Intervención no cabodano da morte de Castelao en Rianxo

De seguido podedes ler a miña intervención no acto en homenaxe a Castelao o 7 de xaneiro deste ano en Rianxo, data na que lle rendemos homenaxe polo seu cabodano.

7 Xaneiro 2011

Compañeiras/os

Grazas por estar aquí, neste acto co que o BNG rende homenaxe a Castelao, do único xeito posíbel, reafirmando o noso compromiso co seu ideario, o noso compromiso con Galiza, co seu pobo; ao tempo que abrimos formalmente o ano político.

Un ano 2011 que seguirá marcado pola crise económica e as estarrecedoras consecuencias sociais que se están a derivar da aplicación, polos gobernos central e galego, das receitas económicas da dereita. Un ano marcado pola crise política que segue a vivir o noso país, non só cun nivel de autogoberno, que día sí, día tamén, se evidencia como insuficiente, senón tamén, pola falla de vontade do PP de exercer as actuais competencias, e menos aínda impulsar un maior nivel de autogoberno, en beneficio deste país.

Un ano no que, neste contexto, haberá eleccións municipais, e nas que, lexitimamente, aspiramos a obter un importante apoio, para gobernar nos concellos, tamén para defender unha saída social á crise.
Un ano que afrontamos coa convicción absoluta de que o BNG, é xustamente, parte fulcral na solución dos problemas do noso país, e no que seguiremos a combinar o traballo nas institucións, co diálogo e a mobilización social.

Unha situación difícil pero vencíbel

Compañeiros/as,

Non vos vou ocultar que temos que desenvolver a nosa actividade política nun contexto difícil. Difícil para moita xente que perdeu o emprego ou teme perdelo. Difícil para moitos mozos e mozas, condenados no mellor dos casos ao subemprego e a infrasalarios. Difícil para moitas mulleres, desprazadas do mercado laboral. Difícil para os pensionistas, aos que na práctica se lles reduce a pensión, namentres os prezos dos produtos básicos de consumo soben máis e máis. Difícil para moitos pequenos e medianos empresarios, sen acceso ao creto que precisan, ou incapaces de dar saída aos seus produtos nun contexto de recesión no consumo. Difícil para os autónomos. Difícil, en definitiva, para a maioría social deste país.

Unha situación difícil, pero vencíbel. É evidente que está a tomar corpo un bloque social disposto a defender os seus dereitos nacionais, laborais ou sociais. Disposto a enfrontar o presente e conquistar o futuro. Consciente da necesidade de derrotar a dereita económica e política. Un bloque social que, ao longo do pasado ano, fixo sentir a súa presenza na defensa do idioma, na sanidade pública, ou na folga xeral do 29 de setembro. Un bloque social que sabe que a solución aos problemas que estamos a vivir pasa necesariamente polo autogoberno, pola democracia, polo cambio radical da política económica.

Un bloque social que debemos esforzarnos en ampliar e cuxo referente político na Galiza só pode ser o BNG.

Hoxe, aquí, reafirmamos e selamos o noso compromiso con Galiza, o noso compromiso cos intereses da maioría social. E aseguramos que nin eu nin o BNG faltaremos a esta palabra. Non faltaremos!

Os amos do universo

Compañeiras, compañeiros,

A crise económica ten causa na ideoloxía neoliberal extremista. A solución é evidente que non pode vir da man dos que provocaron esta situación, máis ben xustamente virá do seu arrumbe no faiado dos trastos vellos.

Os donos das finanzas, os amos do universo como os definía Tom Wolfe na súa novela “A fogueira das vaidades” son os que mandan sobre as institucións democráticas. Os gobernos xa non ocultan que as súas políticas non as fan en función dos intereses dos administrados, senón dos dictados do gran capital financeiro, da gran banca, das grandes corporacións, convertindo así na práctica a democracia en “papel mollado”, en pura formalidade.

O FMI, ou a Comisión Europea, claramente hexemonizada por Alemaña e a súa banca dictan a política económica a seguir. Os gobernos, sexa o español ou o galego, simplesmente aplícana, ao tempo que inxectan resignación e derrotismo no pobo. Fabrican o ambiente social que leve á sociedade a aceptar como inevitábeis os recortes, o retallamento dos dereitos laborais ou sociais, como fórmula para garantir os beneficios dese “amos do universo”.

Indubidabelmente estamos a asistir a unha agudización da loita entre os intereses dos amos e os da maioría social. Intereses absolutamente antagónicos, e nesa batalla non é posíbel ser neutral ou ser equidistante. Moverse na ambigüidade non é posíbel. É necesario tomar partido e hai que dicilo con toda claridade. PSOE e PP elixen a defensa dos intereses dos amos. Nós eleximos poñernos de parte dos intereses da maioría social. É menos cómodo, pero é ético.

Un momento da ofrenda floral a Castelao

Se o goberno do señor Zapatero elixe estar coa oligarquía financieira, adoptando todas e cada unha das medidas esixidas: a suba da imposición indirecta, abaratamento do despido, redución de salarios, supresión das axudas públicas aos sectores máis débiles da sociedade, redución da contía das pensións, privatización de todo o que queda por privatizar (caixas, aeroportos…), ou suba de prezos por riba dos salarios. Elixe a aplicación dogmática do plano de estabilidade do control do défice público (menos gasto produtivo, menos gasto social) aínda que como consecuencia teña a destrución de emprego, o estancamento económico e un modelo de sociedade que nos fai retroceder 100 anos.

Propostas do BNG

Medidas inevitábeis, medidas valentes, din. Pois nós dicimos que nin inevitábeis, e menos aínda valentes. Por que inevitábeis? Que terá de valente cargar as consecuencias da crise sobre os máis débiles?
Hai outras medidas posíbeis e, por certo, esas sí valentes, como as que propón o BNG.

-Máis ingresos pola vía da reforma fiscal; quen máis ten paga máis. Especialmente os que teñen grandísimas fortunas.
-Control da fraude fiscal.
-Impulsar regras para o control da especulación financieira.
-Rematar cos paraísos fiscais.
-Banca pública que garanta o creto.
-Manter o gasto produtivo.
-Reducir o gasto improdutivo e o gasto militar. Fóra as tropas de Afganistán! Por moito que digan PSOE, PP ou o Rei, que lle pregunten á xente se prefiren que se reduzan as pensións ou o gasto militar! Supresión das Deputacións, etc

Medidas posíbeis, medidas valentes, medidas que axudarían a combater esta crise, a evitar a súa agudización futura, a construír un modelo social máis xusto, máis igual, máis equilibrado.

Nin inevitábel, nin valente. O Goberno Zapatero limítase a facer política económica de dereita, a desarmar ideoloxicamente a sociedade, a inocular a resignación e a desesperanza. Triste papel.

Compañeiros, compañeiras,

As pensións públicas sufrirán, se non o impedimos, un novo recorte. Un recorte inxusto e inxustificado. Inxusto porque estamos a falar de pensións, na súa maioría, de mínimos, inxustificado porque a hipotética quebra do sistema é unha hipótese tan interesada como falsa. Tan interesada e falsa como o era á altura de 1994. Diminuír a contía, traballar máis anos é unha puñalada máis aos sectores populares que non só pretende diminuír o gasto público, senón derivar máis recursos ao negocio privado, a traveso dos fondos de pensións.

Pensións máis baixas

Unha medida especialmente perxudicial para Galiza, onde as pensións son máis baixas que no conxunto do Estado. Onde a pensión media está en 730 euros. Como vedes, de luxo!

Si, o BNG, oponse a este novo atropelo e chamamos á sociedade galega a oporse con nós. Atrévome a chamar ás forzas políticas a reconsiderar a súa decisión de retallar as pensións, nomeadamente ao PSOE, tamén ao PP. Atrévome a apelar á conciencia dos deputados e deputadas, dos senadores e senadoras. Pero, como poderán durmir tranquilos apoiando medidas coma ésta?

Como chamamos ás forzas sociais, nomeadamente, ás sindicais a actuar xa, decididamente, contra este retallamento. Non hai nada que esperar, simplesmente hai que impedilo antes de que sexa inevitábel.
Non facer todo o posíbel por impedilo só será simple complicidade.

Compañeiros e compañeiras,

Na Galiza, a política da dereita tamén se impulsa dende o Goberno Galego. Iso sí, sen necesidade de trasvestirse ideoloxicamente. O goberno do señor Núñez Feijóo, por moito que se empeñen os seus aduladores, é un goberno que amosa tanta impotencia como incompetencia. Un goberno fracasado. Un goberno ausente frente aos problemas deste país.

Nin demanda de máis autogoberno, nin proposta algunha frente á crise económica, frente ao paro.

Mais o autogoberno non é a prioridade, din, porque o que hai que resolver son os problemas da xente, e frente aos problemas da xente, tinta de calamar, ausencia.

Tinta de calamar, desaparecer do cenario, impotencia. Non poden facer nada. Claro que calquera se podería preguntar: Se non poden facer nada, entón para que están no goberno?

Balance estarrecedor do goberno do PP

Mírese como se mire, un balance estarrecedor. A lingua, a cultura, a identidade galega como obsesión, como obxectivo a bater. Polo demais: desmantelamento do Sistema Galego de Benestar, redución do gasto social, parálise do concurso eólico para adxudicar aos amigos, amnistías aos infractores urbanísticos, canon da auga, desvío dos fondos da sanidade pública para beneficio privado, inacción na práctica frente ao decreto do carbón, renuncia á defensa de sectores produtivos básicos como o lácteo. Nen sequera houbo un xesto durante a presidencia semestral da UE polo Goberno español, complicidade co Goberno central no incumprimento dos compromisos en materia ferroviaria – de xeito que se tarda o mesmo tempo, unha hora e media, en facer o percorrido Ferrol-A Coruña e Madrid-Valencia-, etc, etc… e así podemos seguir.

Hai un ano, eu dicía aquí que pouco podíamos esperar dun goberno que fiaba a recuperación económica ao Xacobeo (complementada despois pola visita papal) dicía que aos santos podíanselle pedir moitas cousas, agás substituír a incapacidade, a falla de compromiso dun goberno, do goberno do PP.

Un ano despois, tiñamos razón, pasado o cacarexado efecto Xacobeo, o paro estase a incrementar por riba da media estatal, o número de parados e paradas está máis desbocado ca nunca. Os meses de novembro e decembro deixaron enriba da mesa do goberno do PP 14.00 parados e paradas máis. As afiliacións á Seguridade Social caeron en decembro en 8000 persoas. Entre os anos 2009 e 2010 pecharon 4.500 empresas e hai 100.000 afiliados e afiliadas menos á Seguridade Social.
É a evidencia do fracaso do Goberno do señor Núñez Feijóo, o mesmo que prometeu resolver a crise en 45 días. Un fracaso que, de estar hoxe na oposición, o PP atribuiría día si, día tamén ao goberno galego, ou non?

Compañeiros, compañeiros,

Este ano, en maio, haberá eleccións municipais. O BNG aspira lexitimamente a gobernar nos concellos deste país. Gobernar para mellorar a calidade de vida das persoas, sendo conscientes, como somos, das dificultades ás que nos enfrontamos. Gobernar para contribuír a impulsar unha saída fiscal á crise. Gobernar para facer dos concellos axentes de dinamización económica. Gobernar para contribuír a paliar a exclusión social. Gobernar para promover a nosa lingua e a nosa cultura. Gobernar ou ser oposición tamén nos concellos, comprometidos coa maioría social, con Galiza.

O BNG é garantía frente á política do PP. Ese PP que seica quere levar aos concellos a política fracasada da Xunta. Santo ceo! Que promoveu mocións de censura ilexítimas. Ese PP, disposto a incluír tránsfugas nas súas listas. Ese PP ao que a súa ética política acábaselle en Benidorm.
Si, o BNG é a garantía frente á política do PP. O éxito do BNG nas municipais é a chave do fracaso do PP. Sábeno eles, sabémolo nós.
Invítovos a conseguir o éxito do BNG, a adicar todos os esforzos, todos!

Compañeiros, compañeiras,

Este ano celebramos o 125 aniversario do nacemento de Castelao. Para nós, un mestre. Castelao simboliza a causa nacional. Simboliza a loita do pobo galego por existir, no Estado, en Europa, no mundo. Simboliza unha visión do mundo radicalmente democrática, sen colonizadores e sen colonizados.

Ese Castelao radicalmente antiimperialista, defensor da economía produtiva frente ao capital financieiro, sabedor de que a mellora das nosas condicións materiais só pode vir da man do autogoberno real. Segue a ser para nós fonte de inspiración, exemplo a seguir. E por iso honrámolo, frente ao intento de manipular a súa figura, o seu pensamento. Frente ao intento descarado do PP de sepultalo baixo7 lousas, impedindo que os galegos e galegas coñezan a súa obra, o seu significado.

Compañeiros, compañeiras,

A pesar das dificultades hai alternativa, hai esperanza. É posíbel un futuro mellor para o noso país. Temos folla de ruta e decisión de conquistalo.

Non hai esperanza dende a acomodación ou a resignación. Por iso, a pesar de que os altofalantes dos poderosos tentan convencernos, de que a oposición, a mobilización contra a política da dereita está condenada ao fracaso, nós (eles tamén) sabemos que non é así.
Por iso promovemos propostas nas institucións, apoiamos as mobilizacións frente a esta política antisocial, nomeadamente, as convocadas polo sindicalismo nacionalista.

Na convicción de que a resignación só fará que os “amos do universo” e as súas terminais políticas esixan cada día máis sacrificios á maioría para garantir os seus beneficios, na convicción de que sí é posíbel e tamén necesario derrotalos.

Compañeiros, compañeiras, pola democracia, o autogoberno e o benestar loitou toda a súa vida Castelao. Nós seguimos o seu exemplo. Por Galiza, adiante co BNG!

Un momento da ofrenda floral a Castelao


12345 (Non valorado)
Loading ... Loading ...

One Trackback to “Intervención no cabodano da morte de Castelao en Rianxo”

Fai un comentario