Intervención na Convención Electoral Municipal

O 26 de marzo reunímonos en Santiago de Compostela para celebrar a Convención Electoral Municipal do BNG. Alí demostramos a forza do BNG. Velaquí reproduzo a miña intervención neste foro.

Compañeiros, compañeiras, boas tardes
Moitas grazas a todos e todas por estar aquí, nesta Convención Nacional. Grazas polo voso compromiso e polo voso traballo.
Non hai dúbida, a vosa presenza evidencia que aquí está o BNG. Como o demostran tamén os candidatos e candidatas que acaban de intervir.
Hai alternativa! Hai proxecto! Hai solucións! Claro que sí!
Grazas a todas e cada unha das persoas que formades parte das listas do BNG: do primeiro ao último reserva. Listas renovadas case nun 50%.
E, permitídeme que, de xeito especial, agradeza a súa contribución ás persoas que por primeira vez se incorporan ás nosas candidaturas. Tamén aos mozos e mozas. Sodes a mellor demostración de que hai nazón! Hai BNG! Hai futuro!
Compañeiros, compañeiras:
O BNG afronta as eleccións de maio con toda confianza, con vocación e posibilidades certas de gobernar en moitos concellos. Sabendo que hoxe somos unha forza política en ascenso e por iso, sen dúbida, sí saímos a gañar este partido!
Comprometidos, sen medias tintas, cos intereses de Galiza e da súa maioría social. Comprometidos co noso idioma, coa nosa cultura, coa sanidade e o ensino públicos, coa defensa dos nosos sectores produtivos.
Por que é tempo de compromiso, tempo de elexir campo.
Eleximos estar do lado da xente e dos seus problemas.
Porque, compañeiras, compañeiros: os problemas das persoas son os nosos problemas.
A defensa de políticas econóicas e sociais a favor das persoas é a nosa tarefa. A favor das persoas, sí, porque da defensa dos Botín ou das grandes corporacións xa se ocupan outros. Xa se ocupan o PSOE e o PP.
Compañeiras, compañeiros, as eleccións municipais vanse celebrar no marco dunha profunda crise económica e social, sen que se vexa a luz ao final do túnel.
Os gobernos central e galego comparten e aplican as mesmas receitas, receitas de dereita:
-Privatización do sector público
-Diminución do gasto social
-Retallamento de salarios e pensións
-Suba de prezos
Receitas de dereitas onde o único que importa é «tranquilizar» a eses anguriados banqueiros, pobriños eles!
Políticas que nos condean ao paro e á emigración, como nos vellos tempos do «vente a Alemania, Pepe».
Por iso, e máis necesario ca nunca facer políticas a favor das persoas. Para iso queremos gobernar e gobernaremos os concellos.
Concellos activos contra o paro, activos contra a desigualdade, activos na protección dos máis débiles, activos na defensa do idioma e a cultura.
E eu pregúntovos: quen senón o BNG? Quen?

Compañeiras, compañeiros, non hai nigunha dúbida -e menos despois da brillante intervención de Carlos Aymerich no Debate do Estado da Nación- o BNG é a única alternativa frente ás políticas de dereitas, frente ao PP.
Ese PP que nada menos quere levar aos concellos a política que fai na Xunta. Pois estamos aviados!
Esa política de «facer máis con menos» que só ten de certo… que fan menos.
Levar aos concellos a mesma incompetencia que demostran na Xunta frente ao paro, ou acaso queren extender o modelo PP nas Deputacións, ese sí, capaz de xerar emprego poñendo 40 porteiros para dúas portas.
Pero que poden esperar os galegos e galegas do PP nos concellos? Ese PP tan experto na utilización do lixo, da mentira masiva como arma política, como incompetente para resolver os problemas da xente.

Si, señor Feijóo, lixo e mentira masiva. Por se non estivera claro, (que o estaba) o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acaba de sentenciar que o decreto eólico, impulsado polo BNG, é ABSOLUTA E TOTALMENTE LEGAL, PUNTO POR PUNTO.
Poñendo aínda máis claro que o PP mentiu, e o que é peor, mentiu sabendo que mentía co único fin de facer un novo concurso eólico, esta vez sí, para darlle o noso vento aos seus amiguetes e amigotes.
Señor Feijóo, por hixiene democrática, cando menos, pida perdón. Xa non ao BNG, xa non a Fernando Blanco, pida perdón aos galegos e galegas por mentirlles.
Iso sí, con propósito de enmenda, porque seguen dalle que dalle!
Por hixiene democrática, cese aos autores da campaña de difamación. Ou mellor, césese a sí mesmo e acabamos antes!

Compañeiras, compañeiros, afrontamos estas eleccións tamén coa confianza que nos dá ter os deberes feitos.
A xente sabe que alí onde goberna o BNG as cousas cambian para ben. Sabe que somos quen de construír concellos para vivir e traballar e, o que é máis importante, concellos dos que se sinten orgullosos os veciños e veciñas.
E construíndo concellos democráticos, participativos, galegos… construímos país, nazón.
Concellos de premio! O labor dos gobernos do BNG é xa recoñecido por todo tipo de institucións. De Boiro a Pontevedra, de San Sadurniño, a Vigo.
O noso aplauso para os alcaldes e alcaldesas, para os equipos de goberno, para todos os nosos concelleiros e concelleiras.

Compañeiras, compañeiros, somos a alternativa. Frente á privatización das caixas, frente ás políticas económicas antisociais, frente aos lobbys eléctricos tan interesados na enerxía nuclear e aos lles volvemos dicir como sempre fixo o nacionalismo: NUCLEARES NON! Frente á nova guerra económica en Libia, por moito que a queiran disfrazar de guerra humanitaria -haberá guerras «humanitarias»?- o que hai máis unha vez son intereses económicos: petróleo!
Nunca unha queimadura se tratou botándolle enriba auga fervendo!
E teño que dicilo: estou orgulloso de ser do BNG, orgulloso de estar representado no Congreso por Paco Jorquera e Olaia Fernández, quenes con dignidade dixeron alto e claro: GUERRA NON!
Compañeiras, compañeiros, somos un gran pobo! Tan traballador, preparado e emprendedor como o que máis. Só temos que confiar en nós mesmos. Seguindo a Castelao, só temos que perder o medo a voar sós! Sacudirnos de enriba as casposas políticas centralistas de dereita. E temos unha boa ocasión o 22 de maio.
Somos a alternativa á dereita!
Co esforzo, coa decisión, todos a unha, defendendo sen complexos na sociedade a alternativa do BNG, frearemos as divisións panzer do PP! Frearémolas!
O éxito do BNG é o fracaso do PP!
Compañeiras, compañeiros, ninguén nos axudará, mais co BNG a tope somos imparábeis!
Ánimo! Adiante! Decisión de vencer! Viva Galiza! Viva o BNG!


12345 (Non valorado)
Loading ... Loading ...

Fai un comentario