24 e 25: vémonos en Santiago!

O Bloque Nacionalista Galego convoca este Día da Patria Galega 2011 baixo un lema ben suxestivo: Estamos con Galiza, a favor do pobo. Soberanía, Democracia e Traballo. Estes días estamos a realizar unha intensa campaña con actos en vilas e cidades nas vésperas da grande manifestación nacional que como é tradición convocamos para o 25 de Xullo (12 horas, Praza da Alameda, Santiago). Agardo vervos a todas e a todos vós en Santiago. Non só o 25, que tamén, mais tamén o 24, co Festigal (comeza ás 11 horas e dura 48 horas!) e a homenaxe a Rosalía e Castelao (17.15 horas, Panteón de Galegos Ilustres).

Este Día da Patria Galega vaise celebrar nun contexto claramente marcado por unha crise que eu non dubidaría en cualificar de sistémica. A súa orixe remite para a aplicación de políticas neoliberais por parte de gobernos de distinta cor. Ocorre que eses gobernos aplican, para supostamente resolver a crise, as mesmas políticas neoliberais, de dereita, que a provocaron. Obviamente, por aí non van a ningures, máis que a destruír máis tecido produtivo e a desequilibrar aínda máis a relación entre Capital e Traballo.

A esta crise de carácter xeral únese a situación concreta de Galiza, caracterizada pola súa dependencia secular. A crise ten agravado todos os males que aqueixan o noso País, males que teñen basicamente a ver coa falta dun poder político propio que poda desenvolver todas as nosas potencialidades como pobo. O estado no que se acha Galiza, téñoo dito en máis dunha ocasión, é de “emerxencia nacional”: temos os sectores produtivos baixo mínimos, o declive demográfico fainos pesar cada día menos no Estado, voltamos a sofrer o andacio da emigración (nomeadamente de mozas e mozos ben cualificados) e acabamos de ver como se producía o espolio do noso aforro, tal e como o BNG xa advertira, ao consumarse a bancarización da caixa galega.

Os partidos estatais non teñen solucións para os nosos problemas, porque eles e as súas políticas son parte deses problemas. Só desde nós mesmos virán a ter arranxo. O nacionalismo, desde unha posición claramente de esquerda, é a única Alternativa en Galiza porque é portador do único proxecto que aposta claramente por rachar a dependencia -porque as decisións que nos afecten se tomen aquí e non a miles de quilómetros- e por pór as políticas ao servizo do pobo e non dos poderosos.

A chave está, portanto, inscrita no propio lema co que convocamos este Día da Patria: Soberanía, Democracia e Traballo. Un programa ben suxestivo ao que se pode e se debe sumar a inmensa maioría do noso pobo.


12345 (Non valorado)
Loading ... Loading ...

Fai un comentario