«Precisamos de máis soberanía e non de máis recentralización»

Achégovos a íntegra do discurso que pronunciei o xoves 14 de Outubro na Coruña, na palestra do Forum Tribuna Europa:

Comezarei cos agradecementos: ao Foro Nova Economía polo seu convite, a todas e a todos por estardes neste acto e a Xosé Manuel Carril pola súa amábel presentación.

Vivimos tempos complexos. Tempos cambiantes, difíciles. Tamén tempos de oportunidade, tempos de compromiso: compromiso coa sociedade, compromiso con Galiza.

Nestes minutos, esbozarei algunhas das preocupacións e das propostas do BNG no momento actual.

Galiza está a atravesar por momentos ben delicados. Non é esaxerado afirmar que por momentos críticos, sexa do ponto de vista económico, social ou da propia identidade.

Atrapados nunha dupla dependencia -do Estado e da Unión Europea- e cun degrao de autogoberno máis que limitado, estamos a cruzar como País perigosas liñas vermellas.

Galiza esmorece a ollos vista. As políticas practicadas até hoxe amosan o seu fracaso. As tendencias demográficas son un indicador do que digo. Un país envellecido, estancado demograficamente, na perspectiva de continuar a perder poboación nos vindeiros anos, pon de manifesto síntomas evidentes de enfermidade, que non basta con constatar, senón que requiren dunha actuación política que a atalle.

É pois necesario facer diagnoses acaídas das causas do problema, é necesario propoñer fórmulas para resolvelo.

Certo é que aos problemas históricos do noso País -políticos e económicos- súmanse agora as consecuencias dunha profunda crise fronte á que o Goberno central adopta medidas erradas, cando non directamente contrarias aos nosos intereses, mentres o Goberno galego simplemente non adopta ningunha.

Non serei eu quen caia na tentación de dicir que os problemas que temos que afrontar e superar teñan solucións doadas, porque non é así. Mais unha cousa é que non sexan de doada solución, outra ben diferente é que non a teñan.

En calquera caso, fronte aos problemas temos dúas opcións:

A opción da resignación, da impotencia, sempre estéril, ou a opción da demanda firme, da afirmación dos nosos dereitos e da formulación de propostas en positivo. En definitiva, a opción de batallar por unha Galiza mellor.

Hai quen se atopa ben cómodo na primeira opción. Eu prefiro optar pola segunda. Chámenme utópico ou idealista, mais o certo é que nunha avanzou a Humanidade, nen nas súas liberdades nen nos seus dereitos, da man da resignación ou da impotencia. Avanzou precisamente porque millóns de persoas non se resignaron, non se acomodaron, batallaron por un futuro mellor.

HAI QUE CAMBIAR PROFUNDAMENTE O MODELO ECONÓMICO E SOCIAL E AVANZAR CARA MÁIS AUTOGOBERNO

Xa que logo, para nós, neste momento é imprescindíbel:

-Cambiar profundamente o actual modelo económico e, xa que logo, social. Apostar por un modelo produtivo fronte ao especulativo. Apostar por economías autocentradas, polo equilibrio territorial, por un modelo social máis xusto.

-Avanzar no autogoberno. Na capacidade real de decisión. De entrada, através dun Novo Estatuto de Nación; dun Estatuto de Primeira. O AUTOGOBERNO é máis necesario se cabe nun mundo globalizado, onde as decisións se toman cada vez máis lonxe de nós e en moitas ocasións en contra dos nosos intereses. Nese contexto é imprescindíbel contar con espazos de decisión propios.

Traballamos, pois, por construír unha alternativa fronte á crise, por construír unha alternativa que permita o avanzo deste País.

Temos expresado publicamente a nosa posición e propostas para afrontar a saída a esta crise de xeito favorábel á maioría social. Para nós a crise económica ten causas, ten causantes e ten tratamento.

CRITICAMOS NO SEU DÍA O TRATADO DE MAASTRICHT POR VERMOS NEL OS ALICERCES DA DERIVA NEOLIBERAL QUE ÍA SUFRIR EUROPA

A crise é a consecuencia da aplicación dos dogmas do neoliberalismo, certo que aplicados entusiasticamente por moitos gobernos do mundo nos últimos anos. O tratamento non pode consistir na persistencia na aplicación dos dogmas neoliberais, senón xustamente no contrario, nunha corrección a fondo.

É sabido que o BNG nunca acreditou no paradigma neoliberal. Criticamos no seu día o Tratado de Maastricht porque nel viamos os alicerces da deriva neoliberal que ía sufrir Europa. Opuxémonos ás políticas que conlevaron a privatización de todo o privatizábel. Combatimos tamén as teorías defensoras do mercado sen control público…E os feitos viñénronos demostrar que non estabamos equivocados.

É público que non compartimos as medidas adoptadas polo Sr. Zapatero para atallar a crise. É notorio que non compartimos a pasividade, a resignación e a impotencia que transmiten o Goberno do Sr. Feijóo fronte a mesma.

Opoñémonos frontalmente ás medidas que está a adoptar o Goberno central, co disimulado, pero, no fondo, ben real apoio do Partido Popular. Exiximos un cambio radical de rumbo.

Recortar salarios e pensións, incrementar ingresos vía IVE, retallar o investimento produtivo, precarizar cada vez máis o emprego ou abaratar o despedimento… son medidas que non axudarán a saír da crise. Simplemente servirán para garantir o beneficio dos especuladores. Serán tamén un novo espellismo para aqueles que pensan que poderán sobrevivir no marco dun mercado desrregulado vía redución dos custos laborais.

Os promotores destas medidas nen sequera agachan que as adoptan para calmar os chamados “mercados financeiros” sen que, por certo, haxa garantía algunha de que o consigan. Dá arrepío ouvir ao Sr. Fernández Ordóñez sementando a dúbida ao respeito ao pedir ao Goberno un plano B por se fallar o plano A.

É necesaria outra orde económica a nivel mundial:

Haberá que adoptar decisións a nível mundial e a nível máis local.

É imprescindíbel poñer regras e estabelecer o control público dos mercados financeiros internacionais. Modificar o sistema fiscal baixo o principio de que pague máis quen máis ten. Combater a fraude fiscal, acabar cos paraísos fiscais.

Hai que pór os medios para garantir o acceso ao crédito ás empresas. Este -e non o do mercado laboral, aí tiña razón o ex dirixente da CEPYME que falou neses termos- é o principal problema que enfrentan as pemes, e non esquezamos que o tecido empresarial de Galiza está formado basicamente por este tipo de empresas.

Hai que recortar os gastos improdutivos, a empezar polo gasto militar retirando as tropas de Afganistán, ou recortando gastos na Administración, suprimindo Deputacións ou Ministerios con competencias transferidas en exclusiva ás comunidades autónomas.

E hai que manter o gasto produtivo e o gasto social. Porque esa é a chave, posíbel e necesaria, para remontar a crise.

O que non é posíbel é sustentar un modelo que produce un desequilibrio cada vez maior entre o Capital e o Traballo e que se basea na preponderancia absoluta do capital financeiro sobre o capital produtivo.

O que non é aceptábel é un modelo onde a maioría social perde dereitos laborais e salariais ao tempo que unha cada vez máis exigua minoría obtén beneficios multimillonarios.

É inaceptábel conxelar pensións, xa de subsistencia, e ao tempo subir os prezos de produtos básicos como a luz ou o gas. Non é posíbel, en definitiva, aceptar que por primeira vez en moitos anos a xeración seguinte estea, de non mudar as cousas, condenada a vivir peor que a anterior.

As medidas implementadas polos gobernos para saírmos da crise non só son socialmente inxustas, senón tamén ineficientes.

O QUE NECESITA A ECONOMÍA E MÁIS TRABALLO E MÁIS PODER ADQUISITIVO POR PARTE DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES, SEN O CAL NON SERÁ POSÍBEL QUE A ECONOMÍA VOLTE A MEDRAR

Cando nunha economía se recortan salarios, se conxelan pensións ou se retallan os investimentos en obra pública o que acontece é que non se xera emprego, se contrae o consumo e, portanto, se entra nunha espiral depresiva, nun circulo vicioso. Se cae o consumo, as empresas máis tarde ou máis cedo acaban axustando pola vía dos despedimentos ou simplesmente pechando.

Neste contexto, a reforma laboral ten sido un enorme erro por parte do Goberno central.

Os dados de Setembro poñen en evidencia ese erro: medra o desemprego e continúa medrando a temporalidade.

A reforma non serve para criar máis e mellor traballo, simplesmente abarata o despedimento.

E a economía non necesita máis parados, o que necesita é máis traballo e, sobre todo, maior poder adquisitivo por parte dos traballadores, para que repunte a demanda interna e, consecuentemente, a economía volte a medrar.

Se mo permiten, non se trata de defender os intereses da minoría, cústelle a un o que lle custe. Trátase de defender, cústelle a un o que lle custe, os intereses da maioría.

É necesario cambiar o rumbo. Por iso é polo que apoiamos sen dúbida algunha as mobilizacións do pasado 29 de Setembro. Unha mobilización que se pode ler na chave que se queira, pero o que non é posíbel é obviar que puxo de manifesto a fonda preocupación de miles de persoas polo presente e polo futuro. Unha mobilización que na Galiza alcanzou un grao de seguimento claramente superior ao do promedio estatal.

Un cambio de rumbo tamén necesario no noso País. O goberno galego ten que comezar a exercer como tal. Do goberno do Sr. Núñez Feijóo cabe esperar algo máis que o lamento estéril ou a impotencia como liña de actuación.

Non caerei na esaxeración de facer responsábel de todos os males ao Goberno galego. A diferenza do Sr. Feijóo, non pedirei solución á crise en 45 días, pero si accións concretas para paliar os seus efectos.

O paro rexistrado no noso País está xa en 216 mil persoas. Desde que goberna o PP, Galiza ten 40.000 persoas máis no paro. O desemprego é demasiado alto en relación á nosa poboación activa. Demasiado alto nomedamente se temos en conta que hoxe miles de galegas e de galegos -moitos deles xente moza moi cualificada- se ven obrigados a emigrar para atopar fóra o traballo que non encontran no País. A emigración permite maquillar as estatísticas do paro galego, pero representan un enorme despilfarro de recursos humanos -do mellor capital humano que tivo este País nunca. Seguimos sendo un País de emigración e non de inmigración, o que non deixa de ser un inequívoco sinal dos problemas estruturais que arrastra a nosa economía.

O Goberno Feijóo iniciou a súa andaina afirmando que nada podía facer porque o anterior seica lle deixara as arcas baleiras. Un Goberno que agora segue a dicir que nada pode facer porque o goberno central o deixou sen financiamento. Un Goberno que en materia económica todo o máis que fai é eludir as súas responsabilidades e proxectar a idea de que con el non vai.

Levamos ano e medio de Goberno do PP. Neste tempo soubemos da aplicación do seu programa ideolóxico, pero continuamos a descoñecer os seus plans para combater o desemprego.

Non basta con ocupar un goberno e limitarse a botar balóns fóra. É necesario tomar decisións, asumir as propias responsabilidades.

E necesario deixar de xirar nun círculo sen saída.

Non é posíbel facer o exercicio de defender a política de redución do déficit como panacea, aceptar un modelo de financiamento inxusto e insuficiente, renunciar a conseguir máis competencias, e ao mesmo tempo queixarse da falla de recursos para atender as necesidades sociais básicas.

O GOBERNO GALEGO ACTÚA COMO UN TAPÓN. UN TAPÓN PARA AVANZAR CARA A MÁIS AUTOGOBERNO. UN TAPÓN NA LOITA CONTRA O PARO

Non é razoábel que un Goberno se queixe de que non ten recursos, mentres ao mesmo tempo profundiza na liña dos regalos fiscais ás rendas máis altas, e busque, iso si, incrementar a recadación vía o canon da auga, o que claramente prexudica os máis febles.

O Goberno galego, lonxe de ser parte da solución, é hoxe xustamente parte do problema. Un tapón para avanzar cara ao autogoberno. Un tapón na loita contra o paro.

Non é posíbel crear emprego co sector lácteo desaparecendo, cos produtores a recibiren prezos polo seu leite por debaixo da media estatal e europea, sen que esta situación mereza apoio político algún.

Cun concurso eólico sen resolver, ano e medio paralizado e que, portanto, non só non está a xerar novo emprego, senón que está a destruír parte do existente.

Sen xestión política algunha dirixida a levantar o veto á construción naval civil en Ferrolterra.

Un Goberno que parece fiar a recuperación e o incremento do PIB ao Xacobeo e á visita papal evidencia a carencia de proposta seria algunha en materia económica. Desde logo, nin ao goberno catalán nen ao británico se lles ocorreu fiar a recuperación á visita de Ratzinger.

Amigas e amigos

Necesitamos máis autogoberno, necesitamos un Estatuto de nación, un Estatuto de primeira.

O actual marco estatutario, independentemente da escasa vontade do goberno actual de facer uso das ferramentas de que dispón, é insuficiente para tomar decisións con autonomía real. Decisións que non se vexan vetadas polo poder central, día si e día tamén.

Nós non acreditamos na falsa teoría de que somos un país pobre, sen recursos que vive da solidariedade do Estado.

Tampouco acreditamos en que as galegas e os galegos teñamos algunha tara xenética que nos faga menos intelixentes, emprendedores ou competitivos que outros.

Máis ben o problema está en que regras de xogo trucadas e limitadas capacidades de autogoberno estannos a impedir alcanzar mellores niveis de desenvolvimento.

Nós cremos nas nosas potencialidades, por iso non temos temor algún en responsabilizarnos do noso presente e do noso futuro.

Precisamos de máis soberanía e non de máis recentralización.

PRECISAMOS ESPAZOS DE LIBRE DECISIÓN, PRECISAMOS CAPACIDADE DE NEGOCIACIÓN EN MADRID OU BRUXELAS

É fundamentalmente o PP quen se opón a avanzar por este camiño. Afirma que non necesitamos un Estatuto de Nación, que o importante é resolver os problemas da xente. Mais o Sr. Feijóo debería responder ás seguintes perguntas: se dispón de suficientes competencias, a que espera o Sr. Presidente para facer uso delas e resolver os problemas da xente? E se non necesitamos máis poder político propio, máis capacidade real de decisión, a que vén culpar en exclusiva da crise ao Goberno central?

Si precisamos espazos propios de decisión. Si temos necesidade de ter capacidade de decidir asuntos que nos afectan. Capacidade de negociación en Madrid ou Bruxelas.

E por favor que non se nos fale dos perigos que representa para a España Unha ceder soberanía aos pobos que como o galego a necesitan, cando logo se cede soberanía a entes supraestatais, sexa en materia monetaria ou militar, sen que por iso, por certo, se lle abran as entretelas a Isabel a Católica.

Nós propoñemos máis autogoberno real, máis competencias, máis capacidade de decisión.

Defendemos o idioma, porque si, porque nos peta, mais tamén porque só dende o orgullo de ser, dende a dignidade e o respecto ao que somos, podemos aspirar a ser respectados polos demais.

Non teño intención de caer en trampas políticas. Mais é inevitábel facer referencia, estando nesta cidade, a unha nova campaña do PP contra o idioma. É incansábel o PP, L que L.

Só unha reflexión: cren posíbeis debates desta natureza en Catalunya ou nos Estados Unidos? Alguén en Catalunya debate sobre Girona? En Estados Unidos sobre Los Angeles? Non o fan nen os do Tea Party!

Deíxense de L, fagan propostas, se as teñen, para esta cidade. Iso hánllelo de agradecer os cidadáns. Non fan ningún favor a Galiza, atacando a súa lingua, a súa identidade. Ningún.

En suma, non podo menos que lembrar aquilo de “Perdóaos, señor, porque non saben o que fan”.

Amigas e Amigos

Defendemos o idioma, como tamén defendimos que as caixas galegas mantivesen o centro de decisión no noso País, ao servizo do desenvolvimento económico de Galiza. Para iso defendimos a fusión e a nova lei galega de caixas como fórmula para impedir un destino máis que decidido, a súa deslocalización, a súa absorción por caixas foráneas. Continuaremos a defender o sistema financeiro galego con coherencia e con un único norte: os intereses de Galiza. Ningún outro.

Pola mesma razón que combatemos o recurso de inconstitucionalidade interposto polo Goberno central contra a Lei galega de caixas, opuxémonos á recente reforma express da lei galega, como tamén pola mesma somos contrarios ao intento de bancarizar as caixas de acordo prevista pola nova Lorca, modificada co acordo do Sr. Zapatero e o Sr. Rajoy. Por certo, bancarización que propón o FMI. Non lles resulta curioso?

Cuestionamos tamén en solitario un modelo de financiamento autonómico inxusto para Galiza e demandamos máis autonomía fiscal, como xa o facía Bóveda.

DENUNCIAMOS O ACORDO DO OBRADOIRO COMO PACTO FRAUDE. AGORA É UNHA EVIDENCIA QUE NON SE CUMPRIRÁ

Desde o BNG levamos anos dando a batalla por conseguir niveis de investimento do Estado nas nosas infraestruturas que rematen co retraso histórico que padecemos.

Denunciamos como saben que o Pacto do Obradoiro era un Pacto Fraude. Hoxe é unha evidencia que non se cumprirá. Non temos ningunha bola de cristal. Simplesmente, e esa é a verdade, non confiamos no compromiso con Galiza dos asinantes.

Por que teriamos que confiar? Cantas veces ao longo de 30 anos de Democracia, con gobernos de distinta cor política, vimos como para nós se adiaban os compromisos? Cantas veces?

Existe un deseño de Estado que prioriza os investimentos, historicamente, noutros territorios. Galiza sempre fica atrás.

Existe ese deseño e a verdade é que non se acaba de rachar porque as forzas políticas estatais non demostran ter compromiso con Galiza. Así de simples, así de claro.

Non se están a cumprir as previsións. Tampouco se cumprirán o vindeiro ano. E para iso basta ver os orzamentos do Estado. O AVE non estará operativo no 2015. Por certo, con tantos anos de retraso sobre o AVE andaluz?

É unha evidencia que parece pór ao ministro Blanco á beira dun “ataque de nervos”. Non resolverá o seu descrédito nin proclamándose foguete da economía galega nin anunciando choivas de millóns.

Recuperará o crédito simplesmente cumprindo o prometido e o prometido é: nin un retraso máis.

Porque a excusa non pode ser a crise: a Galiza nunca lle toca, nen sen crise nen con ela.

Os orzamentos do Estado 2011 son inasumíbeis para o BNG porque son antisociais -ou sexa cargan o custo da crise sobre a maioría social e non sobre os máis poderosos- e porque reducen en 500 millóns de euros o investimento absoluto no noso País.

Xusto canto máis preciso é un orzamento que faga mover a economía e que apoie o investimento produtivo, máis restritivo é o orzamento e, portanto, máis ineficiente resulta á hora de combater a crise. O propio Goberno admíteo ao ter rebaixado as súas mesmas previsións de crecemento para o PIB.

Canto aos orzamentos da Xunta, aínda non presentados formalmente, pouco cabe agardar porque serán simplesmente a traslación ao ámbito presupostario da política económica do PP ante a crise.

Galiza non precisa de cerimonias de confusión. Galiza precisa de compromiso cos seus intereses. E o BNG teno.

Demostrámolo cando durante a Presidencia semestral da UE, ostentada polo Goberno español, exiximos en solitario solucións para a construción naval civil, o leite ou a pesca galega.

Ou recentemente, cando, mais alá das manobras de distracción que neste momento teñen lugar, fomos os que alertamos, demos o debate e demandamos a modificación dun decreto do carbón hoxe en vigor que favorece os intereses doutras zonas do Estado e pon en perigo miles de emprego no noso País.

Demandamos con tempo a modificación do decreto no Congreso e quero enfatizar aquí que non contamos co apoio nin do PSOE nin do PP.

Acontece co Decreto do Carbón e aconteceu tamén coas competencias en materia de tráfico. Aquí apoiaron a transferencia, en Madrid non.

Nese comportamento dual, nesa dobre linguaxe, onde sempre acaba por impoñerse o interese de Madrid, atópase unha das claves que explican o porque do comportamento dos sucesivos gobernos centrais co País.

A ausencia de posición de País por riba doutras consideracións que caracteriza ás forzas políticas estatais en Galiza debilita as nosas posibilidades de conseguir un trato xusto.

A ausencia de compromiso, por un lado, e o convencimento de que os incumprimentos con Galiza non lles terán excesivos custos políticos. Velaí outra chave do seu comportamento. Somos tan comprensivos!

Castelao, nunha viñeta súa, en Retrincos, explícao ben:

Un di: “Se os nosos deputados fosen cataláns, sacaban o ferrocarril

E o outro contesta: “Abondaba que se sentisen galegos…”.

Non se pode explicar mellor, con menos palabras.

A defensa a ultranza dos intereses de Galiza.

A defensa a ultranza dos intereses da maioría social.

O compromiso

Eses elementos guían a nosa actividade política e fannos confiar en que cada día máis galegos e galegas consideran o BNG como opción. Para gañarmos esa confianza traballamos e razoabelmente cremos que se traducirá en apoio eleitoral.

E nesta cidade, e non o podo obviar, Xosé Manuel Carril é a persoa capaz e comprometida, para traducir ese compromiso nesta cidade, A Coruña.

Amigas e amigos

OPTAMOS POR CONSTRUÍR A ESPERANZA, POR ESTARMOS DO LADO DAS E DOS QUE SOFREN AS CONSECUENCIAS DUN MODELO INXUSTO

Vivimos tempos difíciles, complexos, tempos de problemas para moitas persoas. Tamén tempo de descrédito da política en parte inducida dende cavernas ideolóxicas ás que lle vén grande a propia democracia, mais tamén consecuencia da separación, da distancia, entre os intereses que representan algunhas forzas políticas e os da maioría social.

Nós, modestamente, tratamos de non contribuír para ese descrédito.

Neste mar de confusión e de dificuldades, nós optamos por construír a esperanza. Por estarmos do lado dos que sofren as consecuencias dun modelo e dunha crise que nin elixiron nin provocaron. Eliximos estar cos que apostan por un modelo económico e social diferente, cos que defenden a sanidade, o ensino, os servizos sociais públicos. Estar cos que apostan por ter máis capacidade de decidir, máis autogoberno.

Eliximos estar con Galiza, con orgullo de ser galegas e galegos, coa convicción de que é posíbel un futuro mellor. Só temos que decidirnos a conquistalo.


12345 (1 votos, media: 5,00
Loading ... Loading ...

Fai un comentario