Intervención no cabodano de Castelao, Rianxo, 7 de xaneiro de 2012

O pasado 7 de xaneiro celebramos en Rianxo, como todos os anos, o cabodano da morte do grande Alfondo Daniel Rodríguez Castelao. Alí estivemos acompañados polo alcalde da vila, o nacionalista Adolfo Muíños.
Velaquí vos deixo a miña intervención nese fermoso acto no que lembramos a Castelao nunha luminosa mañá de sábado.

Compañeiros, compañeiras, amigos, amigas,
Bos días

Grazas por estar aquí, neste acto xa tradicional, organizado polo BNG. Como cada 7 de xaneiro, ao tempo que rendimos homenaxe a Castelao, ao pai do nacionalismo moderno, abrimos formalmente o curso político. E quixera subliñar que, por primeira vez, este acto, nesta vila de Rianxo, celebrámolo sendo alcalde un nacionalista, Adolfo Muíños. Se é un motivo de satisfacción para todos e todas nós, seguro que tamén o sería para Castelao.

Amigas, amigos

Comezamos este 2012, con pouco que celebrar, con moito por traballar, por construír.
Galiza está inmersa nunha crise económica, social, política do propio sistema democrático, sen precedentes nos últimos decenios, nunha situación de auténtica “emerxencia nacional”.

AUSENCIA DE SOBERANÍA E AUTOGOBERNO

As políticas económicas dictadas polo capital financieiro e unha UE, hexemonizada pola Alemaña da emperatriz Merkel e aplicadas sumisa e acriticamente polos gobernos de Feijóo e Rajoy, agrávanse na Galiza da man da falla de soberanía, da capacidade real de autogoberno.
Certamente, tamén da man dun goberno do PP que non cre neste país e actúa en consecuencia como simple delegación do Goberno central. Un factor que agudiza esta situación, pero que non debe impedir ver o problema de fondo: non contamos con soberanía real, máis necesaria ca nunca, no contexto actual “globalizado”.

Compañeiras, compañeiros:

É necesario formular alternativas que nos poidan encamiñar na busca dunha saída a unha situación que empeora cada día. É necesario, pois, analizar a realidade tal cal é, por dura ou difícil de enfrontar que sexa e actuar en consecuencia.

A dictadura dos mercados estáse a impor, convertindo a democracia en pura formalidade sen contido, eliminando a soberanía dos pobos, impoñendo un marco de actuación global a medida, exclusivamente, dos seus intereses. Dicta e impón os marcos e as regras do xogo que lle permiten alcanzar mellor o seu obxectivo único: o beneficio, a acumulación de riqueza a costa, por descontado, do benestar social.

FÁBRICAS DE CRETINIZACIÓN SOCIAL

Os gobernos actúan ao seu servizo, as fábricas de cretinización social repiten machaconamente unha idea-forza: “O que é bo para o capital financieiro, é bo para todos”.

Non hai, pois, segundo din, outro modelo, outra saída que encadenar o noso destino ao seu. É dicir, deixar que nos conduza mansamente ao cadalso o noso propio verdugo.

Sen embargo, a realidade é que os intereses dos “amos das finanzas” e os intereses dos pobos, das nacións non son conciliábeis son, xustamente, antagónicos.

Non pode servir, pois, este modelo para os pobos, para as nacións, o mesmo edificio global atraveso do que, sen control algún, impoñen os seus dictados e amorean con máis facilidade a riqueza.

Buscar unha alternativa, unha saída galega e social á crise do neoliberalismo implica, inevitábelmente, necesariamente, cuestionar as bases sobre as que se asenta este modelo.
Por iso hoxe ten que volver ao primeiro plano o debate sobre a soberanía das nacións sen estado, sobre a democracia e o seu significado, por suposto, sobre o modelo económico social ou a sustentabilidade medioambiental do planeta.

DEBATE SOBRE O MODELO DE UE

Trátase dun debate que debemos afrontar, que debemos impulsar socialmente. Por iso é imprescindíbel debater sobre o actual modelo de UE e pór en primeiro plano a necesidade dun outro modelo alternativo. A Unión Europea é un edificio institucional feito ao servizo dos intereses dos amos das finanzas onde xa nin se respectan as mínimas formalidades democráticas.

Galiza (certo tamén que como consecuencia da integración española) pagou a segue a pagar un alto prezo pola entrada nesta UE. Os nosos sectores produtivos básicos, reducidos á mínima expresión e, como consecuencia, a desertización económica. As regras arbitrarias seguen condicionando o noso desenvolvemento, como sucede agora co naval e as decisións europeas sobre o tax-lease que teñen como resultado, como puidemos coñecer polos medios de comunicación, que estaleiros holandeses incrementen a súa carteira de pedidos namentras se reduce a nosa a cero.

Todo isto acontece co beneplácito de Feijóo, tan viaxeiro el, e de Rajoy, tan ocupado en recortar e dar “confianza” aos especuladores.
Quédanos cando menos, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

PODERES NON DEMOCRÁTICOS NOS GOBERNAN

Soplan ventos preocupantes nesta Unión Europea campeona do neoliberalismo. Así o demostran as reformas de tratados de Alemaña máis limitantes aínda da soberanía que só atopan oposición na City londinense (nunha nova demostración de que entre financieiros anda o xogo). Así se ve tamén na imposición de gobernos a gosto da Banca e como síntoma da podremia, a aceptación polos Parlamentos de Italia e Grecia, con “técnicos” (de Lehman Brothers, do FMI, de Goldman-Sachs) á fronte deses gobernos.

En definitiva, falamos de poderes non democráticos, non elexidos por ninguén, mandando, sentando as bases, escrebendo a crónica dun desastre anunciado.

E nese marco tóxico, letal para os pobos, aplican a política os gobernos do PP.

A reforma exprés da Constitución imposta por eses poderes e aceitada por PP/PSOE como antesala da acción do goberno de Rajoy. Rajoy, montando na súa maioría absoluta, avanza a toda máquina, impulsando o seu programa recentralizador, ansitocial, ao servizo da banca.

Pouco tardou en convertir o seu lema “o emprego o primeiro” en “recortes para o pobo, o primeiro”. Recortes en emprego público, en prestacións sociais, conxelación do soldo mínimo, o que supón unha baixada efectiva, suba de impostos para os de sempre.

A CRISE COMO COARTADA

Todo isto é o inicio do inicio con unha reforma laboral regresiva, a privatización de todo o privatizábel, fritir a impostos ás clases populares, unha suba de prezos, e a entrega das caixas á banca no horizonte inmediato. Iso sí, a financiación da Igrexa católica fica garantida e o gasto militar nin tocalo, é unha prioridade para o ministro. E, por suposto, as grandes fortunas poden ficar tranquilas.

Adolfo Muíños e Guillerme Vázquez

As consecuencias serán tremendas para a maioría: máis recesión, máis paro, máis desequilibrio entre os que máis e os que menos teñen, unha progresiva pauperización social.

E a crise como coartada para avanzar na recentralización do Estado. Trátase de reducir os escasos avances na autonomía política a unha simple descentralización administrativa tutelada, vixiada, tamén a nivel orzamentario, impudicamente. O estado español, canta máis soberanía cede vírase máis ferreamente centralista.

E o goberno de Feijóo, tan ineficaz para xerar emprego, como entusiasta no ataque á nosa identidade nacional, xa non é capaz de ocultar o seu fracaso, a pesar dos intentos do máis que notábel aparato da propaganda ao seu servizo.
Ao traxe de “austeridade” ábrenselle as costuras e por elas asoma a Galiza real, terra queimada co paro por riba da media estatal, a emigración, o despoboamento como signo evidente dun tecido económico do noso país enfraquecido máis e máis.

Por iso, acabado o tempo de tapar a súa propia incompetencia, culpando ao goberno central, xurden voces que piden eleccións anticipadas, curioso porque é un goberno con maioría absoluta (non sexa o demo que os galegos e galegas acaben por abrir os ollos).

Desfeita económica, tamén en materia financieira (Feijóo pasará á historia como o presidente galego que permitiu a expoliación do aforro galego), desfeita no plano identitario.

Baixo este goberno do PP, a quinta columna, a FAES, como a definimos ao comezo do mandato ataca ao propio idioma; non se reaxe frente á recuperación pola Igrexa, nada menos que do Panteón de Galegos Ilustres; apóianse actuacións inaceptábeis como a do Valedor do Pobo, ou se declara a obra de Castelao como Ben de Interese Cultural Inmaterial.

GOBERNO AGONIZANTE

Estamos diante dun goberno, a pesar das apariencias, agonizante, sen máis proxecto que seguir recortando, que acaba eliminando a Consellaría de Medio Rural e a de Cultura no seu organigrama. Isto é todo un síntoma da renuncia a manter un perfil propio en función das necesidades do país, síntoma da vontade de actuar como simple delegación do goberno central.

Por iso, en tempos máis de retroceso que de avance é máis necesario formular unha alternativa capaz de servir de guía para cambiar o rumbo, para avanzar. Como a que está a formular o BNG: soberanía, autogoberno real; democracia; cambio da política económica; traballo como obxectivo, condicións de vida dignas, como irrenunciábeis.

Para unha nación como Galiza non haberá solucións aos problemas sen soberanía, sen capacidade de decisión real. Se algo nos singulariza a os/as nacionalistas é a defensa da soberanía nacional. Sabíao ben Castelao e por iso, non por acaso, estabeleceu como proxecto estratéxico do nacionalismo galego a superación da dependencia política de Galiza e como táctica a consecución do Estatuto.

No “Sempre en Galiza” afirmaba Castelao: “Unha nación é soberana e ten dereito a organizarse autonómicamente (…) A nación ten dereito a federarse con outras e a separarse da Federación cando lle conviñer. Unha nacionalidade, pois, ten dereito, incluso, a constituírse en Estado independente”.

Afirmou tamén Castelao: “O Estatuto implicaba o recoñecimento xurídico de Galiza como rexión diferente e non era cordo desaproveitar a oportunidade que a República nos ofrecía (…) Pero ben sabiamos nós que toda mercede ou favor baixado de Madrid a Galiza é cousa precaria, insuficiente, confiscábel e así, un galeguista consciente só con carácter transitorio pode aceitar unha autonomía con hipoteca, pois calquer institución galega, que non xurda da propia soberanía implicará subordinación, dependencia e escravitude”.

Afirmacións que recobran actualidade e vixencia no actual momento político, onde a ofensiva recentralizadora non deixa marxe á esperanza.

DEMOCRACIA, GOBERNO PARA O POBO

Democracia, goberno para o pobo, liberdade de información, de opinión para poder decidir libremente.
No Estado, democracia e tamén recoñecemento da realidade plurinacional.
En Europa, outra Europa democrática, dos pobos, das nacións, da cohesión social, defensora da paz.

Outra política económica e fiscal ao servizo do pobo: autonomía fiscal, intervención pública na economía, reforma fiscal, banca pública, control público galego do banco resultante das caixas, recorte do gasto innecesario no eido militar e nas axudas á Igrexa Católica. E, por suposto, supresión das Deputacións por principio, por aforro do gasto, etc.

En definitiva, gasto produtivo para tirar da economía e gasto social, traballo na terra, salarios dignos, dereitos sociais, traballo como valor porque é o traballo o que crea riqueza, traballo como necesidade para as persoas e para a reactivación da economía, e dereitos irrenunciábeis, dereito á sanidade, á educación, etc.

Compañeiros, compañeiras

A Asemblea Nacional que celebraremos a fin de mes é unha excelente oportunidade para decidir libre, democrática e soberanamente que proxecto ofrecemos a Galiza, para termos un debate de ideas, facer un diagnóstico acaído e ofrecer solucións concretas, un proxecto político para a Galiza de hoxe, cos problemas e realidades de hoxe.

Concluído o proceso asemblear, esotu seguro de que redoblaremos os nosos esforzos por Galiza. Lideraremos a oposición á política de dereita centralista e neoliberal.

Avanzar cara unha Galiza soberana, cara un modelo económico e social xusto é a nosa meta e a nosa tarefa. Unha meta que só poderemos alcanzar crendo nela, loitando por ela, con rumbo adecuado e tripulación decidida.

Compañeiros, compañeiras

Os dereitos non se regalan, conquístanse. Por iso, non é tempo de conformismo nin de rutina. É tempo de rebelión, de loita, de acción, de revolta. Tempo de coherencia política e persoal, tempo de entrega do mellor de nós mesmos. Así de duro, así de claro.

Compañeiros, compañeiras

Pola soberanía, a democracia e a xustiza social loitou toda a súa vida Castelao e nós honrámolo seguindo o seu exemplo.

Moito ánimo, moita forza.
Viva Galiza!


12345 (Non valorado)
Loading ... Loading ...

Fai un comentario