Isto é o que hai de Maio 11th, 2011

Maio 11th, 2011

Mércores, 11 de maio

Continúo viaxe no coche, sen lugar a dúbidas a miña primeira residencia neste tempo de campaña. Máis teño que dicer que hoxe me erguín na miña casiña de Pontevedra, alí durmín as poucas horas que me restaron desde que cheguéi da entrevista en Canal 24 que foi tarde, despois das 23 horas. Xa diredes que vos pareceu. Non había moita marxe pois en cinco minutos non podes contar vida e obras pero sí deixar clara a mensaxe do BNG: unha forza política nacionalista de esquerdas que nada ten que haber coas políticas de dereitas do PP e do PSOE.

Así o dixen tamén no mitin de pola noite en Betanzos. Non esquezades que o 22M non se trata só de elexir concelleiros e concelleiras, hai que optar entre as políticas de dereitas que practican tanto PP como o PSOE ou a política galega de esquerdas do BNG. Os outros nada novo oferecen, non teñen alternativa máis que as que lles mandan de Bruxelas ou de Alemaña. Hai que escoller entre os que están sempre na estratexia dos poderosos ou pola contra, os que estamos na estratexia das necesidades da xente.

Creo que por iso Feijoo está obsesionado con nós. E esta campaña non vai ser tán fácil como pensaban os populares porque a xente xa comeza a coñecer quen é Feijoo e o que dá de si que francamente é ben pouco. A iso hai que sumar que proxecto do BNG concentra ese cambio que miles de cidadáns deste pais queren. Polo tanto, é entendíbel a súa teima con nós.

No mitin de onte á noite tamén din resposta á maledicencias que Feijoo anda dicindo do BNG. Hai que ser irrespetuoso para afirmar que o BNG chega a acordos a cambio de subirnos en coches oficiais!!. Creo o ladrón que todos son da súa condición cando moitos de nós entramos en política para defender a democracia e loitar contra a ditadura nun momento no que moitos dos seus membros de partido xa ían en carro oficial ás ordes de Franco.