Entradas etiquetadas ‘dólar’

Xuño 11th, 2010

Quen elixiu os mercados? A quen representan?

Estes días veño utilizando un termo que considero non só útil, senón modernísimo, se por modernísimo entendemos o que é actual, o que lle convén ao momento que vivimos.

O termo é Rebelión. E contrápoñoo a unha alternativa que por suposto non considero nen útil nen modernísima: a sumisión. Non é útil para as maiorías sociais e desde logo non é moderna, é máis ben un termo que, de seguilo, nos levaría de volta ás condicións de vida do século XIX, cando moitas das conquistas das que agora desfrutamos (e que nos queren arrebatar) aínda non foran nen imaxinadas.

Vivimos momentos moi convulsos, mais tamén vivimos momentos apaixonantes para aqueles que estamos na vida pública co obxectivo de mellorar as cousas para a nosa nación, Galiza, e tamén, por que non dicilo, para cambiar o mundo.

Temos por diante unha crise económica, certo, pero tamén unha crise da democracia. Unha crise que consiste en que por vez primeira en décadas a xente pode ver con claridade como os poderes políticos son simples apéndices dos poderes económicos. Cando un gobernante di que ten que recortar salarios e conxelar pensións ou abaratar o despedimento porque llelo están pedindo os mercados, en que lugar fica a democracia? Quen elixiu os mercados? Que lles deu o poder que teñen? A quen representan?

Non podemos aceptar mansamente este mundo. O BNG, desde logo, non o acepta. E traballará duro para que a política volva a representar á xente e non aos especuladores.