O viño é cultura
Febreiro 21, 2008 7:37 pm Sen categorizarDin que Woody Allen, mentres rodaba a súa última película en Barcelona, pediu unha botella de Emilio Rojo para cear. Din tamén que este restou importancia á anécdota asegurando que preferiría que o seu protagonista fora Chiquito de la Calzada. Unha miga de provocación por parte do bodegueiro que máis ten contribuido á internacionalización do noso Ribeiro, segundo nos contan nunha visita ao Consello Regulador. Alí falamos de viño pero tamén de cultura, dese patrimonio inmaterial que o BNG tenta non só salvagardar senón tamén pór en valor. Viño, que non “caldos”, acláranos o presidente da D.O, Luis Anxo Rodríguez, porque os caldos son algo turbio, todo o contrario ás nosas uvas: treixadura, torrontés, lado… agora ameazadas pola próxima reforma da OCM.
E non o digo eu, que esta é unha reforma total e absolutamente nefasta para Galiza, senón que os propios afectados, as cinco Denominacións de Orixe galegas, coincidiron en dar a voz de alarma sobre as medidas adoptadas en Europa e asumidas pola ministra e agora candidata do PSOE por Ourense, Elena Espinosa, quen de seguro que é das que cae nese tópico tan irresponsábel e inxusto de que o mellor tinto galego é un Rioja.
O viño: o branco e tamén o tinto, de dárlle unha oportunidade, “é a voz do ribeiro, é sinal de identidade, é territorio, é orixe, é calidade, é esforzo da xente, da nosa xente, ao longo da Historia. E iso é o que hai que defender na OCM, iso é o que vai defender Iago Tabarés en Madrid”, Alfredo Suárez Canal, Ribadavia, onte.
Grazas, Alfredo.






