba crédito cando comprobei que, a comezos dese século, aínda se facía o intento, nada menos que no Boletín das Cortes, de converter Redondela en Redondilla. Leer o resto …

La, la, la,… (I)

Autoodio, Galiza, Lingua Non hai comentarios

Reavívase a obsesión do PP e tamén de grande parte do PSOE por reuperaren para a oficialidade institucional o acastrapado “La Coruña”. A fartura, o cansanzo perante este conflito, que dura xa máis de 25 anos, parece ter asulagado a boa parte da sociedade coruñesa e provocado algunha indiferencia pasotil nalgúns sectores ben intencionados que consideran esta cuestión baladí, sen importancia. Certamente, outros non deixan de preocupárense e irritárense por esta contumacia tan mal intencionada.

O españolismo, na súa actual fase de exasperación axitativa, Pte. da Xunta ao fronte, recupera a aspiración aniquiladora xusto cando o Concello non tivo máis remedio que asumir a legalidade polo pacto que estableceu o goberno bipartito PSOE-BNG. Desde entón, o respeito pola legalidade, pola denominación orixinaria galega, tal e como prescrebe a Lei de Normalización Lingüística, comezou a ser un feito tamén na Coruña. Rompeuse así con anos de chulería, de ilegalidade ostentosa e agresiva, que contou coa conivencia de grande parte do aparato xudicial. Tiña que desautorizar, e así o fixo, como non acorde coa lei a posición do goberno municipal, pero nunca acusou ao alcalde do delito de desacato nen sequera lle indicou a obrigatoriedade, a prescritividade do topónimo A Coruña. Desde o Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo até os xuíces ordinarios foron claros nos seus ditames non avalando o uso de “La Coruña” a efectos de oficialidade administrativa, pero tan inoperantes como maioritariamente conchabados para non producírense consecuencias práticas negativas contra quen, de forma tan repetida e ostentosa, desobedecía unha lei autonómica de 1983 e outra das Cortes Xerais de 1998, esta última para o nome oficial da provincia ser concordante co que xa se tiña restaurado para a capital. Fechábase así o cerco legal, sen posibilidade de burla. Os meios de comunicación de ámbito estatal, tanto de titularidade pública como os privados que respeitan a legalidade democrática, usan desde entón a denominación oficial A Coruña na letra escrita.

Xa sabemos que a arrogancia imperial non resiste estas conquistas democráticas nen a razón fundada na restauración das orixes sen renuncias nen deformacións.

Museu de Pontevedra

Autoodio, Castelao, Cultura, Galiza Non hai comentarios

Cadro "Neno das Piñas"O sábado, día 19, deste mes de setembro, no Teatro Principal de Pontevedra, estivemos a analisar colectivamente a situación lingüística do noso país. Cavilamos sobre cal era a mellor maneira de combater os intentos de exterminio da nosa lingua por parte do PP. Aproveitamos a ocasión para, ao meiodía, visitar as salas dedicadas a Castelao no Museu Provincial de Pontevedra. Fomos atendidos por unha moza espelida e ben intencionada. Na nosa lingua explicounos que o que estabamos a ver era só unha mostra pequeniña da obra artística do noso político e escritor que posúe o Museu. A maior parte está depositada alí, pero non exposta. Non explicou con que garantías de protección e de conservación. Si nos advertiu, con énfase surpresiva, que a maioría dos visitantes, quer galegos, quer estranxeiros, viñan coa intención de veren a obra artística de Castelao. É, pois, o seu mellor reclamo, o que ten máis impacto público. Porén non se corresponde este atractivo coas diminutas e claustrofóbicas dúas salas nas que está exposto, nen tampouco co conseguinte amoreamento do que se exibe. Nunha palabra, forma irrespeitosa e inapropiada de mostrar aquelas xoias artísticas, merecentes doutro trato, doutra consideración. Nun país que se estimar, e con autoridades conscientes do seu deber, semellante situación sería impensábel, imposíbel. Tanta devoción incisiva teñen os visitantes espontáneos da obra de Castelao que, segundo a nosa expresiva guía, a eles se lles debe que, entre o exposto, figure a estampa, sobre fundo de acuarela, “O neno das piñas”. Está visíbel a petición do público. Axiña comezou a me inquietar cal sería o paradoiro doutra estampa, miniatura prodixio de cor e composición, “Rolda de nenos”, que hai moitos anos tiña visto depositada nunha carpeta deste Museu. Sorpresa agradábel: figuraba entre o exposto, como pérola ciscada entre outras naquel remexido sen arte nen concerto. Leer o resto …

Feira de Abril

Autoodio, Capitalismo, Galiza Nación Non hai comentarios

Feira de Abril en CovasA rebelde conciencia da nosa Rosalía de Castro reparou na transcendencia para o país dalgúns comportamentos sociais. En 1866, por exemplo, publicaba no Almanaque de Soto Freire (Lugo) o retrato dun tipo frecuente, “O Cadiceño”, o emigrante que retorna desfigurado cultural e lingüisticamente. Supostamente enriquecido, provoca admiración e hipnotismo mimético nos seus compatriotas: desprezo polo galego, discurso acastrapado, acenos e indumentaria andaluza, menosprezo de usos e costumes propios e gabanza dos alleos. Estes efectos da nosa emigración á Arxentina, Cuba, Uruguai ou a Cádiz e Madrid, reforzaron aínda máis a política cultural e lingüística do Estado na Galiza. Corridas de touros e canción e baile “andaluces” foron os instrumentos empregados desde fins do século XIX para inxectar mímese e alienación cultural en masas desprotexidas. La Bella Otero, no campo artístico, foi un produto autóctono, para consumo cosmopolita, desta dialéctica cultural, coa debida ocultación das súas orixes. Valle-Inclán, especificamente nas súas “Divinas Palabras”, quixo mostrar a deformación do pobo galego, das súas clases populares, por este proceso de colonización: a admiración paifoca a distancia polo alleo e incomprensíbel. Manipulado pola Igrexa, con ausencia de clases dirixentes e cun xogo económico oportunista en proveito de cucos estranxeiros ou estranxeirizantes, o resultado é a deformación, a burla e a ausencia de futuro. Podemos evocar o Castelao debuxante, ironizando sobre o choque das corridas de touros coa mentalidade popular galega, cando apresenta un labrego matinando perante un cartel anunciante dunha corrida en Santiago: “Lástema de bois!”. Nembargantes somos sabedores da insistencia en introducir e espallar as corridas na Galiza, desde Celanova á Coruña, pasando por Sarria ou Pontevedra. Non ocultan os galegos á española, con domicilio práctico en Sevilla ou Madrid, por exemplo, en expresar a súa rendida admiración pola “festa nacional” cando acoden no verán á praza de Pontevedra desde o seu privativo descanso en Sanxenxo. Leer o resto …