Ou nós ou os amos do universo

Estes días teño utilizado a expresión «os amos do universo», alcuñada no seu día polo escritor norteamericano Tom Wolfe na súa novela A Fogueira das Vaidades, para referirme aos poderosos que gobernan o mundo. É ben mellor chamarlles así que chamarlles «os mercados». «Os mercados» é unha expresión abstracta e trampulleira, unha cortina de fume. Falemos claro: detrás dos chamados «mercados» están os sectores sociais de élite que controlan a economía mundial. Sectores sociais de élite que podemos identificar basicamente co capital financeiro, isto é, coa grande banca e cos fundos privados de capital. Eles son os que através de determinadas institucións de carácter supraestatal (o FMI, o Banco Mundial, a Comisión Europea) impoñen as políticas de axuste duro, neoliberal, aos gobernos e aos parlamentos.

Os Amos do Universo van a por todas. No Estado español van a polas caixas de aforro e a polo sistema público de pensións. Unha ofensiva antisocial sen precedentes. E ante iso só hai dúas opcións: ou a resignación ou a loita por transformar as cousas. Desde logo, as compañeiras e os compañeiros do BNG témolo ben claro. Eliximos a opción da loita, de non ficarmos de brazos cruzados. Por iso apoiamos a folga xeral convocada pola CIG para o 27 de Xaneiro. Porque non queremos ser cúmplices dun retroceso histórico nas condicións de vida da imensa maioría social. Xa está ben. Non hai ningunha xustificación para continuar metendo puñaladas nas costas aos sectores máis débiles da nosa sociedade. Non pode ser que a cobiza polo lucro desmedido duns poucos deteriore as condicións de vida da inmensa maioría da xente.

E o que non pode ser de ningún modo é que os Amos do Universo manden sobre os gobernos e sobre os parlamentos. O que está en crise non é só a economía, é a propia Democracia. Iso é o que está en xogo. Por iso o 27 de Xaneiro temos que movernos e proclamarmos que aquí ten que mandar a inmensa maioría -cada día máis empobrecida- e non unha minoría de privilexiados -cada día máis acaudalados.

Eu si que creo que lle podemos dar unha volta a isto. Polo BNG desde logo non vai a quedar.


12345 (7 votos, media: 5,00
Loading ... Loading ...

Fai un comentario