A crise da globalización. A visión do nacionalismo galego

Reprodúcese, a seguir, a conferencia que impartín na Arrupe Etxea de Bilbo baixo o título de “A crise da globalización. A visión do nacionalismo galego”.

A charla foi apresentada por Patxi Zabaleta, o coordenador xeral de Aralar.

O nacionalismo é sempre unha forma de ver o mundo desde a propia nación. É, polo tanto, unha visión da Humanidade que se realiza desde un pobo concreto, no meu caso o pobo galego. Nesta conferencia vou tentar expresar como os nacionalistas galegos vemos, desde o prisma do noso pobo, o que eu cualificaría como a primeira gran crise da globalización neoliberal e as alternativas que nós defendemos, o mundo novo que podemos e debemos conquistar. A partir de aí, farei algunha reflexión sobre a acción que o nacionalismo galego, tamén en colaboración coas outras forzas nacionalistas do Estado, pode desenvolver para conseguir a transformación democrática e plurinacional do Estado español.

Os poderes hexemónicos nas democracias occidentais, democracias que cada vez son máis democracias mediáticas, son tamén os donos das palabras. Os donos das palabras e os donos dos significados.

Reparen, por exemplo, en que os poderes hexemónicos -en esencia o gran capital financeiro que se expresa a través das súas terminais mediáticas- refírense invariabelmente á crise que vivimos coa expresión “crise económica”, unha denominación claramente ideolóxica por opaca e neutral. Acaso é que o que vivimos é unha crise económica sen máis? Estamos simplemente ante unha pequena disfunción do funcionamento do sistema?

O punto de vista do BNG é que non. Non estamos ante unha crise económica máis. Isto non se arranxa cunha man de pintura. Estamos ante a quebra dun paradigma, dun modelo, o da globalización neoliberal, o modelo que a dereita neocon (e lembremos a Francis Fukuyama) postulaba como eterno cando, despois da caída do Muro, acuñou o celebérrimo slogan da Fin da Historia.

Ese modelo si que está en crise e debo dicir que felizmente porque é un modelo profundamente inxusto, contrario aos dereitos dos pobos e das maiorías sociais e, ademais, ambientalmente insustentábel.

Ese modelo é un modelo que hai que combater sen ningún tipo de complexos. A iso dedícase o BNG. Con modestia, pero desde logo con enorme determinación. Desde Galiza queremos contribuír á construción dun modelo claramente alternativo ao proxecto neoliberal.

É algo que levamos no noso ADN.

O BNG é unha organización frontista, plural, democrática e de clara base popular. O BNG é nacionalismo e é esquerda. A esquerda en Galiza non pode deixar de ser nacionalista porque non se pode ser de esquerdas, no noso País, se negas a túa propia realidade nacional. Non é realmente progresista quen reivindica os dereitos do pobo palestino e non os dereitos do seu propio pobo.

Os donos das palabras falan de “crise económica” para confundir e para desviar a atención sobre o que ocorre realmente no mundo. Pero realmente o neoliberalismo non só puxo en perigo a economía, tamén puxo en perigo a Democracia. Os gobernos xa nos falan sen andrómenas de que gobernan non para a xente, senón para os chamados mercados financeiros. E aquí temos outra proba de como os propagandistas do establishment nos confunden. A expresión Mercados financeiros é outra expresión neutra e opaca. Non asumamos o seu vocabulario. Non falemos de mercados financeiros, falemos da gran banca. Esa é a que manda. Non o pobo. Esa é a realidade que temos e esa é a realidade que temos que transformar.

O BNG está, en cambio, por que o povo sexa quen máis ordena, como cantaba José Afonso durante a revolución dos caraveis en Portugal. O proxecto do BNG é, polo tanto, Democracia no seu sentido estrito -poder do pobo e para o pobo-, Autogoberno -soberanía fronte a globalización- e Benestar -unha sociedade equilibrada e rexida polo principio de que quen máis ten debe achegar máis.

Baixo o noso punto de vista, dúas forzas contrapóñense no mundo. Por unha banda, as de quen pretenden que nada substancial cambie. As que preconizan que vivimos no mellor dos mundos posíbeis, o da globalización imperial. Por outra, as dos pobos que non se resignan a seren globalizados polos globalizadores, que non se resignan a perderen a súa base produtiva, a súa lingua e a súa identidade. Pobos que loitan por facer real a frase de que outro mundo é posíbel.

Amigos e amigas

Pouco despois da quebra de Lehman Brothers, Sarkozy pronunciou a xa famosa frase de que era preciso refundar o capitalismo. No ámbito da Unión Europea, a dereita neocon decretou unha suspensión das leis do mercado e o Estado socializou as perdas do capital financeiro. Unha inxección de recursos públicos sen precedentes rescatou a banca privada. Salvados momentaneamente os mobles, as elites políticas e financeiras volveron por onde adoitaban. En crise ou non, os neoliberais atrincheirar nas súas posicións de mando e deseñan desde os órganos de goberno da Unión Europea -basicamente a Comisión e o Banco Central- unha clara estratexia de xestión neoliberal da crise co obxectivo de inviabilizar calquera alternativa e, xa de paso, incrementar a conta de resultados do capital financeiro, que xa sabemos que estamos en crise, pero uns máis que outros. No punto de mira dos neoliberais, a privatización dos servizos esenciais do Estado do Benestar, é dicir, a entrega ao capital privado de ferramentas básicas en calquera política que pretenda avanzar cara a unha sociedade menos desigual, máis equilibrada.

O paradoxo é que o neoliberalismo está en crise porque produce paro, estancamento económico e desigualdades sociais, pero en Europa son os neoliberais -uns coa camiseta conservadora, outros coa socialdemócrata- os que están na ponte de mando.

Felizmente, cada vez hai máis sectores sociais que contestan a hexemonía dos poderosos.

En Galiza está a conformarse todo un bloque social de oposición ao proxecto neoliberal.

Un bloque social -miles de galegas e galegos nas rúas- que se move en defensa da nosa lingua, dos nosos hospitais públicos, dos nosos sectores produtivos, dos nosos dereitos sociais. Un bloque que fixo que en Galiza a folga xeral do 29 de Setembro fose especialmente exitosa e o seu seguimento superase a media estatal.

Ese bloque social é o bloque co que o nacionalismo sintoniza, é un bloque ao que aspiramos a representar politicamente.

Ese é o contexto no que nos movemos os nacionalistas galegos e no que, no presente momento histórico, se desenvolve a nosa loita por conseguir o recoñecemento nacional de Galiza e por contribuír a crear un mundo máis xusto e máis equilibrado.

Digo a nosa loita por conseguir un mundo máis xusto e máis equilibrado porque o nacionalismo xenuíno sempre é un movemento internacionalista, isto é, antiimperialista. A globalización, en cambio, non é máis que a forma que adopta no noso tempo o imperialismo de toda a vida. Se se fixan, o que se globaliza son os valores e a cultura do Imperio. Se os Estados Unidos teñen nestes momentos máis soldados fóra do seu país que en ningún outro momento da súa historia é precisamente para garantir que o proceso de globalización se realice en función dos seus intereses. Non se globalizan os valores de quen pensamos o mundo en claves de igualdade, en claves do dereito de todos os pobos a desenvolver as súas potencialidades e a vivir dignamente do seu traballo. Globalízase, iso si, a idea dun mundo desigual cun emperador máis ou menos simpático e cun centro imperial que se apropia das riquezas naturais da periferia como no vello colonialismo do século XIX.

Referinme xa en varias ocasións á Unión Europea. Aquí teño que dicir con toda claridade que a UE é neste momento o mascarón de proa do neoliberalismo no planeta. Mesmo en Estados Unidos, coas dificultades que coñecemos, estanse tentado algunhas saídas distintas á crise con certo aroma keynesiano. En Europa, non. En Europa a hexemonía do pensamento neoliberal é total e absoluta.

Ao BNG isto non o colle por sorpresa. O BNG sempre foi moi crítico coa forma concreta en que se materializou a chamada construción europea. Opuxémonos no seu momento ao Tratado de Maastricht, como posteriormente ao Tratado Constitucional, porque vimos con claridade que debuxaba un proxecto de UE claramente conservador e neoliberal, á medida dos intereses da gran banca, sobre todo a alemá. Digámolo claramente: o euro é o nome co que o que agora designamos á moeda que antes chamabamos marco alemán. A unificación monetaria baixo o predominio de políticas monetaristas neoliberais, políticas obsesionadas polo control da inflación e non pola creación de emprego, foi desastrosa para os traballadores e para que países como Galiza puidesen manter e desenvolver o seu aparello produtivo.

Amigos e amigas

Os nosos pobos, Galiza e Euskadi, saben perfectamente os efectos que se derivan de estar integrados nunha estrutura antidemocrática e negadora dos dereitos nacionais.

Estámolo vivindo agora na Unión Europea, pero vivímolo durante séculos no Estado español.

O Estado español afirmouse historicamente sobre a base da negación da existencia de Galiza, Euskadi e Catalunya. Así o fixo sobre todo a partir do século XIX, cando o avance do capitalismo -o capitalismo semifeudal do que falaba o noso Castelao- levou aparellada a creación dun mercado e dunha moeda única, a peseta.

Pero unha nación non desaparece por decreto e as nosas nacións sobreviviron grazas á determinación dos nosos pobos e á loita -no noso caso xa desde Rosalía de Castro- pola afirmación da nosa identidade.

O BNG loita politicamente por transformar o Estado en clave plurinacional e, consecuentemente, por outorgarlles ás nacións que obxectivamente o compoñen plenos dereitos políticos.

Se somos nación, debemos selo con todas as consecuencias. Non nos vale que se nos considere nación só desde un punto vista cultural, histórico ou gastronómico. Somos nación e o somos e queremos selo plenamente, cos mesmos dereitos que calquera outra das nacións do mundo.

O noso proxecto é o de ser unha nación plenamente normalizada e con capacidade para exercer espazos de libre decisión sen máis límite que o da vontade das galegas e dos galegos. Sen límite nin teito.

O Estado español presenta desde a súa propia conformación un evidente déficit democrático ao constituírse no vixente réxime político, como por certo tamén nos precedentes, como un Estado formalmente unitario e, polo tanto, uninacional.

Pero o Estado español non é como o Estado portugués ou o holandés que si son Estados uninacionais. O Estado español, dígao a Constitución de 1978 ou non, é un Estado plurinacional. Esa é unha realidade obxectiva e que salta á vista e, polo tanto, máis tarde ou máis pronto é unha realidade que se abrirá paso.

O déficit democrático do Estado -que por certo é correlativo ao déficit democrático da Unión Europea- expresouse con maior ou menor virulencia ao longo destas décadas. Non é casual que os períodos en que se viu máis amortecido fosen aqueles en que o partido estatal de quenda carecía de maioría absoluta e, polo tanto, víase obrigado a dar algo de xogo aos nacionalistas.

Pero a tentación de interpretar as regras do xogo na súa variante máis restritiva e españolista sempre estivo aí. Nas elites que dirixen os partidos do bipartidismo español sempre estivo aí a tentación de reeditar dalgunha maneira o pacto da LOAPA, o que eles consideran o peche do mapa autonómico, isto é, a aplicación ao Estado español da doutrina de Fukuyama da Fin da Historia.

A Fin da Historia para eles sería un Estado das Autonomías que se nos vendería como a estación término, un Estado das Autonomías concibido exclusivamente baixo a óptica dunha descentralización administrativa e da subordinación dos gobernos autónomos ás directrices emanadas do poder centralista.

Nese Estado sentiríase cómodo o PP, que xa anunciou que pensa recortar as competencias autonómicas, pero tamén o PSOE, que nesta lexislatura converteu a consigna da España Plural en puro papel mollado.

A verdade é que a España Plural que nos vendía o PSOE foi unha auténtica fraude política. En realidade, o réxime bipartidista español só concibe España como unha España Singular e Única, lóxica herdeira da patria común e indivisíbel que imaxinou no seu momento José Antonio e que con esas mesmas palabras -patria común e indivisíbel- acabouse convertendo en artigo da Constitución de 1978.

É neste sentido moi pertinente lembrar aquí que o grupo parlamentario que dá soporte ao Goberno do PSOE utilizou os seus votos para que o Parlamento do Estado nin sequera admitise a trámite a proposición de lei de reforma do Estatuto vasco aprobada polo Parlamento de Vitoria. Isto é un feito gravísimo que dá conta de até que punto é deficiente a calidade da democracia no Estado. Unha lei aprobada polo Parlamento vasco e que representa a vontade democrática e maioritaria dos seus cidadáns nin sequera foi tomada en consideración polo Parlamento estatal. Como se conxuga ese feito coa demagoxia coa que desde Madrid se nos adoita dicir que todos os proxectos políticos se poden defender en democracia?

Pódense defender formalmente, si, pero materialmente non, porque en última instancia as forzas políticas centralistas manteñen un veto antidemocrático ante calquera proposta que supoña a transformación cualitativa do actual marco político.

Co Estatut ocorreu non o mesmo, pero si parecido. O Congreso someteu ao texto aprobado polo Parlament a un recorte considerábel, co que o PSOE incumpriu o seu compromiso de que respectaría a vontade do pobo catalán. Pero non contentos con iso, os maxistrados designados polo PSOE no Tribunal Constitucional botaron mans das tesoiras e podaron os aspectos máis positivos do Estatut. O Estatut que finalmente sae do Constitucional é un pálido reflexo do texto aprobado en referendo polo pobo catalán, o que de novo pon de relevo o déficit democrático do Estado.

O veto do centralismo ás demandas de maior autogoberno sufriuno tamén Galiza cando o Goberno do Estado decidiu recorrer ante o Constitucional a Lei de Caixas que o BNG promoveu no Parlamento galego.

Esta Lei pretendía simplemente exercer con plenitude as competencias exclusivas que ten atribuídas Galiza en materia de caixas e pór estas entidades de crédito, ameazadas de absorción polo gran capital financeiro español, ao servizo do noso aparello produtivo.

A Lei de Caixas batía frontalmente co deseño de bancarización, desterritorialización e privatización das caixas de aforro pactado polo duopolio centralista que forman PP e PSOE.

Aquí, unha vez máis, vemos como a loita das nosas nacións polo seu autogoberno choca contra as políticas do centralismo español que, como ocorreu secularmente, levan aparellada a concentración do poder en poucas mans, por suposto privadas e por suposto con sede social en Madrid.

A posición de enroque ultradefensivo das forzas políticas centralistas non pode sosterse indefinidamente porque tropeza coas máis elementais e democráticas demandas dos nosos pobos. De continuar negando calquera tipo de avance e de continuar utilizando a Constitución como unha Dogma e o Tribunal Constitucional como o Tribunal do Santo Oficio, será inevitábel que na axenda política apareza a necesidade de discutir abertamente sobre a reforma da Constitución ou, o que é o mesmo, o nacionalismo terminará pondo sobre a mesa o debate sobre a soberanía.

A clave para nós, en todo caso, será sempre a mesma: sumar máis pobo, máis sociedade, ao noso proxecto político, como condición sine qua non para torcer a vontade do bipartidismo centralista.
Amigos e amigas

É unha constante da historia do Estado español que os procesos de recentralización e de concentración do poder prodúzanse en paralelo a políticas reaccionarias e antisociais. Non é casual que se ataque ao mesmo tempo o autogoberno e o Estado do Benestar. Os mesmos que pon en dúbida a viabilidade do sistema público de pensións, para maior gloria dos fondos privados, son os que deslizan tamén a idea de que o déficit público é incontido no Estado pola duplicidade de administracións, cando en realidade a evidencia empírica o que nos di é que o déficit público é basicamente estatal e ten como orixe non a prestación de servizos sociais e si o diñeiro entregado á banca.

En realidade, no Estado español neocentralismo e neoliberalismo son as dúas caras da mesma moeda.

Para os neoliberais, o Estado é un elemento fundamental para garantir a acumulación de capital en mans privadas, á conta dos traballadores, e a centralización do poder, á conta das nacións.

Por iso o nacionalismo, desde o noso punto de vista, é tanto unha opción a favor dos dereitos das nacións como unha opción a favor da profundización das conquistas sociais de traballadores, autónomos e pequenos empresarios, en definitiva, de todos aqueles que viven do seu traballo e non de explotar o traballo alleo.

Amigos e amigas

O noso gran desafío non é só negar o mundo dos neoliberais e dos neocentralistas, senón tamén afirmar a nosa alternativa, a alternativa dos que non nos resignamos, a alternativa dos que pensamos que este non é o mellor dos mundos posíbeis.

Non haberá cambio social mentres a xente non vexa ante si a perspectiva dunha transformación verosímil e posíbel das súas condicións de vida, mentres a xente non vexa ante si unha alternativa á lóxica neoliberal do sálvese quen poida.

O BNG traballa para construír esa alternativa.

Unha alternativa que, para ir adiante, ten necesariamente que construírse sobre a base da participación social.

Non podemos facer política como a fan quen apostan polo inmobilismo. Se somos distintos nas ideas, temos que ser tamén distintos na acción, na práctica diaria, na praxe. Se estamos por un proxecto popular e non elitista, temos que ser capaces de construír espazos de participación social, temos que ser capaces de facer real a democracia participativa pola que apostamos.

Volvo dicir: o neoliberalismo non só puxo en crise a economía, senón que subverteu e deturpou a Democracia. O noso proxecto pasa por enarborar a bandeira da Democracia e por honrar a súa etimoloxía. A Democracia é o Poder do Pobo. Non pode ser nunca unha comedia interpretada por marionetas ao servizo dos poderes reais.

A nosa alternativa pasa por unha reivindicación da acción dos poderes públicos fronte ao proxecto privatizador dos neoliberais.

Pasa por un sistema fiscal progresivo fronte ás vacacións fiscais para os ricos.

Pasa, por tanto, por perseguir a xigantesca fraude fiscal e por acabar cos paraísos fiscais.
Pasa por avanzar cara á xustiza social sobre a base de que paguen máis os que máis teñen.

Pasa por facer políticas económicas pensando na maioría social e non en asegurar o pago da débeda pública aos especuladores financeiros.

O que está a ocorrer agora mesmo é un escándalo. Báixanse os salarios, báixanse as pensións e increméntanse os ingresos -vía, por suposto, os impostos indirectos, como o IVE- co único obxectivo non de sanear as finanzas públicas, senón de garantir que o Estado vai manter os seus compromisos de pago da débeda pública coa banca internacional, cos especuladores financeiros.

E os especuladores financeiros tan felices: primeiro sálvaselles a vida e agora transfírenselles graciosamente as rendas que previamente o Estado obtén dos asalariados, os pensionistas e os contribuíntes do IVE.

Esta transferencia de renda de pobres a ricos, utilizando o Estado como intermediario, non a condenan os liberais de toda a vida!

É indignante que en 2010 sexa aínda certa a frase que pronunciou Rodrigo Rato en 1996 cando, pouco despois de tomar posesión como ministro de Economía, dixo aquilo de que en España os ricos non pagaban impostos.

É inaceptábel que o combate ao déficit público se faga non sobre a base de garantir que as rendas altas acheguen máis á facenda pública, senón sobre a base de subir os impostos indirectos, recortar os servizos públicos esenciais e reducir o salario dos empregados públicos, co efecto rebote coñecido nos salarios do resto dos traballadores.

A nosa alternativa, en cambio, pasa por facer orzamentos expansivos que reactiven a demanda, creen postos de traballo de calidade, invistan na mellora do aparato produtivo e en infraestruturas, aposten de verdade polo I+D+i e coloquen o acento na produción de valor engadido.

Pasa polo exercicio real do autogoberno. No caso de Galiza, pasa por exercer unha autonomía fiscal real, a que nos nega o Estado español. O sistema de financiamento actual condénanos á dependencia. Temos que romper as cadeas para gañar o futuro. Precisamos unha Axencia Tributaria Galega que nos permita dispor de recursos suficientes para dinamizar a nosa economía, reactivar os nosos sectores produtivos e prestar mellores servizos públicos aos nosos cidadáns.

Amigos e amigas

Non haberá recuperación económica mentres as rendas da clase traballadora -que é a que máis consumo achega á economía- non recuperen o espazo perdido durante os últimos anos a mans das rendas do capital.

As políticas dos neoliberais -rebaixas salariais, paro, pensións baixas- non só é que sexan inxustas socialmente, é que son antieconómicas e atrasarán sine die a saída da crise, ao deprimir a demanda e paralizar a actividade produtiva.
A nosa alternativa pasa por reducir o gasto militar e por retirar as tropas de Afganistán. Pasa por racionalizar a Administración pública e suprimir entes -como no noso caso, as deputacións provinciais- que non teñen xa ningún sentido nun Estado de base plurinacional.

Nós non participamos da visión de que o problema da economía está no mercado laboral. Non, onde está é no predominio absoluto do capital financeiro sobre o produtivo e na falta de control público sobre o sistema financeiro.

A nosa é unha alternativa ilusionante e pola que merece a pena traballar.

É a alternativa de quen pensamos que os dereitos non se regalan, senón que se conquistan.

Amigos e amigas

A perspectiva do BNG é a de avanzar con decisión cara ao pleno autogoberno. Por iso defendemos en solitario un Estatuto de Nación para Galiza. En solitario e fronte a un PP con prácticas agresivamente antigalegas e ante un PSOE que no seu máis recente conferencia política renunciou ao uso do termo nación, o que na práctica colócao no campo do PP.

En todo caso, non é a primeira vez na historia do noso País que os nacionalistas tiramos en solitario do carro. Así ocorreu na II República. Se conseguimos plebiscitar un Estatuto que nos puxo á altura de Catalunya e Euskadi non foi se non grazas á tenacidade e ao traballo dos nacionalistas que nos precederon, de Bóveda e de Castelao.

Dixen ao principio desta charla que o verdadeiro nacionalismo é sempre internacionalista.

Desde logo Castelao concibíao así: o Estado transformarase máis facilmente nun Estado democrático e plurinacional se os nacionalistas vascos, cataláns e galegos colaboramos na tarefa. É obvio que iso non obsta para que as nosas estratexias respondan as nosas realidades nacionais e que, polo tanto, non sempre poidan confluír en aspectos concretos. Pero hai algo fundamental que nos une: somos por definición forzas políticas democratizadoras porque o que pretendemos primeiro de nada é dar poder aos nosos pobos, que os nosos pobos se poidan expresar politicamente en liberdade plena. Esa conexión entre nós é a que debemos reforzar permanentemente e a que dá pleno sentido a presenzas como de Patxi Zabaleta no noso Día dá Patria Galega ou esta visita que hoxe realizo ao voso País en resposta á vosa amábel invitación.

Somos, repito, forzas democratizadoras no contexto dun Estado que aínda ten por aprobar a materia pendente do seu déficit democrático. Dígoo aquí en Euskadi, onde un sector da poboación aínda non se pode expresar libremente por aplicación dunha Lei que desde logo o BNG non votou no Congreso. E dígoo esperanzado con que o proceso de pacificación, a pesar das inevitábeis dificultades, se abra definitivamente paso en beneficio da plena normalización de Euskadi.

Amigas e amigos

Como forza nacionalista e de esquerdas, o BNG traballa por un Estado español verdadeiramente democrático e por construír tamén unha nova economía e unha nova sociedade que envíen ao faiado da historia esa reliquia chamada neoliberalismo.
Sabemos que Aralar traballa tamén nesas coordenadas e confórtanos, polo tanto, saber que non estamos sós.

E realmente é así: hai millóns de persoas no mundo que aspiran a unha realidade nova, sen opresión imperialista e sen explotación do home polo home.

Unha realidade na que non teñan cabida ataques xenocidas como os que sufriu este luns o pobo sahariano a mans dun Marrocos que se comporta como un fantoche brutal porque conta co apoio do Imperio norteamericano ante a inhibición cómplice do Estado español e da Unión Europea.

O nacionalismo é unha proposta para emancipar a Humanidade -á inmensa maioría- do xugo dunha globalización imperial que só interesa a unha inmensa minoría.

Cando unha nación se libera, a Humanidade enteira achégase un pasiño máis á súa emancipación.

A Historia está moi lonxe de chegar ao final que anunciou Fukuyama. O capitalismo neoliberal non ten solucións para os grandes problemas da Humanidade.

Non as ten porque o capitalismo neoliberal é o problema. Non hai que refundalo. Non hai que pórlle un rostro humano. Hai que superalo. Deixalo
atrás.

A Historia móvese porque a xente e os pobos loitan e non se resignan. Ao seu lado -ao lado dos que sofren, pero tamén ao lado dos que loitan- debemos camiñar sempre.

Moitas grazas.


12345 (Non valorado)
Loading ... Loading ...

Fai un comentario