Mércores, 18 de maio

Aquí estou de novo. Aí abaixo hai unha foto miña viaxando no coche. Pareceume moi oportuno inserila porque resume o que é unha campaña. Coche para un lado e para o outro a maior parte do tempo. Hai unha axenda que cumprir e tamén un pais que percorrer, o noso, Galiza. Así que a primeira casa en campaña electoral é o medio de transporte. Neste habitáculo é onde podo pensar, escreber, preparar os actos, ler, meterme no ordenador, twittear ou bloggear.

Vin o que dixo Feijóo de que ía crear emprego. Vou ser moi resolutivo: paréceme un insulto á intelixencia dos galegos e das galegas dicir que vai crear emprego despois da situación de medre do paro en Galiza desde que el está na Xunta. Que fixo até agora? Direino moi escuetamente, nada. Limitarse a comentar, a empregar a súa habitual coletilla de culpabilizar ao Goberno central de todo, e non actuar cando podía ter feito moitas cousas.
E o de Baltar no mitin de Morgade, non me digades que non é vergoñento. Son a caverna. E non é un verso solto, é pura cepa PP. Por que Feijóo non o desautoriza? Por que non o bota do partido?. É a viva expresión de como concibe o PP a democracia, con métodos propios do feudalismo, co Señor feudal e o vasalo. Debemos mellorar a calidade da democracia, levamos moito tempo dicindo o mesmo. O sistema democrático precisa dunha rexeneración.

Compartimos moitas das cuestións que os mozos e mozas están a reivindicar coa súa rebeldía nas prazas de diferentes puntos do Estado, e que o BNG leva tempo reclamando. Pero non esquezades que é moi importante actuar. Rebelarse e indignarse é algo necesario pero é preciso votar. Votade a unha forza de esquerdas e galega, votade ao BNG.


12345 (1 votos, media: 5,00
Loading ... Loading ...

Fai un comentario