Quen son

Iago neno

Eu son Iago TABARÉS. Si, en maiúsculas non porque queira berrar senón para que meu pai fique contento, toda vez que nesta temporada os máis dos meus compañeiros, sobre todo os alcaldes -debe ser porque sempre están obsesionados co urbanismo- deron en rebautizarme como Iago Seara. Nacín en Ourense o 16 de Setembro de 1969 e cheguei até aquí grazas a Mari Cruz e a Andrés, a Andrés e … Mari Cruz. Si, o mesmo está feo e eu son dos primeiros que nunca preguntarei ás miñas fillas a quen queres máis pero neste caso non podo facer outra cousa que recoñecer a miña debilidade, igual porque son o pequeno, igual porque era outra xeración, esa na que as mulleres están só na casa, vivindo por e para os fillos, tres neste caso. A cuestión é que hoxe eu son o que son, no persoal, grazas a ela, o meu referente, que -igual que o Rafa, meu irmán- me transmitiron tolerancia, xenerosidade e saber estar. No político, tamén debo salientar un nome propio, Pepe Peña: Xosé Henrique Rodríguez Peña, un home -penso- ás veces inxustamente pouco recoñecido do que, máis alá da evidente coincidencia ideolóxica, valoro o seu traballo honesto e de grande compromiso co País, a súa concepción da política, o seu xeito de entendela. El tívoo claro, moito antes de que a nosa sintonía sexa unha homenaxe á Xente: cómpre abrirse á sociedade, “sacar o BNG das oficinas á rúa”, como adoitaba dicir.

 Iago Bandeira

Malia que o meu curriculum político activo non ven das épocas da Universidade, a miña introdución ao nacionalismo venme de moi novo, da man do meu irmán Rafa e do pouso do meu avó materno, vencellado á Xeración Nós. Logo dos anos en Santiago, onde me licenciei en Dereito, hai algo máis dunha década din o paso á militancia, pois considerei que cumpría unha maior implicación, un maior compromiso pola miña parte ante a realidade política e social que vivía a miña provincia. Así o asumín e así decidín tamén aceptar a responsabilidade de ir nas listas nas eleicións municipais de 2003. Foron dous anos na oposición a Manuel Cabezas nos que tentei contribuir a que as cousas foran mudando no concello e nos que fun aprendendo isto da cousa pública, da compoñente máis visíbel -aínda que non por iso máis importante- que ten a política. Aprendín que depositastes en min moita confianza e tentei e tento non defraudar, tanto dende o Concello como agora dende o Parlamento galego, onde exerzo como deputado dende o 2005, como dende o Congreso se así o decidides o 9 de Marzo.

Non creo no político profesional, así que laboralmente me establecín aquí na cidade nun despacho colectivo, xunto ao Rafa, a Belén e a Begoña aínda que, obviamente, agora son colexiado non exercente por cuestións de incompatibilidade. Non é unha renuncia, cando un acepta responsabilidades políticas as renuncias, consentidas e consensuadas -cos compañeiros e A compañeira- veñen no persoal. Non vou pór en dúbida que xogo con ventaxa, porque son home e sei que nisto da conciliación aínda queda moito por facer e a muller leva a peor parte pero quero deixar constancia de que o políticO, masculino singular, tamén ten alma, é humano e como tal gosta, alomenos este é o meu caso, de poder ver medrar a Paula e a Marta.