Salvemos o aforro galego. Non á privatización!

Estamos en plena batalla política para salvar o aforro galego. Batalla política, si, porque isto vai de política, isto non ten nada que ver nin con cuestións técnicas nin con cuestións económicas. Aquí hai unha decisión política do Goberno do Estado que consiste, en primeiro termo, en dinamitar as competencias exclusivas de Galiza en materia de caixas e, en segundo lugar, en entregar o aforro galego en bandexa de prata á banca estatal e internacional. Todo isto de acordo co deseño do Fondo Monetario Internacional e da señora Merkel, que son -non o esquezamos- os que toman as decisións que logo acriticamente se ocupa de aplicar aquí o Goberno do Estado.

A CAIXA GALEGA É VIÁBEL

Claro que a caixa galega é viábel! Se o era hai un mes, éo tamén agora. Se non fose viábel por que ían mudar as regras do xogo a metade da partida? Se non fose viábel por que ía resultar un bocado tan apetitoso para a grande banca, que xa ten manifestado que está disposto a facerse con el, e non é nada que nos deba admirar demasiado: estamos a falar do 50 por cento dos depósitos e do 50 por cento dos créditos das galegas e dos galegos. Por certo, se non é competitiva a caixa galega, por que dispón dunha cuota de mercado do case o 50 por cento? Claro que é competitiva: precisamente por iso a queren sacar do medio.

INTENSA CAMPAÑA SOCIAL

Como é unha batalla política, o BNG vén de lanzar unha intensa campaña social para que a sociedade galega tome conciencia do que está en xogo. Unha campaña que leva por título Salvemos o Aforro Galego. Non á privatización e que nos vai levar a concentrarnos este xoves nas cidades da nosa nación.

E como é unha batalla política, temos demandado un Acordo Nacional de todos os axentes sociais e políticos de Galiza en defensa do noso aforro. E temos demandado tamén ao presidente da Xunta de Galiza que exerza como tal e que se poña ao frente da sociedade galega para blindar o noso sistema financeiro e para garantir que a) a caixa se manteña como tal, como entidade semipública e submetida ao control público do Parlamento de Galiza b) a caixa manteña en Galiza o seu centro de decisión e c) a caixa envorque todos os seus esforzos en financiar a economía produtiva do País.

En definitiva: caixa si, privatización non.

E para que este slogan se materialice, desde logo que o presidente da Xunta debe plantarse ante o Estado e debe deixar claro que co aforro das galegas e dos galegos non se xoga.

Claro que o presidente da Xunta ten bazas que xogar. Non pode o señor Feijóo conformarse con interpretar aquí o papel de tertuliano. Ten que exercer as súas competencias. A saber:

1. Como presidente do PP de G, ten que garantir que o seu partido votará nas Cortes Xerais do Estado contra o decreto que prepara o Goberno do PSOE para privatizar a caixa galega.

2. Como presidente do Goberno de Galiza ten que ir preparándose para un duplo escenario. O primeiro é o de ir deseñando un recurso de inconstitucionalidade contra un decreto que moi probabelmente invadirá o espazo competencial exclusivo de Galiza. O segundo é o de ir explorando a hipótese de impulsar a mobilización de recursos públicos para garantir que a caixa se manteña como tal.

Quero determe neste último punto. É curioso comprobar aquí como se demoniza o uso de recursos públicos para manter as caixas como entidades sociais e, como en cambio, se quere presentar como natural e desexábel o uso deses mesmos recursos para colocar as caixas en disposición de seren vendidas a prezo de saldo aos bancos.

Menos hipocresía por favor!

Ou é que non sabemos que Alemaña investiu inxentes cantidades de recursos públicos para salvar as súas caixas? Por que Merkel pode salvar os seus móbeis e nós non os nosos?

O Goberno de Galiza debe actuar como tal, como o Goberno dunha nación que pon os seus intereses primeiro, exactamente o mesmo que fai a señora Merkel.

É UNHA BATALLA QUE PODEMOS E DEBEMOS GAÑAR

Esta é unha batalla política e podemos e debemos gañala. Non debemos dala por perdida de antemán. Non debemos aceptar as regras trucadas nin as trampas que nos colocan no camiño.

Esta é unha partida na que xoga dun lado a sociedade galega -só un dato: o 90 por cento das pemes galegas teñen créditos coa caixa- e doutro lado a gran banca privada española e internacional e os seus aliados políticos.

E é unha partida que sinxelamente non podemos perder.

E é unha partida que se verdadeiramente queremos todas e todos (forzas políticas, sociais, sociedade civil, medios de comunicación…) non perderemos.


12345 (2 votos, media: 3,00
Loading ... Loading ...

2 Comentarios to “Salvemos o aforro galego. Non á privatización!”

  1. Boas Guillerme,

    A mín máis cas caixas preocúpame moito o decreto do carbón. O governo de España castiga a Galicia por ser productiva, por ser limpa e por cumpli-la lei e felicita a outras comunidades por facer xusto o contrario, e o peor é ter que ler en diarios e xornais doutras comunidades coma o ministro de industria, que non ten a vergoña de vires eiquí, vai falando da insolidariedade galega, de que nos opoñemos por manía e que non temos razón ningunha, casi nin o beneficio da dúbida. Crexo cas ultraxes do PSOE ao noso país son moitas nos derradeiros anos e que o bloque tería que lle falar claro aos galegos de cara ás municipais, Galicia debe dicirlle non ao PSOE e sí o BNG, a esquerda galega debe de ser nacionalista porque a non nacionalista é antigalega.

    Gústache ou non che gusta: Thumb up 0 Thumb down 1

  2. Trackbacks

Fai un comentario