Declaración «Nucleares, non. Solidariedade co pobo xaponés»

Eis a declaración que lin, en nome do BNG, esta semana na praza do Obradoiro, en solidariedade co pobo xaponés e rexeitando a enerxía nuclear.

O Bloque Nacionalista Galego quer reiterar hoxe a súa máis profunda solidariedade co pobo xaponés ante a enorme traxedia humana que o afecta desde o pasado 11 de marzo.
A combinación do terremoto, tsunami, e a catástrofe nuclear que estes fenómenos naturais desencadearon teñen colocado o pobo xaponés ante unha durísima proba.
O BNG fai votos para que se salde cos menores danos humanos posíbeis.
Agardamos de todo corazón que a catástrofe nuclear, un gravísimo accidente en cámara lenta que está aínda lonxe de se ter superado, se resolva canto antes nun sentido positivo e que provoque a menor afectación para as vidas humanas e para o medio ambiente.
A catástrofe de Fukushima ten colocado, máis unha vez, o debate nuclear na axenda política. Volve poñer de manifesto o risco que representa a enerxía nuclear para a saúde das persoas frente ao negacionismo. E tennos feito ás e aos nacionalistas galegos revivir escenas e imaxes de hai décadas.
Como esquecer a oposición á nuclear en Xove.
Como esquecer as mobilizacións para impedir as verteduras de residuos nucleares na foxa atlántica?

Amigas e amigos,
O nacionalismo galego sempre, absolutamente sempre, dixo Nucleares, non!
E é tan así que hoxe podemos lexitimamente enorgullecernos de que se Gailza non ten unha central nuclear no seu territorio, iso foi e é pola oposición firme e contundente que o nacionalismo galego realizou a cantos intentos houbo de chantar no noso País un monstro como o de Fukushima.
Non queremos nucleares, nen en Galiza, nen no resto do Planeta.
É unha enerxía que só lle interesa aos grandes oligopolios eléctricos. Producir electricidade barata para vendela a alto prezo. Non é unha enerxía segura e non é aceitable que o beneficio sexa o norte.
Dísenos que non hai risco cero nen coa nuclear nen con ningunha enerxía . Mais hai riscos e riscos. Porque coa enerxía nuclear un só accidente é máis que suficiente para arrasar miles de vidas humanas e para destruír un territorio durante anos e anos.
Nucleares, non!
Antes Harriburg, Chernobil, agora Fukushima. A radiación afecta ás persoas. No Xapón xa se anuncian perímetros de quilómetros e quilómetros onde non será posíbel vivir durante moitos anos. Os vertidos radiactivos ao mar terán tamén consecuencias graves.
O BNG conseguíu coa súa tenacidade política que o 8 de setembro de 2006 o Parlamento Galego declarase Galiza país desnuclearizado, unha declaración de enorme valor simbólico e político.
Unha declaración coa que estou certo se recoñece a inmensa maioría das galegas e dos galegos. Unha declaración na que conven reafirmarse.
Non só no ámbito do Parlamento, senón tamén no municipal. É necesario reafirmarse porque non podemos descoñecer a decidida intención do lobby eléctrico de construír novas centrais nucleares.
Non podemos descoñecer o decidido apoio do PP á enerxía nuclear, nin tampouco o cambio de posición do goberno socialista ao respeito.
Non podemos ignorar que a campaña de presión a favor das nucleares, hoxe amortecida pola evidencia do que supón para a saúde un accidente nuclear, volverá con máis forza.
E só será posíbel frear a implantación destas bombas de reloxería no noso territorio coa firme oposición da maioría social.
Por iso, frente á desinformación e as medias verdades, é necesaria a información veraz e o debate aberto. E o que impulsarmos dende unha posición responsábel de futuro dende o BNG.
A sociedade galega ten dereito a coñecer quen defende o País da ameaza nuclear e quen, no canto de facer iso, está máis preocupado por defender a conta de resultados das grandes compañías eléctricas.
Chamarannos idealistas e preguntaránnos cal é a nosa alternativa á enerxía nuclear. Hai posibilidade certa de diminuír o consumo eléctrico, sen afectación importante na calidade de vida a posibilidade de apostar polas enerxías limpas, as renovábeis. E non o dicimos por dicir. Dicímolo porque así o fixemos cando tivemos responsabilidades de goberno deste País. Impulsamos desde a Consellaría de Industria o desenvolvemento do sector eólico de Galiza. Non só para crear postos de traballo e para consolidar un importantísimo sector industrial no noso País, senón tamén para reducir a dependencia dos combustíbeis fóseis e para escorrentar a ameaza da enerxía nuclear.
Iso é o que fixemos nós.
Que fai o Partido Popular?
Pois primeiro, despregar mentiras masivas e segundo paralizar e liquidar o concurso eólico, un concurso declarado legal pool TSXG.
Non lles interesa este sector para desenvolver a industria, criar postos de traballo e apostar por enerxías limpas. Interésalles só para regalar megavatios aos seus amiguetes. Unha política enerxética, a do PP, contradictoria, errática: Porque, comos e pode apostar pola enerxía nuclear, e a renovábel ao mesmo tempo?
Canto maior gravidade atinxe o accidente de Fukushima, menos información clara recebemos do que alí acontece.
Resulta penoso ver como o Goberno xaponés anda a remolque dunha empresa privada, a dona da central sinistrada. O que estaríamos oindo se a central fose pública! Que alegatos se estarían a facer contra o sector público! Que cánticos se faría sobre as indubidábeis vantaxes da xestión privada! Porque é a empresa a que decide sobre como combater o accidente; a que informa dos danos… un desvarío.
Resulta penoso ver como non nos podemos fiar da información do Goberno porque non podemos fiarnos da información da empresa cuestionada polos organismos internacionais.
A opacidade comeza a ser total.
Debemos denunciala como cidadáns e cidadás.
Temos dereito a saber que pasa.
Como tamén temos dereito á máxima transparencia informativa por parte das autoridades do Estado español, agora que se coñece que materiais radiactivos procedentes de Fukushima teñen chegado xa á Península Ibérica.
Nós, desde logo, non alimentaremos ningún alarmismo irracional, pero si queremos información veraz e en tempo real por parte dun Goberno español que fica mudo.
Amigas e amigos
Quero concluír reiterando a solidariedade profunda do BNG co pobo xaponés, un pobo cuxa historia moderna -imposíbel non lembrar Hiroshima e Nagasaki- está marcada a sangue e lume polo enorme poder destrutivo da enerxía nuclear.
E quero afirmar con toda solemnidade que o BNG opúxose e oponse sempre á enerxía nuclear, para Galiza a para o resto do planeta.
Porque a enerxía nuclear non é a solución. É, xustamente, o problema.
Moitas grazas


12345 (Non valorado)
Loading ... Loading ...

Fai un comentario