Isto é o que hai de ‘Economía’

Setembro 7th, 2011

Intervención na concentración en contra da reforma da Constitución na praza do Obradoiro

Como sabedes, o BNG está a desenvolver unha campaña para expor a nosa posición en contra da reforma da Constitución e en demanda dun referendo. Tivemos concentracións nas sete cidades galegas e o venres, día 2, estivemos na praza do Obradoiro dicindo «NON» a esta reforma da Constitución. Velaquí vos deixo a miña intervención nese acto no que estiveron membros da Executiva e cargos orgánicos e institucionais do BNG.

Un momento da intervención na concentración do Obradoiro

Un momento da intervención na concentración do Obradoiro


read more »

Marzo 7th, 2011

13-M: un bloque social para defender o País

Comeza unha semana moi importante para as e os que defendemos un futuro distinto para o noso País. É a semana da manifestación do 13-M que convocamos conxuntamente BNG e CIG baixo o lema de Galiza ten Dereito, en defensa do Aforro, o Emprego e o País. Unha mobilización que ten como obxectivo pór en marcha todas as enerxías do noso pobo en defensa de principios básicos para calquer nación: o dereito a dispor do seu propio aforro, o dereito a desenvolver políticas que críen riqueza e postos de traballo dignos, o dereito ao pleno autogoberno.

Estou esperanzado porque sei que non estamos sós. Sei que canda nós está un bloque social de miles de galegas e de galegos que se ten expresado con moita clareza durante estes dous primeiros anos de desgoberno Feijóo. Un bloque social que se ten botado ás rúas para defender a súa lingua frente a un Goberno que no canto de protexela fai todo o que está na súa man para minorizala; un bloque social que tamén ten protagonizado mobilizacións históricas en defensa dos nosos hospitais públicos ou que ten convertido a Galiza, nas dúas folgas xerais, na vangarda das protestas contra as medidas antisociais adoptadas polo Goberno do PSOE.

A VOZ DA RÚA FRENTE AO DESGOBERNO FEIJÓO

A forza deste pobo ninguén a poderá deter. Por moita blindaxe propagandística da que dispoña o desgoberno Feijóo, a voz da rúa vaise acabar abrindo paso. Por dignidade, por xustiza e por necesidade material elemental. Coas políticas que patrocinan PSOE e PP através dos aparatos gubernamentais do Estado e da Xunta, Galiza non ten futuro. É algo que vai alén da crise. Levamos séculos aturando os efeitos negativos das políticas centralistas, de políticas pensadas para realidades distintas da nosa. É hora de apostar claramente por nós propios, polas nosas propias forzas, por unha vía xenuinamente galega.

TRABALLO NAS INSTITUCIÓNS E MOBILIZACIÓN SOCIAL

Levamos ben máis de ano e medio criticando o que hai -basicamente as propostas neoliberais de PP e PSOE- e dicindo a continuación que si hai alternativa, porque a hai. E levamos ben máis de ano e medio dicindo que o BNG concibe a política non só como a práctica do traballo nas institucións, senón tamén como mobilización social. Non pode haber política nacionalista e de esquerdas sen a suma do traballo institucional e a mobilización social. En definitiva, Galiza non ten futuro se o pobo galego, e as maiorías sociais, non participan activamente na vida pública. E aí os formatos son múltiples: indo a manifestacións, acudindo a actos e a asembleas, ensanchando as redes sociais, vertebrando o País por abaixo, falando con compañeir@s e amig@s no traballo ou nos espazos de lecer…

Estamos no momento en que ese bloque social debe ser o protagonista. Estamos no momento en que ti, amábel leitor deste blog, tes que ser o protagonista. Está nas nosas mans. Realmente nós temos o poder porque somos máis. O que temos é que animarnos a exercelo. O que temos é que derrotar a lóxica da inercia e da resignación. O que temos é que pelexar polo Futuro, como fixeron os que nos precederon e os que conquistaron as cousas -o aforro, o emprego, certos dereitos sociais- que agora os neoliberais de toda caste pretenden arrebatarnos. Non llelo permitamos. Galiza ten Dereito. Fagámosllo saber este domingo en Santiago de Compostela. Demostrémoslles do que é capaz o pobo galego.

Xaneiro 17th, 2011

Ou nós ou os amos do universo

Estes días teño utilizado a expresión «os amos do universo», alcuñada no seu día polo escritor norteamericano Tom Wolfe na súa novela A Fogueira das Vaidades, para referirme aos poderosos que gobernan o mundo. É ben mellor chamarlles así que chamarlles «os mercados». «Os mercados» é unha expresión abstracta e trampulleira, unha cortina de fume. Falemos claro: detrás dos chamados «mercados» están os sectores sociais de élite que controlan a economía mundial. Sectores sociais de élite que podemos identificar basicamente co capital financeiro, isto é, coa grande banca e cos fundos privados de capital. Eles son os que através de determinadas institucións de carácter supraestatal (o FMI, o Banco Mundial, a Comisión Europea) impoñen as políticas de axuste duro, neoliberal, aos gobernos e aos parlamentos.

Os Amos do Universo van a por todas. No Estado español van a polas caixas de aforro e a polo sistema público de pensións. Unha ofensiva antisocial sen precedentes. E ante iso só hai dúas opcións: ou a resignación ou a loita por transformar as cousas. Desde logo, as compañeiras e os compañeiros do BNG témolo ben claro. Eliximos a opción da loita, de non ficarmos de brazos cruzados. Por iso apoiamos a folga xeral convocada pola CIG para o 27 de Xaneiro. Porque non queremos ser cúmplices dun retroceso histórico nas condicións de vida da imensa maioría social. Xa está ben. Non hai ningunha xustificación para continuar metendo puñaladas nas costas aos sectores máis débiles da nosa sociedade. Non pode ser que a cobiza polo lucro desmedido duns poucos deteriore as condicións de vida da inmensa maioría da xente.

E o que non pode ser de ningún modo é que os Amos do Universo manden sobre os gobernos e sobre os parlamentos. O que está en crise non é só a economía, é a propia Democracia. Iso é o que está en xogo. Por iso o 27 de Xaneiro temos que movernos e proclamarmos que aquí ten que mandar a inmensa maioría -cada día máis empobrecida- e non unha minoría de privilexiados -cada día máis acaudalados.

Eu si que creo que lle podemos dar unha volta a isto. Polo BNG desde logo non vai a quedar.

Outubro 6th, 2010

«En que nos beneficia ás galegas e aos galegos a Europa dos Estados? En nada»

Ola a todas e todos!

O pasado sábado tiven a honra de clausurar as xornadas que a Fundación Galiza Sempre organizou en Santiago sob o títulod e A Crise e o futuro de Europa. A perspectiva dos pobos.

Achégovos aquí o contido literal da miña intervención:

Amigas e amigos

É para min unha honra intervir na sesión de clausura destas xornadas que a Fundación Galiza Sempre ten organizado baixo o suxerente título de A crise e o futuro de Europa. A perspectiva dos pobos read more »