«En que nos beneficia ás galegas e aos galegos a Europa dos Estados? En nada»

Ola a todas e todos!

O pasado sábado tiven a honra de clausurar as xornadas que a Fundación Galiza Sempre organizou en Santiago sob o títulod e A Crise e o futuro de Europa. A perspectiva dos pobos.

Achégovos aquí o contido literal da miña intervención:

Amigas e amigos

É para min unha honra intervir na sesión de clausura destas xornadas que a Fundación Galiza Sempre ten organizado baixo o suxerente título de A crise e o futuro de Europa. A perspectiva dos pobos

Se lles son sinceiro eu son pesimista a respeito da utilidade do actual modelo da UE para os pobos en xeral e para as nacións sen Estado en particular. Para min, o actual modelo da UE está construído sobre bases que o levarán irremediabelmente a unha crise.

Unha UE construída sobre a base dos Estados. Unha UE xerarquizada, onde uns Estados mandan e outros xogan un papel de comparsa. Unha UE onde as nacións sen Estado carecen de recoñecimento e carecen de papel algún. Unha UE construída ao servizo do neoliberalismo, do capital financeiro, ao servizo dos especuladores que hoxe cabalgan ao lombo da burbulla da débeda pública…

OU EUROPA SE CONSTRÚE SOBRE BASES DEMOCRÁTICAS OU FRACASARÁ COMO PROXECTO COLECTIVO

A Europa onde medra o mercado, namentras os dereitos retroceden, ten que ser repensada de abaixo arriba se quer ter algún futuro.

Repensada democraticamente, dende os intereses da maioría social, dende os intereses dos pobos, das nacións sen Estado. Reconstruída dende a búsqueda do benestar, do equilibrio territorial e social. Repensada para se converter nun contrapeso efectivo na construción da paz, para ser un actor decisivo no intercambio igualitario a nível mundial.

Unha Europa que recoñeza a libre determinación dos pobos, que recoñeza, xa que logo, o seu carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüístico.

En definitiva, ou Europa se constrúe sobre bases democráticas ou fracasará como proxecto colectivo.

A miña visión de Europa, como poden entender, non pode ser abstracta ou ideal. É a visión desde unha vella nación europea, á que o actual modelo non lle serviu para avanzar nin nos dereitos como pobo nin socialmente. Unha nación que, submetida á dupla dependencia UE-Estado, e cun grao de autogoberno máis que limitado, continúa a ocupar o furgón de cola nos seus níveis de desenvolvimento. É a visión dende a perpectiva dunha forza política nacionalista de esquerda.

Amigas e amigos

Galiza é unha nación que no seu seo ten un movemento social moi significativo, o movemento nacionalista, que ten como obxectivo precisamente conseguir a plena soberanía nacional.

Polas propias condicións obxectivas de Galiza como país dependente, o Bloque Nacionalista Galego sempre tivo unha ollada crítica respecto da forma en que se concretizou historicamente a conformación da Unión Europea.

VÍAMOS NO TRATADO DE MAASTRICHT O LIMIAR E A SEMENTE DA DERIVA NEOLIBERAL QUE ÍA VIVIR EUROPA

Esa ollada crítica levou ao BNG, a principios da década dos 90 do pasado século, a ser pioneiro entre as forzas políticas do Estado e tamén da propia UE na denuncia do Tratado de Maastrich.

Víamos no Tratado de Maastricht o limiar e a semente da deriva neoliberal que ía vivir Europa.

Víamos no Tratado de Maastricht a condensación de políticas enormemente lesivas para o aparato produtivo de Galiza, que xa se vira moi prexudicado pola forma concreta en que o Estado español negociou a entrada na daquela Comunidade Económica Europea.

Denunciamos daquela que Maastricht suporía a aposta dos Estados hexemónicos de Europa -nomeadamente Alemaña e Francia- por políticas ao servizo do capital financeiro, contrarias ás necesidades das maiorías sociais.

Denunciamos daquela que as políticas de Maastricht significaban unha agresión sen precedentes contra sectores estratéxicos da economía galega, o sector lácteo, o complexo mar-industria, o sector naval.

NUNCA NOS TREMEU A MAN AOS NACIONALISTAS GALEGOS Á HORA DE PÓR EN CUESTIÓN O MODELO NEOLIBERAL DA CONSTRUCIÓN EUROPEA

Ese diagnóstico do BNG foi amplamente confirmado pola evolución posterior da UE. Efectivamente, a UE significou unha clara viraxe de Europa cara ás posicións conservadoras e contrarias ás maiorías traballadoras, e significou tamén un durísimo plano de axuste para a economía de Galiza que se ten traducido para o noso País no despoboamento do medio rural, no estancamento demográfico e no retorno do fenómeno da emigración.

Nunca nos tremeu a man aos nacionalistas galegos á hora de pór en cuestión o modelo neoliberal da construción europea. Por iso defendimos tamén sen complexos o NON ao Tratado Constitucional da UE. Fixémolo en condicións ben difíceis, pero fixémolo, con Galiza no corazón e na cabeza. Hoxe é evidente que tiñamos razón, que acertabamos no diagnóstico.

Amigas e amigos,

Acertou de pleno a Fundación Galiza Sempre ao reunir na frase coa que titula estas xornadas as palabras “crise”, “futuro” e “Europa” porque en realidade é ben certo que non só estamos ante a maior crise do capitalismo desde os anos 30 do pasado século, senón que estamos ante a crise desa moi particular forma de concebir Europa. Ou dito doutro xeito: se está en crise o paradigma neoliberal, é evidente que tamén o está a forma en que ese paradigma ten cristalizado no noso continente, esa superestrutura que coñecemos como Unión Europea.

A CRISE É PRODUTO DE FACER DA ECONOMÍA DE MERCADO UNHA SOCIEDADE DE MERCADO, UNHA SOCIEDADE EN QUE OS DEREITOS SOCIAIS NON VALEN NADA POR SI MESMOS

Desde que a crise financeira estourou en Novembro de 2007, coa quebra de Lehman Brothers, o nacionalismo galego veu sustentando a tese de que esta crise non é unha crise de conxuntura, senón de modelo. É unha crise estrutural. Non responde a nengunha praga bíblica, senón que é o produto dunha forma concreta e determinada de interpretar a economía de mercado. Se mo permiten, direi que en realidade, é produto de facer da economía de mercado unha sociedade de mercado, unha sociedade en que os dereitos sociais non valen nada por si mesmos, unha sociedade en que a única lóxica é a da maximación dos beneficios, custar o que custar.

Estamos, pois, ante unha crise estrutural. A crise do neoliberalismo. As políticas de desrregularización do sistema financiero, privatización dos servizos públicos esenciais e a demolición controlada do Estado do Benestar constitúen trazos definitorios do catecismo neoliberal. Responden a un modelo de capitalismo en que o capital financeiro ten unha preponderancia absoluta sobre o capital produtivo. Por dicilo graficamente, os bancos prevalecen sobre as fábricas. O capital prefire investir en bonos do tesouro ou en débeda pública antes do que en novas industrias. A consecuencia é un paro desbocado e a precarización das condicións de vida da maioría, para garantir os beneficios da minoría.

O Banco Central Europeu -desprovisto de todo control democrático e entregado unica e exclusivamente ao control da inflación- rexe toda a economía da chamada zona euro, como se toda ela fose homoxénea en termos de riqueza real. Imponse un único padrón para economías moi diversas e sociedades enormente distintas entre si. O euro funciona como unha sorte de marco alemán redivivo, o que obriga a economías menos desenvolvidas que a alemá -entre elas, a española- a se axustar ás necesidades da economía hexemónica.

Este deseño prexudica especialmente a Galiza. O noso país xa era unha economía dependente, no contexto do Estado español. Agora éo duplamente. Decisións adoptadas en Bruxelas e Madrid lastran o noso potencial produtivo. Galiza produce menos do que podería non por non ser competitiva, senón precisamente por selo. Bruxelas decretou a progresiva liquidación do noso sector lácteo e Madrid non obxectou nada porque preferiu favorecer outros intereses, basicamente os da agricultura mediterránea. Dispúñamos da maior frota pesqueira de Europa e Bruxelas decretou o seu desmantelamento. Madrid non obxectou nada porque a pesca, fundamental para o PIB galego, é residual no conxunto do Estado. Tiñamos esteleiros moi eficientes con man de obra moi cualificada. Bruxelas e Madrid decidiron que os galegos tampouco tiñamos dereito a ter unha base industrial sólida nun sector estratéxico.

A dupla dependencia de Galiza volvémola constatar estes días. O Goberno español aproba o chamado Decreto do Carbón que non é máis que unha medida proteccionista para salvagardar os empregos na minería de Asturias ou Castela e León. Nada teríamos que obxectar se o mencionado decreto avalado pola UE non conlevase, como conleva, pór en perigo miles de empregos na industria galega. Mais unha vez, dobre raseiro. Son posíbeis as axudas públicas para soster uns sectores económicos, namentras se lles negan a outros como ao sector lácteo galego, a cuxos produtores se lles está a pagar prezos por debaixo da media estatal e europea. Ou se mantén o veto á construción naval civil en Ferrol, utilizando como pretexto ter recibido axudas públicas.

En que nos beneficia aos galegos a Europa dos Estados? En nada. É necesaria a soberanía, o autogoberno real. É necesaria a Europa dos pobos con regras non trucadas, que vele pola cohesión territorial e social.

A HISTORIA DEMOSTRA QUE SE PODE ABORDAR A CRISE DESDE ÓPTICAS BEN DIFERENTES DA NEOLIBERAL. AÍ TEMOS O LEGADO DE KEYNES

Amigas e amigos

O que nos temos que preguntar todas e todos é se as políticas que se nos aplican desde esta UE dos Estados son fatalmente inevitábeis. A propaganda oficial machúcanos todos os días co argumento de que non hai alternativa a estas políticas. O Goberno do Estado ten xustificado o axuste brutal que acabou por provocar a folga xeral desde 29 de Setembro coa mesma argumentación. Son políticas necesarias. Duras, pero inevitábeis, dísenos desde a Moncloa, mais tamén desde as bancadas da teórica oposición do PP. Presentaríasenos así o neoliberalismo como unha lei física obxectiva, como se fose a lei da gravidade. Non como unha escolla entre varias posíbeis, senón como a única forma de gobernar o mundo.

Mais a historia demostra que iso non é así. Que se pode abordar a crise desde ópticas ben diferentes da neoliberal. Aí temos o legado de Keynes, fundamental para que a economía occidental superase a Grande Depresión de 1929.

Así que desde a perspectiva de Galiza dicimos que outra política económica é posíbel, outro modelo social é posíbel e, consecuentemente, outra Europa é posíbel. Posíbel e necesaria. Necesaria para desenvolver todas as nosas potencialidades produtivas e, portanto, para voltarmos a criar riqueza (desta volta na economía real) e postos de traballo. Necesaria para pór o acento na economía do traballo e non na economía da especulación. E necesaria para defender o Estado do Benestar e as conquistas sociais de aqueles que queren facer negocios privados cos dereitos sociais.

Estamos a vivir un momento complicado, tanto no contexto do Estado como no de Europa, no que os retrocesos sociais, coma sempre, se acompañan tamén de retrocesos nas liberdades e nos dereitos dos pobos.

Europa avanza inexorabelmente cara a un cada vez maior desequilibrio entre o peso do capital e o do traballo. Avanza cara ao adelgazamento progresivo do Estado do Benestar.

Por iso é necesario erguer un poderoso movemento social que o impida. Ataques como a directiva Bolkestein relévanme de facer máis comentarios a este respeito.

Un movimento social que na Galiza se expresou con clareza o pasado 29 de Setembro. Centos de miles de persoas esixiron un cambio radical das políticas antipopulares do goberno central e galego. Na importante resposta social, maior que en moitos lugares do Estado, xogou un papel relevante o nacionalismo sindical e político.

NESA EUROPA POLA QUE TRABALLAMOS, OS POBOS DEBEN TER ESPAZOS DE LIBRE DECISIÓN

O nacionalismo galego aspira a unha reformulación do Estado español nunha chave plurinacional. A mesma arela témola a respecto de Europa. Este modelo de construción neoliberal e estatalista da UE non nos vale. Queremos outro. Queremos un modelo de construción de Europa a favor das maiorías sociais e no que o protagonismo lle corresponda aos pobos e non aos Estados. Queremos unha Europa onde se respecten todos os dereitos dos pobos, que é tanto como dicir que se respecten os dereitos humanos fundamentais. Tamén os dereitos lingüísticos, hoxe non recoñecidos.

Nesa Europa pola que traballamos, os pobos deben ter espazos de libre decisión. Non pode ser que a lonxana burocracia de Bruxelas aplique políticas iguais para realidades enormemente diversas entre si. Non só se ignoran os nosos problemas específicos, senón que se adoptan decisións que directamente os agravan e que imposibilitan a súa resolución. Os pobos temos que conquistar espazos de poder político propio, espazos nacionais de libre decisión, para desde abaixo construír outra Europa, nas antípodas do proxecto elitista, antipopular e neoliberal desta Unión Europea.

Amigos e amigas,

Como galegos e como europeus, nós nunca poderemos avalar a triste realidade actual dunha UE incapaz de frear políticas de tinte xenófobo como as que practican Sarkozy ou Berlusconi, unha Europa que carece de política exterior propia merecente de tal nome, que secunda as guerras imperialistas dos EUA en Afganistán ou Iraque, ou incapaz de xogar ningún papel relevante para pór fin ao masacre do pobo palestino.

A crise e o futuro de Europa dende a perspectiva dos pobos? A resposta pasa por construír un bloque social que na Galiza só está en condicións de liderar o nacionalismo que derrote o proxecto neoliberal e poña en pé en Europa outro modelo económico e social; a Europa democrática e, xa que logo, a Europa das nacións.

Comezaba esta intervención expresando o meu pesimismo acerca da utilidade do actual modelo de Europa. Remato expresando a miña convicción de que é posíbel construír outro modelo absolutamente diferente.

Para iso traballamos os que estamos aquí. E con nós, millóns de persoas.

Nada máis e moitas grazas!



12345 (3 votos, media: 3,67
Loading ... Loading ...

Un Comentario en “«En que nos beneficia ás galegas e aos galegos a Europa dos Estados? En nada»”

  1. Buena frase: » Para min, o actual modelo da UE está construído sobre bases que o levarán irremediabelmente a unha crise.» …é posíbel construír outro modelo absolutamente diferente.

    Gústache ou non che gusta: Thumb up 0 Thumb down 0

Fai un comentario