Isto é o que hai de ‘Comunicación’

Xuño 11th, 2010

O desexo de comunicar

Aquí estou. Acabo de saber que a isto, a este pequeno escrito, chámaselle post, palabra inglesa, of course. Pois aquí estamos, escribindo as primeiras palabras, o primeiro post, neste blog, ao tempo que tamén me estreo nas redes sociais, Facebook e Twitter. Por que o fago? No fondo, porque se un está en política está porque ten desexos de comunicar cousas e de intercambiar pontos de vista e experiencias coa xente. No meu caso, no caso dos que estamos no nacionalismo galego, imos modestamente un pouco alén diso: queremos comunicar cousas non para que as cousas continúen igual, senón para modificalas, para transformalas. Para construímos un mundo mellor e unha Galiza máis libre.

Coa que está caendo no planeta, temos que multiplicarnos e estarmos alí onde está a xente. Temos que comunicar desacomplexadamente o que somos e o que queremos. Somos galegas e galegos e queremos outro presente e outro futuro para o noso País e para a Humanidade.

Aquí vou escribir de todo, a bon seguro que con algo máis de desenfado que nas comunicacións máis formais. Aquí haberá algún que outro desabafo. Convídovos a vivir conmigo o que vos aseguro que para mín é toda unha nova aventura.