Isto é o que hai de ‘Economía’

Setembro 23rd, 2010

Claro que é posíbel unha folga exitosa

Os medios pedíronme hoxe un prognóstico sobre o grao de seguimento da folga xeral. Díxenlles que non teño unha bola de cristal. Engado aquí que o que si vexo é moita receptividade social ás nosas propostas. E o que si podo afirmar é que claro que é posíbel unha folga exitosa. Xa as houbo no pasado. Depende de todas e de todos nós. Da nosa mobilización. Da nosa implicación. Folgas xerais anteriores provocaron marchas atrás quer do Goberno Felipe González quer do Goberno José María Aznar. Estamos ante un ataque gravísimo aos dereitos laborais e sociais. A resposta debe ser proporcionada e, portanto, masiva. O BNG, desde logo, ten claro con quen está e de que lado se quer poñer. Do lado das maiorías sociais. Da inmensa maioría da sociedade, a que vive exclusivamente do seu traballo. Outros xa sabemos de que lado se poñen.

Xullo 2nd, 2010

Vagar para escribir

Uf, levo non sei cantos días sen escribir unhas letras neste caderno. Non sei que dicir no meu descargo. A verdade é que estes días non parei, de aquí para alí, fixen unha chea de cousas, moito activismo político e moito contacto coa sociedade, e iso non sempre che deixa marxe para porte a escribir. Desculpas mil! En todo caso, fun algo máis dilixente no Facebook e no Twitter, que xa sei eu que son de consumo máis rápido, pero que tamén teñen a súa utilidade comunicativa, ou cando menos iso espero.

A verdade é que estes días foron frenéticos. Teño a sensación de que o ritmo de aceleración da Historia, e non me quixera poñer pomposo, é hoxe moito maior que en calquer tempo pasado. Vai todo rapidísimo e un evento solápase sobre o outro a unha velocidade tal que moitas veces non hai tempo a reflexionar con acougo non sobre o que sucede na superficie, senón sobre os fenómenos subxacentes, o que hai detrás do que vemos.

Xa que me poño, quixera non perder a oportunidade de abordar sumariamente tres temas:

1. A sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut.

A verdade é que non me surprendeu grandemente. Véxoa plenamente congruente coa recentralización en marcha no Estado. Un Estado que se nega a suprimir Ministerios que invaden competencias autonómicas. Un Estado que promove unha lexislación básica para a privatización das caixas de aforro e a súa desterritorialización. Ese Estado está claro que non vai tolerar o máis mínimo avanzo cualitativo cara ao autogoberno das nacións sen Estado.

2. Os insaciábeis mercados.

Leo a noticia de que os insaciábeis mercados (en concreto, unha axencia de cualificación, desas que non tiveron reparos en cualificar coa máxima nota as hipotecas sub-prime) teñen na cabeza rebaixar a puntuación á débeda española. Paréceme un escándalo que poda estar en mas privadas (as axencias de cualificación son empresas privadas de capital norteamericano) a cualificación da débeda pública de Estados soberanos. Cada vez que unha desas axencias baixa a puntuación, o erario público ten que pagar máis cara a débeda. Ou sexa, ten que incrementar a transferencia da renda desde os contribuíntes (que na inmensa maioría somos traballadoras e traballadores) aos prestamistas (que son a grande banca internacional).

Isto así non vai. Isto hai que cambialo e canto antes.

3. As declaracións de Feijóo sobre o voto emigrante.

O presidente do Goberno galego nen máis nen menos que pediu onte aos emigrantes que se empadronasen en concellos galegos para votaren, xa que agora non o van poder facer nas municipais.

Mais iso é claramente unha fraude de lei: hai que acreditar unha residencia de cando menos seis meses nun concello para empadronarte.

Que lle pasa a Feijóo? Creo que o traizou o subconsciente. Creo que o PP está bastante nervoso e que ve que, se nas próximas municipais non poden votar os residentes ausentes, se lle poden ir das mans non poucas Alcaldías no noso País.

Xuño 18th, 2010

Claro que hai alternativa!

Estes días pergúntame moita xente, e algúns xornalistas, se realmente hai alternativa ás políticas económicas que se ditan desde Alemaña e que se aplican sumisamente por parte dos gobernos de Madrid (PSOE) e Santiago (PP). E claro que a hai. Por dicilo dalgunha maneira, é que se pensásemos que non a hai, teríamos que concluír que non existe democracia. E eu son dos que penso que o pobo, a maioría social, pode perfectamente artellar outra realidade, outro modelo socioeconómico, que poña a economía ao servizo das maiorías e non das minorías. Onte estiven en Vigo na manifestación convocada pola CIG e reafirmei a miña convicción de que claro que hai esperanza e de que claro que hai alternativa, a que en Galiza contribuímos a construír as e os nacionalistas galegos. A reacción social, a rebeldía, a rebelión frente a un mundo dominado polo capital financeiro é o único que pode salvar o presente e o futuro. A contrarreforma laboral do PSOE é un ataque moi grave contra os dereitos do Traballo e está pensada para desequilibrar aínda máis a relación entre Traballo e Capital, a favor do segundo, claro. Sen presión social non hai saída para todos aqueles que vivimos exclusivamente do noso traballo e do noso esforzo, para todos aqueles que queremos un mundo non rexido pola lóxica da maximación dos lucros.

Xuño 12th, 2010

Con produtores de leite: son este País

Onte estiven con produtores de leite. Cada vez fican menos. Son capaces de producir leite de calidade e a prezos moi competitivos. Gastaron o que non tiñan (ou sexa, que se endebedaron) para modernizar as explotacións e para as adaptar ás esixencias de Bruxelas ou Madrid. Por que van quedando menos? Porque non hai políticas que os protexan e por que non se garante un prezo que lles permita vivir con dignidade. Pero resisten, loitan polo seu futuro, non se renden, apesar de todas as dificuldades. Son este País. Merecen respeito, consideración e apoio.