29 Xullo 2010

Un pobo en marcha

A verdade é que o 25 de Xullo me deixou un moi bon sabor de boca. Foi unha nova demostración de que un importante sector do noso pobo non está disposto a comungar con rodas de muíño nen a escoitar os cantos de serea daqueles que, de os deixarmos, acabarían por levar o barco contra os cons. O nacionalismo voltou a pór de relevo que ten a capacidade de conectar emocional e materialmente con miles de compatriotas que, como Rosalía, conciben a Galiza como a súa única Patria.

Este Día da Patria reflectiu a realidade dun BNG que está en forma, que toma a iniciativa e que ten unha enorme capacidade de interlocución social. Corríxome de inmediato: non é que teñamos capacidade de interlocución co pobo: é que nós tamén somos, e iso é algo que nunca o debemos esquecer, pobo.

Ben, estes días de verán máis ferreño vou aproveitar para descansar un chisquiño e para prepararme mentalmente para un novo curso político que vai vir moi cargadiño de acontecimentos -coas municipais xa á volta da esquina- e que vai exixir de todas e de todos nós que deamos o mellor de nós mesmos.

Saúde a todas e todos.

2 Xullo 2010

Vagar para escribir

Uf, levo non sei cantos días sen escribir unhas letras neste caderno. Non sei que dicir no meu descargo. A verdade é que estes días non parei, de aquí para alí, fixen unha chea de cousas, moito activismo político e moito contacto coa sociedade, e iso non sempre che deixa marxe para porte a escribir. Desculpas mil! En todo caso, fun algo máis dilixente no Facebook e no Twitter, que xa sei eu que son de consumo máis rápido, pero que tamén teñen a súa utilidade comunicativa, ou cando menos iso espero.

A verdade é que estes días foron frenéticos. Teño a sensación de que o ritmo de aceleración da Historia, e non me quixera poñer pomposo, é hoxe moito maior que en calquer tempo pasado. Vai todo rapidísimo e un evento solápase sobre o outro a unha velocidade tal que moitas veces non hai tempo a reflexionar con acougo non sobre o que sucede na superficie, senón sobre os fenómenos subxacentes, o que hai detrás do que vemos.

Xa que me poño, quixera non perder a oportunidade de abordar sumariamente tres temas:

1. A sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut.

A verdade é que non me surprendeu grandemente. Véxoa plenamente congruente coa recentralización en marcha no Estado. Un Estado que se nega a suprimir Ministerios que invaden competencias autonómicas. Un Estado que promove unha lexislación básica para a privatización das caixas de aforro e a súa desterritorialización. Ese Estado está claro que non vai tolerar o máis mínimo avanzo cualitativo cara ao autogoberno das nacións sen Estado.

2. Os insaciábeis mercados.

Leo a noticia de que os insaciábeis mercados (en concreto, unha axencia de cualificación, desas que non tiveron reparos en cualificar coa máxima nota as hipotecas sub-prime) teñen na cabeza rebaixar a puntuación á débeda española. Paréceme un escándalo que poda estar en mas privadas (as axencias de cualificación son empresas privadas de capital norteamericano) a cualificación da débeda pública de Estados soberanos. Cada vez que unha desas axencias baixa a puntuación, o erario público ten que pagar máis cara a débeda. Ou sexa, ten que incrementar a transferencia da renda desde os contribuíntes (que na inmensa maioría somos traballadoras e traballadores) aos prestamistas (que son a grande banca internacional).

Isto así non vai. Isto hai que cambialo e canto antes.

3. As declaracións de Feijóo sobre o voto emigrante.

O presidente do Goberno galego nen máis nen menos que pediu onte aos emigrantes que se empadronasen en concellos galegos para votaren, xa que agora non o van poder facer nas municipais.

Mais iso é claramente unha fraude de lei: hai que acreditar unha residencia de cando menos seis meses nun concello para empadronarte.

Que lle pasa a Feijóo? Creo que o traizou o subconsciente. Creo que o PP está bastante nervoso e que ve que, se nas próximas municipais non poden votar os residentes ausentes, se lle poden ir das mans non poucas Alcaldías no noso País.

18 Xuño 2010

Claro que hai alternativa!

Estes días pergúntame moita xente, e algúns xornalistas, se realmente hai alternativa ás políticas económicas que se ditan desde Alemaña e que se aplican sumisamente por parte dos gobernos de Madrid (PSOE) e Santiago (PP). E claro que a hai. Por dicilo dalgunha maneira, é que se pensásemos que non a hai, teríamos que concluír que non existe democracia. E eu son dos que penso que o pobo, a maioría social, pode perfectamente artellar outra realidade, outro modelo socioeconómico, que poña a economía ao servizo das maiorías e non das minorías. Onte estiven en Vigo na manifestación convocada pola CIG e reafirmei a miña convicción de que claro que hai esperanza e de que claro que hai alternativa, a que en Galiza contribuímos a construír as e os nacionalistas galegos. A reacción social, a rebeldía, a rebelión frente a un mundo dominado polo capital financeiro é o único que pode salvar o presente e o futuro. A contrarreforma laboral do PSOE é un ataque moi grave contra os dereitos do Traballo e está pensada para desequilibrar aínda máis a relación entre Traballo e Capital, a favor do segundo, claro. Sen presión social non hai saída para todos aqueles que vivimos exclusivamente do noso traballo e do noso esforzo, para todos aqueles que queremos un mundo non rexido pola lóxica da maximación dos lucros.

14 Xuño 2010

Nós non somos iguais a eles

Hoxe, na entrevista da TVE en Galiza, o xornalista Xabier Fortes perguntoume sobre a crecente desafección que senten os cidadáns a respecto da política. Paréceme un gran tema. Contesteille que estamos ante un certo intento dalgúns poderes por deslexitimar a propia democracia e mencioneille a miña inquietude porque desde determinados sectores se axite a idea de que “todos somos iguais”. “Ao conseguir introducir na mente da xente que todos somos iguais, pois naturalmente xa nos quedamos cos que temos”, díxenlle literalmente. E coido modestamente que é así: estamos ante unha estratexia reaccionaria para que nada mude e para que as élites económicas e políticas se perpetúen.

Non podemos caer na súa celada e debemos afirmar con clareza que si hai alternativa, que nós non somos iguais a eles e que si hai unha política distinta, ao servizo das maiorías e do noso pobo, Galiza.