23 Decembro, 2009
Galiza, Lingua
Non hai comentarios
O ingreso de Manuel Rivas na Real Academia Galega é unha boa nova. Galiza, nestes tempos que corren, está necesitada de escritores que non deserten dos compromisos básicos: a defensa de Galiza como pobo, como nación; o dereito á existencia da nosa lingua e a súa identificación como propia; o respeito por quen, de formas diversas pero ben intencionadas, traballa politicamente a prol destes compromisos. Por circunstancias históricas, a nosa cultura, nomeadamente a nosa literatura, ocupou un papel senlleiro como símbolo e síntoma da consciencia nacional. Desde a súa autonomía artística, foi parella ao impulso ideolóxico, social e organizativo que reivindicou a nosa diferencia, a nosa existencia específica. Este paralelismo non ten desaparecido totalmente tampouco nos últimos tempos, malia a pretensión infantil de quen aparenta vivir unha situación normal. Leer o resto …
25 Novembro, 2009
Educación, Lingua
Non hai comentarios
Malia estar pre-xubilado como profesor, sigo a ter a sorte de manter contacto co alunado de ensino secundario. Grazas á petición dalgúns profesores, nomeadamente de Lingua e Literatura Galegas, doulle conferencias sobre temas relacionados coa materia de cando en vez. Nos últimos tempos, a política lingüística acapara a preocupación e o interese de profesores e alunos. Gostaría de compartir algunhas experiencias e algunhas conclusión que delas teño tiradas. Sen teren un valor paradigmático global e menos abrangueren a realidade na súa complexidade, considero que son valiosas como indicios ou síntomas da dialéctica conflitiva que estamos a vivir e da súa incidencia na consciencia colectiva e individual. Para ben e para mal, algo se moveu nos dous últimos anos, como consecuencia da abafante campaña mediática, política, de ataques contra os procesos reais ou ilusorios de normalización das linguas cooficiais que non son o castelán. Na Galiza, após grave confusión na sociedade e intimidación dos sectores favorábeis ao proceso normalizador, acabou por se producir unha reacción popular significativa, co PP xa na Xunta, contra a súa política hostil coa lingua do país, e as medidas práticas de involución legal, até violación explícita da Lei de Normalización Lingüística de 1983. As experiencias ás que me vou referir, abranguen momentos diferentes deste periodo e diversos espazos do país. Leer o resto …
28 Outubro, 2009
Autoodio, Galiza, Lingua
Non hai comentarios
Resulta todo un síntoma os reiterados intentos do españolismo por restaurar, a efectos de usos oficiais, o topónimo “La Coruña”. A legalidade nesta materia fundamentouse, con bo criterio, no feito evidente de que a toponimia na Galiza fora sometida a un proceso de deformación desde o século XIV ao século XX por parte da autoridade administrativa. O obxectivo foi, durante estes séculos, deixar marca, pegada, da lingua oficial imposta nas formas orixinarias, naturalmente vinculadas á lingua natural, propia, do país, o galego. O resultado foi o hibridismo (Puenteareas), a castelanización fonética prepotente (Sanjenjo), a anulación do significado (Lage) ou un suposto equivalente esperpéntico (El Niño de la Guía). Había que rebautizar os nomes dos lugares, deixando claro quen era o vencedor e os seus dereitos: inxectar arbitrariamente pegadas da súa lingua. O sistema, no seu conxunto, deveu ferido, lañado e incoerente. A racionalidade e a verdade esixían a restauración do rostro orixinario. Así actuou o Parlamento de Galiza en 1983. Desde entón os topónimos galegos deben ter como única forma oficial, a orixinaria, non deformada, a galega. A Coruña é a única forma oficial válida, como Viveiro, As Pontes, Pontedeume, Vilarmaior ou Ferrol. Leer o resto …
19 Outubro, 2009
Lingua
Non hai comentarios
Canta alegría provoca constatar a potencialidade do noso pobo!!!. Foron clases populares conscientes, coa súa diversidade, as súas convicións e as súas expectativas, as que encheron, até o colapso, as rúas de Compostela o domingo 18 de outubro, seguindo o chamado da plataforma “Queremos galego”. Simbolizan unha representación senlleira da sociedade galega que acredita na nosa capacidade como pobo, no respeito aos seus dereitos, expresión da aspiración a vivirmos con dignidade e sen servilismo. Esta aspiración ten no uso normal, sen renuncias nen subordinacións, do idioma galego na nosa Terra un dos eixos centrais. Malia o noso individualismo, ás veces extremo, a nosa fraxilidade, por tanta discriminación, a nosa desconfianza, por tanto poder á contra, está claro que a nosa capacidade colectiva é quen de superar estas eivas precisamente se se tratar de defender o idioma que nos define e que pode ter a virtude de nos coesionar: o idioma galego, marcado polas pegadas de tanta marxinación social e a hostilidade dos poderosos. De seguro que se traballou moito e de forma organizada, para lograr esta grande mobilización popular (50.000 persoas, segundo cálculos da policía, moi por enriba, en termos relativos, do que a dereita española é capaz de mover desde todo o Estado en Madrid, con grande axuda mediática, para as súas cruzadas reacionarias). Mais a resposta foi posíbel pola predisposición existente, pola sentida necesidade colectiva de dar resposta reiterada, continua, á agresión incesante contra o noso idioma, veiculizada desde o propio goberno galego. Leer o resto …
5 Outubro, 2009
Autoodio, Galiza, Lingua
Non hai comentarios
A Real Academia Española acabou por entrometerse na cuestión para lles dar un balón de osíxeno a todos os que non soportan que unha cidade galega se denomine pola forma orixinaria, como o resto dos topónimos do país, sometidos secularmente a unha deformación esperpéntica (Vivero, Mellid, Sanjenjo, Puenteareas, Lage, Rianjo…). Non é unha cuestión de uso de linguas, senón de oficialidade das denominacións. A norma non debe, nen pode, ter excepcións, porque a deformación abrangueu o máis amplo espectro da nosa toponimia e ao longo de varios séculos. Naturalmente na lingua oral cada quen é libre de empregar a forma, a orixinaria galega ou a deformada, pretensamente catelá, que lle viñer en gaña. Mais todos sabemos que a oficialidade dunha forma acaba por favorecer un determinado uso. A RAE alíñase coa intolerancia e anima á desobediencia da lei cando ditamina que, falando ou escribindo en español, en calquera ámbito ou función, debe usarse “La Coruña”. O seu criterio avala consecuentemente patentes deformacións ou híbridos sen sentido: Vivero, Sanjenjo, Mellid, Puenteareas…a carón dos naturais Pontevedra, Ortigueira, Ribeira, por exemplo, que non foron deformados. É un criterio coerente, rigoroso, sancionar academicamente formas orixinadas pola imposición irracional marcada a golpe de burocracia castelanizadora e forza pública represora, espalladas loxicamente na escrita e na fala non só da lingua allea e dominante senón tamén no galego oral, ás veces desde hai séculos e outras mesmo a comezos do XX? Non daba crédito cando comprobei que, a comezos dese século, aínda se facía o intento, nada menos que no Boletín das Cortes, de converter Redondela en Redondilla. Leer o resto …
30 Setembro, 2009
Autoodio, Galiza, Lingua
Non hai comentarios
Reavívase a obsesión do PP e tamén de grande parte do PSOE por reuperaren para a oficialidade institucional o acastrapado “La Coruña”. A fartura, o cansanzo perante este conflito, que dura xa máis de 25 anos, parece ter asulagado a boa parte da sociedade coruñesa e provocado algunha indiferencia pasotil nalgúns sectores ben intencionados que consideran esta cuestión baladí, sen importancia. Certamente, outros non deixan de preocupárense e irritárense por esta contumacia tan mal intencionada.
O españolismo, na súa actual fase de exasperación axitativa, Pte. da Xunta ao fronte, recupera a aspiración aniquiladora xusto cando o Concello non tivo máis remedio que asumir a legalidade polo pacto que estableceu o goberno bipartito PSOE-BNG. Desde entón, o respeito pola legalidade, pola denominación orixinaria galega, tal e como prescrebe a Lei de Normalización Lingüística, comezou a ser un feito tamén na Coruña. Rompeuse así con anos de chulería, de ilegalidade ostentosa e agresiva, que contou coa conivencia de grande parte do aparato xudicial. Tiña que desautorizar, e así o fixo, como non acorde coa lei a posición do goberno municipal, pero nunca acusou ao alcalde do delito de desacato nen sequera lle indicou a obrigatoriedade, a prescritividade do topónimo A Coruña. Desde o Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo até os xuíces ordinarios foron claros nos seus ditames non avalando o uso de “La Coruña” a efectos de oficialidade administrativa, pero tan inoperantes como maioritariamente conchabados para non producírense consecuencias práticas negativas contra quen, de forma tan repetida e ostentosa, desobedecía unha lei autonómica de 1983 e outra das Cortes Xerais de 1998, esta última para o nome oficial da provincia ser concordante co que xa se tiña restaurado para a capital. Fechábase así o cerco legal, sen posibilidade de burla. Os meios de comunicación de ámbito estatal, tanto de titularidade pública como os privados que respeitan a legalidade democrática, usan desde entón a denominación oficial A Coruña na letra escrita.
Xa sabemos que a arrogancia imperial non resiste estas conquistas democráticas nen a razón fundada na restauración das orixes sen renuncias nen deformacións.
8 Setembro, 2009
Lingua
Non hai comentarios
Sempre lamentei que institucións como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega non tivesen unha actitude máis combativa e comprometida na defensa da lingua e da cultura de Galiza. Nunha palabra, que non estivesen máis impregnadas de dinamismo social e máis preocupadas por impulsar a normalización dunha lingua e dunha cultura marxinadas e agochadas para nós mesmos. Nunca fun dos que desprecei o valioso papel que podían desempeñar neste terreo. Non me foi, nen é, indiferente, a súa atitude perante os atrancos que poidamos padecer para restaurar usos do noso idioma, para establecer dereitos para os seus falantes . Por iso mesmo desacougoume que, en concreto, a RAG dese a impresión de estar vivindo nunha conivencia irresponsábel e suicida coa actual Xunta de Galicia, pensando en que as cousas non eran para tanto, que cabía con ela un diálogo proveitoso, e albiscando non se sabe que boas expectativas por mor do nomeamento de Anxo Lorenzo como responsábel de Política Lingüística. Mais non só non se rectificaron ou moderaron os obxectivos restritivos e destrutivos do PP, no plano teórico, senón que se están levando á prática cunha contumacia inflexíbel. Leer o resto …
20 Agosto, 2009
Cultura, Lingua
Non hai comentarios
É curiosa a tendencia dos nosos círculos intelectuais ao silencio cando se producen actuacións chamativas por negativas, protagonizadas pola Xunta coa cumpricidade e conivencia dalgún sector do stablihsment cultural. Este ano, precisamente, divagouse algo sobre o que era o piñeirismo, as súas pegadas e secuelas. Vimos, xustamente hai dous días, de comprobar na prática no que consistía e consiste. A única realidade respeitábel, a única normalidade e universalidade están na democracia existente, co seu benemérito bipartidismo. A nosa lingua e cultura deben adaptárense aos lindes da permisividade e tolerancia que, no marco, nos dispensen. Tanto ten que sexa tan estreito que nos esgane? O caso é figurar?. Quizais non debese estrañarme a decisión de dona Kristina Berg, viúva de don Carlos Casares, de ceder “desinteresadamente” á Xunta do PP a imaxe da galiña azul, personaxe dun contiño do narrador galego, convertido así en símbolo do novo modelo de gardarías. Si, ese modelo que se vai encargar xustamente de arrasar todo indicio ou tufo de uso ou contacto co galego na etapa infantil, pecado nefando agochado nas deostadas galescolas. Unha operación destrutiva e sañuda en contra do noso idioma adózase cun carameliño solicitado á ecuánime, por europea, española e galeguiña, por esta orde, factoría piñeirista, á que, con coñecemento de causa, o réxime autonómico dominante cedeu o control da cultura nacional institucionalizada. Nada menos que furgaron nunha herdanza xenuína e conspicua, no legado casarista. D. Carlos Casares, non hai que esquecelo, alén de deputado autonómico honorífico do PSOE, foi tamén presidente do Consello de Cultura Galega, durante o Goberno Fraga. Leer o resto …
28 Xullo, 2009
Lingua
Non hai comentarios
Existe, en todos os sectores sociais favorábeis á lingua galega, coincidencia en que a política lingüística do PP é estratéxica e pretende a súa acelerada eliminación. Estamos, pois, perante unha conxuntura preocupante, que merece a máis ampla, perseverante e articulada resposta social e política. Moita xente está a descubrir, a maiores, que esta actitude é correlativa á opción recentralizadora, á parálise no avance do autogoberno, á submisión aos ditados de estratexias, en todos os ámbitos, deseñadas desde Madrid. Por primeira vez, de forma socialmente incisiva, as relacións entre lingua e política aparecen tan transparentes que obrigan a cavilar en cuestións até o de agora nebulosas ou simplemente soterradas. O conflito aboia como consciente e obriga a definicións, o que non deixa de ter tamén un aspecto positivo. É máis que probábel que, alén do dano que o Goberno PP estea a facer á convivencia lingüística e á causa da normalización do noso idioma, se estea a producir tamén unha reacción social que alarga a súa base confesional tradicional perante tan descomunal, cínica e destrutiva saña. Leer o resto …
12 Xullo, 2009
Lingua
Non hai comentarios
Por motivos persoais estiven en Alcalá de Henares hai uns días. Mentres estaba sentado ás sete da tarde nun banquiño baixo árbores a carón da estación dos camiños de ferro, tres mociñas entre 16 e 19 anos parolaban, sentadas noutro, perto de min, sobre as súas vidas familiares. Observeinas, desenvoltas, locuaces, produto de ambientes populares con pingas de diversidade nacional, pero españolísimas de lingua e gostos musicais. Unha canción sobre amor, morte e destino, a cargo dun cantaor de flamenco, se enleaba con aquela conversa coloquial case en chave de revista do corazón ou programa de televisión lixo. A dor perante a morte por cancro dun ser querido, non sei se fillo, amante ou amada, provocaba a enxurrada melódica para consumo popular, focada na inclemencia do destino na vida das persoas. As mociñas repetían anaquiños da letra desgarrada e consoladora. Leer o resto …
« Entradas anteriores